Bescansa será a cabeza de lista pola Coruña do partido de Errejón

Bescansa, durante a súa campaña para intentar liderar Podemos en Galicia © Equipo Carolina Bescansa

En outubro de 2018 anunciou que abandonaba a política tras perder as primarias para liderar Podemos en Galicia fronte a Gómez-Reino, afín a Pablo Iglesias

A ex-deputada de Podemos e cofundadora da formación Carolina Bescansa, de orixe compostelá, será a cabeza de lista do novo partido de Íñigo Errejón, Más País, pola Coruña, unha das dúas circunscricións, xunto con Pontevedra, nas que prevé presentarse en Galicia. Así o confirmou a propia Bescansa en Twitter na noite deste venres, menos de tres días antes de que este luns día 7 se peche o prazo para formalizar as candidaturas para as eleccións xerais do 10 de novembro.

“Dou este paso coa vontade de evitar, na medida das miñas posibilidades, que a abstención remate coas posibilidades de escribir un novo futuro para o noso país. Grazas Más País. É unha honra liderar a candidatura de A Coruña”, di a súa mensaxe. Bescansa tamén asegurou, nunha entrevista na Cadena Ser, que a candidatura ofreceulla o propio Errejón e que non estaba "en absoluto previsto" pero que se presenta porque "non se pode volver repetir o que pasou despois do 28 de abril".

En abril de 2018 Bescansa filtrou por erro o seu plan para liderar Podemos

Neses anteriores comicios xerais Bescansa non concorreu nas listas de Unidas Podemos tras o seu distanciamento da dirección do partido e as súas discrepancias coas estratexias políticas da cúpula de Pablo Iglesias. En abril de 2018 Bescansa filtrou por erro na súa canle do sistema de mensaxería instantánea Telegram o seu plan para liderar Podemos tras distanciarse de Iglesias na Asemblea de Vistalegre II de hai dous anos. Posteriormente tratou de liderar o partido en Galicia, pero perdeu as eleccións primarias en outubro de 2018 ante o agora deputado de Podemos pola Coruña Antón Gómez-Reino, aliñado con Iglesias, quen logrou case o 55% dos votos fronte ao 45% de Bescansa.

Tras esa derrota, Bescansa anunciou que deixaba a política. Desde a súa marcha do partido, sempre mostrou o seu apoio a Errejón, en especial cando este decidiu abandonar o seu escano como deputado no Congreso. "Íñigo Errejón deixou o seu escano. Ao meu xuízo, é un gran erro e un síntoma máis da deriva que, tristemente, tomou a nosa organización", dixo daquela.

Bescansa e Errejón no Congreso cando os dous eran deputados de Podemos © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.