"O nacionalismo galego de esquerdas ten agora un problema máis, o da súa división". O veterano militante nacionalista Xesús Veiga Buxán reflexionaba deste xeito minutos despois de que a Asemblea Nacional de Máis Galiza, corrente á que pertenceu dende a súa fundación, decidise abandonar o BNG. Poucos días despois da disolución de Inzar, Veiga, que permanece no Bloque, lamenta unha ruptura que "cabía agardar", na súa opinión, polo "proceso de división interna que comezou na última asemblea" da formación frontista "e que tivo agora a súa continuidade" en +G.
Neste escenario, Veiga concorda co diagnóstico realizado por Máis Galiza no que ten que ver coa "necesidade de conectar" con máis "sectores sociais" dende o nacionalismo, pero non coa solución da escisión, que dá lugar ao "desartellamento" dunha "casa común" que, ao seu xuízo, se deteriorou pola "perda de importantes doses de pluralidade" no seo do BNG. Esa creba, di, requerirá nos vindeiros anos que "todas as partes" tenten "reconstruír" unha unidade que, dende o seu punto de vista, é "responsabilidade" de todos os implicados, pero "principalmente de quen detenta a maioría no BNG".
Así e todo, Xesús Veiga chama a realizar "esforzos" por prte de "todos" para "reconstruír o nacionalismo de esquerdas" mentres, en Máis Galiza, o seu novo secretario xeral, Xoán Bascuas, traza ante os seus militantes os primeiros pasos da formación, xa constituída en partido. A través dunha carta dirixida ao conxunto de afiliados Bascuas "agradece" o ton mantido na asemblea e congreso constituíntes e tamén o "inmensísimo traballo" de Carlos Aymerich. "Estou seguro de que máis cedo que tarde -afirma- os nosos camiños se volverán cruzar para servir conxuntamente o país".
Á marxe do proceso congresual o líder de +G detalla que, "a curto prazo", os obxectivos do partido serán dous: "o reforzamento, consolidación e expansión" da súa propia estrutura e "o necesario diálogo a entablar con outras organizacións coa vista posta nas próximas eleccións nacionais galegas". De xeito paralelo, di, Máis Galiza "atenderá a diferente casuística existente" na militancia "que ocupa cargos institucionais". "Estableceranse as canles apropiadas de asesoramento xurídico e político para atender, caso por caso, as incidencias derivadas de tal condición", explica.