O pasado marzo Pedro Sánchez acudiu ao polideportivo coruñés de San Francisco Xavier como líder da segunda forza en número de escanos no Congreso e presidente do Goberno de España dende había apenas dez meses en virtude da moción de censura que desbancara a Mariano Rajoy. Naquel mitin do PSOE, marcado pola protesta de persoal de Alcoa no exterior, Sánchez apelara a construír unha "maioría parlamentaria" pola esquerda que permitise continuar a reversión dos recortes e ir alén con medidas como a lei de eutanasia.
Os socialistas apelan a "saír votar coa mesma forza que en abril" para garantir un goberno da "única forza serea" que afasta "radicalismo e extremismo", dixo Sánchez
Este domingo Sánchez regresou ao mesmo escenario. Volveu ser presentado por Inés Rey, daquela candidata e agora alcaldesa da cidade, quen advertiu que ten unha longa axenda de peticións ao Goberno de España para as que, di, cómpre que o PSOE continúe na Moncloa. Hai que "saír votar coa mesma forza que en abril", pediu Rey para apelar á mobilización do electorado que no 28A tornou os socialistas en primeira forza no conxunto do Estado e, por primeira vez na súa historia, tamén en Galicia.
![](https://praza.gal/storage/uploads/48967526166-620f227de8-b-3366a17.jpeg)
Entre os ecos da exhumación de Franco, que Sánchez reivindicou como "unha vitoria de todos demócratas", o líder socialista repasou os elementos que ao seu xuízo caracterizan a PP, Ciudadanos, Podemos e Vox para concluír que, sobre "o mar de siglas", as únicas que serven para "avanzar" son as do "PSOE". Nin o "espantallo" da gran coalición que axita Pablo Iglesias, acusou, nin un Casado que agora se presenta como "moderado" porque "xa non me chama felón", ironizou. "O único partido que pode garantir un goberno forte é o PSOE", conclúe.
O líder do PSOE asegura que o seu Goberno vai seguir "cumprindo con Galicia" en eidos como o AVE ou o futuro da térmica das Pontes e, "dentro de pouco", en colaboración "cun presidente da Xunta como Gonzalo Caballero"
Co pano de fondo da situación en Cataluña, Sánchez di garantir algo máis. Se hai que "afastar o radicalismo e o extremismo" o que cómpre é "unirnos en torno á única forza serea que pode garantir convivencia, concordia, paz e liberdade" porque propón -por esta orde, enfatizou- "lei e diálogo". Por iso tampouco serviría un goberno de coalición con Podemos no que "a metade queira defender a orde constitucional" e "outros digan que a sentenza non hai que acatala e hai presos políticos".
Se o 10N recunca como máis votado, asegura, o seu goberno tamén seguirá "cumprindo con Galicia", xa sexa "co AVE" ou co futuro da térmica das Pontes porque "defendermos, apoiaremos as zonas que están sufrindo o cambio de modelo enerxético" na "loita contra o cambio climático". E todo isto farao, augura, tras "gañar outra vez as eleccións" en Galicia e, "dentro de pouco", en colaboración "cun presidente da Xunta como Gonzalo Caballero".
O propio Caballero apelara precisamente minutos antes á mobilización necesaria do 10N como preludio da mudanza en Galicia. "Enfronte", advertiu, están "tres dereitas que se suman, chegarán ao goberno". Esa é a principal razón pola que "ningún progresista se pode poñer de perfil". "O único voto útil, que vai chegar ao Parlamento e garante un goberno de esquerdas, que non se vai poñer de perfil cando haxa que elixir presidente" é o do PSOE, proclamou o líder do PSdeG.