O congreso de Máis Galiza deixa a porta aberta ao cambio de siglas

Ao redor de 500 militantes e simpatizantes de +G participaron este domingo no congreso da organización CC-BY Praza Pública

Cumpriuse o guión. A Asemblea Nacional de Máis Galiza decidiu que a que ata agora foi corrente interna do BNG se converta en partido, pero fóra da formación frontista. Un total de 316 dos participantes na cita asemblear deron luz verde a unha decisión que supón, na práctica, o remate da +G que botou a andar tras a Asemblea Nacional Extraordinaria celebrada polo Bloque en 2009, tanto no que atinxe ao seu modelo organizativo como ás súas cabezas visibles. No segundo aspecto, o dos liderados, o novo partido terá á fronte a Xoán Bascuas en calidade de secretario xeral e, atendendo aos textos aprobados, deixa aberta a porta a un cambio de siglas e imaxe corporativa. Substitúe a Carlos Aymerich, ata agora coordinador dunha organización na que xa "non se recoñece". O ex voceiro parlamentario permanecerá no BNG e con el farano varios dos que ata agora foron referentes da corrente, caso por exemplo da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, encargada de defender ante o plenario a proposta de resolución contraria á escisión.

Aymerich afirma que "xa non se recoñece" en +G e Bascuas ve "espazo para unha nova forza política"

Nun clima recoñecido como "cordial" por ambas partes, que apostan por unha separación o menos "traumática" posible, González realizou unha intensa intervención en torno a un BNG "saído de Amio que non nos gusta a ningún de nós", pero que é "tan noso coma deles", en referencia á actual dirección nacionalista. A rexedora tomiñesa púxolle voz aos que pensaban que o camiño de +G debía pasar por "quedar no BNG, para esixirlle á UPG novas normas de convivencia". "Miremos a forza que temos xuntos e poñámola a funcionar" dentro do Bloque, reclamou.

Malia á boa valoración xeral da intervención da voceira dos partidarios da permanencia, uns e outros xa daban por feita a ruptura mesmo antes da votación. O novo secretario xeral, aínda como voceiro dos militantes que apostaban pola marcha, lamentaba que as aspiracións do grupo de Aymerich, a quen homenaxeou, non sexan posibles, ao seu xuízo, dentro do Bloque. "No BNG non é posible o asemblearismo pola existencia do centralismo democrático", afirma Bascuas. Dende o seu punto de vista, "a evolución da sociedade galega" creou "espazo para unha nova forza política". 

Votación da Asemblea Nacional de +G
Saír do BNG 316 69,1%
Ficar no BNG 133 29,1%
Abstencións 8 1,8%

Unha vez coñecidos os resultados Aymerich dirixiuse por derradeira vez ao plenario de Máis Galiza para desexarlle "sorte" na súa nova andaina e tamén para amosarse convencido de que as "pontes" que "quedan tendidas" favorecerán a unidade nacionalista no futuro. "O malo", di, é que neste proceso "perderemos tempo e perderemos xente". De cara ao futuro inmediato o parlamentario, que continúa a coidar que o Bloque, "con todos os seus defectos" é "a mellor ferramenta para evitar que Feijóo siga gobernando", anuncia a súa intención de "seguir a traballar dende dentro" e facelo "de maneira organizada". Neste sentido, explica que unha "xestora" comezará de inmediato a dar pasos para a constitución desa nova corrente, na que Aymerich lles outorga especial importancia aos once alcaldes e catro parlamentarios que tampouco optaron pola escisión.

Xoán Bascuas intervén ante o plenario CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA TingaLaranga AudioVisual

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.