Catorce forzas políticas optan aos escanos galegos nas eleccións xerais do 10N

As circunscricións galegas elixen vinte e tres escanos no Congreso CC-BY-NC-SA Praza Pública

A sentenza do procés catalán e o feito de que se trate das cuartas eleccións xerais en catro anos está a provocar que os trámites previos aos novos comicios do vindeiro 10 de novembro pasen aínda máis desapercibidos do que é habitual. Así e todo, os acurtados prazos seguen a correr e este 15 de outubro o Boletín Oficial do Estado publica as candidaturas que concorrerán ao Congreso e ao Senado o 10N.

As formacións que obtiveron representación en abril recuncan nas catro provincias para o 10N; entre as principais novidades está a ausencia de En Marea e a aparición de Más País na Coruña e Pontevedra

No caso das circunscricións galegas, un total de catorce forzas políticas optarán aos vinte e tres escanos asignados ás provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. As formacións que nas últimas ou en anteriores eleccións xerais obtiveron representación presentan listas polas catro circunscricións. É o caso do PSdeG, o PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos ou o BNG.

Entre as novidades a respecto do 28A destaca a ausencia de En Marea, que decidiu non concorrer, e o debut de Más País. O partido de Íñigo Errejón só concorre polas circunscricións que máis escanos reparten, as da Coruña e Pontevedra, onde se presentan un total de doce listas. O mesmo número son as presentadas en Lugo, mentres que en Ourense serán só dez.

Como xa avanzaran os diferentes partidos, a maioría das vinte e tres persoas que obtiveron escanos por Galicia no 28A recuncan nas candidaturas para este 10N. Só tres non o fan, dúas delas por seren situadas noutros postos polas súas formacións -Ana Pastor (PP) é agora número dous por Madrid e Marta Rivera de la Cruz (Ciudadanos), conselleira na Comunidad de Madrid- e unha terceira, a socialista lucense Sonsoles López, por decidir retirarse da candidatura tras ser desprazada do segundo posto ao terceiro.

Estas son as opcións nun contexto electoral que, atendendo ás enquisas, favorecerá a recuperación dun PP que o pasado abril padeceu en Galicia unha circunstancia inédita: ser superado polo PSdeG como forza máis votada. Resta saber se os inquéritos atinan tamén ao vaticinaren unha certa recuperación do que se deu en coñecer como bipartidismo, isto é, da preponderancia de populares e socialistas sobre o resto de forzas.

En só tres das catorce eleccións xerais que van celebradas dende 1977 obtiveron representación no Congreso polas circunscricións galegas máis de tres forzas políticas

Esa será unha cuestión a ter en conta nun contexto electoral, o galego, no que a presenza de máis de tres candidaturas diferentes con representación no Congreso é notablemente excepcional. Non en van, das catorce eleccións xerais que xa se celebraron dende 1977 isto só sucedeu en tres ocasións -1986, 2015 e 2019-. A formación que máis veces repetiu como terceira forza alén de PP e PSOE foi o BNG, cinco veces. 

Desta volta son cando menos catro forzas as que concorren ao 10N aspirando a obteren representación alén dos dous grandes partidos tradicionais. En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos din verse en condicións de recuncar polas circunscricións nas que lograron escano en abril, A Coruña e Pontevedra, se ben en ambas provincias figura agora unha nova forza que aspira ao mesmo, Más País, e é tamén nelas -especialmente na coruñesa- onde o Bloque pon o foco para tentar regresar ao Congreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.