Carolina Bescansa participou este xoves por segunda vez na campaña electoral de En Marea intervindo nun mitin en Vigo. A responsable de Análise Política e Programa de Podemos coida que compartir acto político con Xosé Manuel Beiras ou Martiño Noriega é boa mostra do "diálogo" interno e da "transversalidade" da coalición, alén das diferenzas "tácticas" entre organizacións. Di estar convencida de que a súa formación lle pode disputar o primeiro posto ao PP nas eleccións do domingo e a iso atribúe as mensaxes de "medo" que, afirma, están "funcionando, pero nun sentido inverso" ao desexado polos populares. Augura unha maioría de "cambio" na que a representación de En Marea, afirma, "traballa por Galicia".
Que balance fai da campaña?
Fixemos unha campaña con moita honestidade e claridade, explicándolle á xente coa máxima nitidez as nosas propostas para mudar o noso país. O balance non pode ser mellor, chegamos en condicións de gañar as eleccións xerais e de disputarlle o primeiro posto ao PP. Coido que imos ter unha gran alegría.
Aínda que non coñecemos enquisas publicadas cre, daquela, que a campaña puido mover o sentido do voto de parte do electorado?
Está a ser unha campaña decisiva, porque hai moita xente que aínda está en disposición de decidir o que vai votar. Aínda que é menos xente que no 20D, está en torno ao 30 por cento. Estamos nuns marcos de competición electoral que non teñen nada que ver co que coñecemos nos 80 ou nos 90. Aquel sistema de partidos rompeu e xa non existen as lealdades partidistas que viñan por asignación case familiar ou por vínculos históricos. O que temos por diante é un cambio político en torno a Podemos que é unha realidade irreversible, de aquí a catro días ou de aquí a catro anos.
Antes da campaña vostede participou na asemblea de En Marea para tender pontes que semellaban fendidas. Cre que o logrou?
"O nivel de diálogo e coherencia orgánica de En Marea é moi alto; temos que poñer por riba da mesa a nosa unidade"
O nivel de diálogo e coherencia orgánica dentro de En Marea é moi talto, con independencia de que sempre, cando se fai unha xuntanza de diferentes organizacións, poida haber enfoques tácticos diferentes. O nivel de acordo é alto, tanto é así que volvemos presentarnos coas mesmas fórmulas, cos mesmos candidatos e co mesmo programa. Ás veces a xente que ten máis medo ao cambio busca fórmulas para desautorizar os procesos de cambio, e unha forma moi antiga é "divide e vencerás". Contra ese argumento o que temos que poñer por riba da mesa é a nosa coherencia, a nosa unidade e a nosa organización en torno ao mesmo proxecto.
Que vostede comparta un dos actos centrais da campaña de En Marea con Xosé Manuel Beiras e con Martiño Noriega tenta expresar esa vontade de cohesión, alén de pedir o voto?
Trátase de expresar unha realidade que está na rúa, que hai unha maioría transversal á que se incorpora xente que vén de traxectorias diferentes e que está polo cambio, por sacar este país da situación de crise na que se atopa e sacar a corrupción que atravesa as institucións. Nas últimas corenta e oito horas vimos ata que punto é profundo ese nivel de corrupción, e hai unha maioría social que non quere máis diso.
A respecto do caso que coñecemos nos últimos días, o do señor Fernández Díaz, o presidente da Xunta coida que o reprochable é a difusión das gravacións en período electoral, ademais de defender as explicacións do ministro...
"Dá moita mágoa que quen aspira a protagonizar a rexeneración do PP peche filas cando se ven as cloacas do Estado"
Dá moita mágoa que xente que aspira a protagonizar a rexeneración ou a renovación do PP, cando chegan situacións coma estas, onde se ven as cloacas do estado e as formas máis corruptas de entender o público, reaccionen coma sempre, pechando filas, defendendo o indefendible. O PP só ten un camiño, que é o da oposición, o camiño de abandonar as institucións e que a xente entre nelas.
O seu acto en Vigo celebrouse apenas vinte e catro horas despois e case no mesmo lugar que un mitin do PP no que interveu unha muller venezolana para instar a non confiar en Podemos pola situación que vive ese país. Aseguran que o relato desta muller é mostra do que sucedería en caso dunha vitoria do seu partido...
É evidente que tanto o PP como os aliados naturais do PP tiveron moito interese dende o comezo da campaña en poñer o debate a cinco mil quilómetros. Nós viñemos para explicar que queremos facer política fiscal expansiva, que queremos incrementar o investimento público e reverter os recortes, que o sector público sexa motor económico... Se hai xente que, non tendo nada que explicar, quere facer unha campaña sobre o que pasa a cinco mil quilómetros, boa sorte. Pero a ente está moi cansa.
Este venres devólvelles a visita o alcalde da Coruña, no peche de campaña de Unidos Podemos en Madrid. Estará porque o consideran, dalgún xeito, referencia de En Marea, aínda que non sexa candidato? A súa presenza nese acto, por significativa, está a ser moi comentada en Galicia...
"Xulio Ferreiro representa que o cambio xa comezou e que é un proxecto político con polos diferentes"
Por suposto que é significativa, porque Xulio Ferreiro representa a nivel estatal un dos puntos máis das alcaldías do cambio, do gran movemento de transformación política que supuxeron as municipais, que o levaron a el á alcaldía da Coruña, a Martiño en Compostela, a Ada Colau en Barcelona ou a Manuela Carmena en Madrid. Xulio Ferreiro representa, de maneira incontestable, que este proceso de cambio xa comezou e que é un proxecto político con moitos polos diferentes, heteroxéneo pero cun acordo social que é transversal.
Ata que punto o resultado do domingo pode influír nas eleccións galegas un bo resultado de En Marea o 26X?
Non me cabe dúbida de que estas eleccións son decisivas na historia de España e, polo tanto, tamén na de Galicia, e van marcar unha pauta moi importante.
Cal cre que debe ser a fórmula que o espazo político das mareas empregue para esas eleccións galegas?
Non existen moitos precedentes de forzas políticas que crecesen tanto cada vez que se abren as urnas. A fórmula das mareas ten un éxito incontestable, son fórmulas que encaixan moi ben coa pluralidade que hai na cidadanía e penso que teñen que ser as compañeiras e compañeiros de En Marea quen decidan. Polo de agora temos unhas eleccións moi importantes o domingo e nelas toda a xente das mareas están envorcada en obter o meirande número de apoios para garantir que o luns esteamos en condicións de propoñerlle ao xefe do Estado que Pablo Iglesias sexa o próximo presidente do Goberno.
Ata que punto pode considerar o electorado que os intereses galegos están representados por En Marea? O BNG dilles que Galicia estivo “ausente” na breve lexislatura, e tamén se escoitaron nos últimos días críticas nese sentido dende o PP.
Eu ben o sinto. Penso que esta valoración ten que ver co descoñecemento do que os deputados e deputadas de En Marea fixeron nas Cortes. Aínda que fose unha lexislatura sen goberno, non o foi sen traballo parlamentario. Alén do traballo en comisións e das propostas en pleno, eu querería destacar unha delas, que tivo unha forza política e simbólica no peche da lexislatura: A solicitude da comisión de investigación sobre o accidente de Angrois. Alén de moitas outras que fixeron, ese debate no pleno visualizou unha realidade que ten compoñente social e política, pero tamén de corrupción. Foi un traballo admirable do grupo de En Marea. Sinto que outros actores non sexan quen de recoñecer que esas iniciativas marcan a diferenza e de que hai xente traballando por Galicia.
"O compromiso de Podemos [co grupo parlamentario para En Marea] está fóra de dúbida"
Trabucouse En Marea ao prometer un grupo propio malia non depender directamente da propia formación?
Eu penso que se fixo o que se puido facer. A vontade política está aí. Tamén penso que quedou explicitado que a configuración do grupo parlamentario depende da vontade da maioría da Mesa do Congreso. E, como estamos en condicións de gañar as eleccións, tamén o estamos de gañar a Mesa do Congreso.
Se dependese de Unidos Podemos, daquela, En Marea tería grupo propio?
Eu quero recordar que foi condición sine qua non para iniciar as negociacións co PSOE, e o PSOE comprometeuse a apoialo. O compromiso de Podemos está fóra de dúbida.