Sete anos despois de que a saída de Máis Galiza do BNG desembocase na creación de Compromiso por Galicia (CxG), o partido agora liderado por Juan Carlos Piñeiro vén de asinar o seu primeiro acordo electoral co Bloque. A portavoz nacional da formación frontista, Ana Pontón, rubricou este luns co secretario xeral de CxG un pacto que non é unha coalición -o prazo para rexistralas xa finalizou-, senón que pasa pola incorporación dun membro de Compromiso a cada unha das catro listas que o BNG presentará para o Congreso dos Deputados nas eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro.
Pontón e Piñeiro subliñan que, dende as "lexítimas diferenzas ideolóxicas", BNG e CxG coinciden en "non estar subordinadas a ningunha outra forza estatal" e por iso poden "defender con liberdade as aspiracións do pobo galego"
Pontón e Piñeiro presentaron este luns ante os medios o que aseguran que é un acordo "froito da responsabilidade, da xenerosidade, da clareza das posicións políticas na defensa dos intereses da sociedade galega". O acordo, manteñen, non "obvia" as "lexítimas diferenzas ideolóxicas entre ambos proxectos", senón que "pon en valor a suma de forzar como fórmula para ampliar a candidatura do BNG" mediante o acordo con "forzas políticas galegas" que como CxG e o propio Bloque, "non están subordinadas a ningunha outra de ámbito estatal e son capaces de defender con liberdade as aspiracións do pobo galego".
Co obxectivo "de que Galiza volva ter voz propia no Congreso a través dunha candidatura de país", din, o acordo apóiase nun decálogo de "principios políticos compartidos". Entre eles, subliñan "a consideración de Galiza como nación" e "a defensa do dereito de autodeterminación". No eido económico ambos apostan polo sistema de concerto ou a banca pública galega. Tamén salientan "o feminismo e as políticas pola igualdade como prioridade política" ou "a defensa dos servizos públicos".
Para Pontón, que CxG vaia pedir o voto para o Bloque "pon o foco no obxectivo de garantir que Galiza recupere representación propia en Madrid"
Para Pontón, que Compromiso apostase por este acordo amosa a "responsabilidade" dos de Piñeiro "nesta conxuntura electoral". A decisión "pon o foco no obxectivo de garantir que Galiza recupere representación propia en Madrid", coida. Neste sentido, Piñeiro coida que "é momento de facer política útil" e, neste sentido, "apostamos por centrarnos naquilo que nos une ao servizo do país". Para a líder do Bloque, o feito de que CxG vaia "pedir o voto para a candidatura do BNG nas eleccións do 10N" vén "ampliar" e "reforzar" esta opción como "caniddatura de país, a única que vai poder defender os intereses dos galegos e galegas sen dependencias de forzas estatais".
Nas eleccións xerais do 28 de abril o BNG obtivo un total de 94.433 votos e Compromiso por Galicia logrou 2.760 sufraxios nas catro circunscricións galegas. No 10N as candidaturas do BNG estarán lideradas por Néstor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra) e o seu principal obxectivo é dar logrado representación no Congreso, onde o Bloque logrou escanos por primeira vez en 1996, recuncando en todo os comicios ata os de 2015, cando ficaron fóra.