O socialista desembarcou este sábado en Galicia participando como presidente nun foro na Toxa no que cargou contra o independentismo e como candidato nun mitin xunto a Abel e Gonzalo Caballero no que lanzou todo tipo de compromisos
Unha transición ecolóxica xusta, un novo sistema de financiamento autonómico, defensa do sector agroalimentario contra o proteccionismo estadounidense, apoio ao rural... Foron só algunhas das numerosas promesas que lanzou este sábado en Vigo nun mitin de precampaña o candidato socialista ás xerais do 10N, Pedro Sánchez. Unhas horas antes, actuando como presidente do Goberno en funcións, Sánchez participaba nun foro organizado na Toxa polo grupo hoteleiro Hotusa no que cargou contra as “falacias e mentiras” do independentismo, ao que instou a asumir o seu “fracaso”. Nun e noutro lugar Sánchez apelou á estabilidade política, para a que se presentou como o mellor garante.
Pola mañá Sánchez, como presidente, aseguraba na Toxa que quen gaña unhas eleccións non pode impoñer o seu programa senón acordalo con outras forzas ao tempo que quen perde non pode bloquear “o que as urnas lles negaron”, pedindo implícitamente apoio a todo o arco parlamentario. Pola tarde esas verbas convertéronse en críticas directas tanto a Podemos, do que volveu dicir que non sería un socio fiable co que gobernaría tranquilo, como á dereita pola deriva que, dixo, está a ter cara a posturas extremistas. Nesa liña, Sánchez lembrou a sentenza do Supremo que permite ao Goberno exhumar os restos de Franco do Val dos Caídos e, tras as acusacións de Vox ás trece rosas, citou un por un os nomes desas mulleres fusiladas pola ditadura.
Sánchez tamén respondeu na súa intervención ao anuncio realizado este mesmo sábado polo líder de Ciudadanos, Albert Rivera, de que agora estaría disposto a facilitar a investidura do socialista. Este dixo que non lle pide o seu apoio a "un partido que pacta coa ultradereita" senón só "que non bloqueen" a formación de Goberno.
Na súa intervención, un día antes de que este domingo o candidato do PP, Pablo Casado, celebre un acto en Oleiros centrado na industria, e tras varias xornadas con noticias negativas nese eido en Galicia, Sánchez comprometeuse co sector e en particular coa situación xerada polo anuncio de peche da central das Pontes. “Dígolle ás Pontes que o Goberno de España aprobará unha transición ecolóxica xusta”, asegurou Sánchez, sen concretar máis.
“Vendo o resultado electoral que ten Abel, eu non pido tanto”, dixo Sánchez sobre o alcalde de Vigo
Antes de Sánchez no mitin de Vigo interviron o alcalde, Abel Caballero, e o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta o próximo ano, Gonzalo Caballero. O primeiro, amosando páxinas do Boletín Oficial del Estado (BOE), enumerou diversos estudos encargados polo Goberno central nos últimos meses de futuras e longamente prometidas infraestruturas para a cidade para asegurar que todas elas estaban a ser desbloqueadas por Sánchez. O segundo, pola súa banda, centrou o seu discurso en pedir a mobilización dos votantes socialistas e cargar contra as políticas da Xunta de Feijóo.
Na súa intervención posterior Sánchez prometeu a Gonzalo Caballero o seu apoio para arrebatar a presidencia da Xunta a Feijóo e, á inversa, agradeceu a Abel Caballero os resultados dos socialistas na cidade. “Vendo o resultado electoral que ten Abel, eu non pido tanto”, dixo.