A exhumación de Franco acaba con 44 anos de permitida exaltación do ditador no seu mausoleo

O cadaleito de Franco sae da basílica do 'Valle de los Caídos' a ombros de familiares do ditador © Goberno de España

Case 44 anos despois de que o ditador Francisco Franco fose enterrado con honras no Valle de los Caídos os seus restos saíron da basílica con dirección ao cemiterio público de Mingorrubio-El Pardo, poñendo fin a décadas de permitida exaltación nun lugar propiedade de Patrimonio Nacional. A data do 24 de outubro quedará sinalada nos libros de Historia e nas hemerotecas das moreas de medios de comunicación de todo o mundo que cubriron o acontecemento.  

Foi pouco antes da 1 do mediodía cando o féretro saíu, portado por varios familiares do ditador, entre eles Luis Alfonso de Borbón, logo de algo máis de tres horas de traballos. O cadaleito foi introducido nun vehículo fúnebre logo dun último responso e entre berros de "viva España" e "viva Franco" por parte dos familiares do xeneral fascista e que foron perfectamente audibles na retransmisión en directo que ofreceu o Executivo central a través da súa web.  

Á chegada ao helicóptero, varios dos militares encargados da aeronave cadráronse ante Francis Franco, neto do ditador. Despegou ás 13.30 e chegou ao cemiterio de Mingorrubio cinco minutos antes das 2 ante unhas 200 persoas que, brazo en alto, vitoreaban a Franco. Antes insultaran o presidente do Goberno central e aos xornalistas alí presentes. 

O féretro de Franco saíu pouco antes das 13 horas do Valle de los Caídos, 44 anos despois da súa morte e tras décadas de exaltación fascista no seu mausoleo

Máis de catro décadas tras a morte do ditador --e 22 anos con gobernos do PSOE-- o xeneral fascista saíu por fin dun lugar construído por presos do réxime e concibido como homenaxe ao franquismo, permitido aínda en democracia. Alí xacen 33.000 mortos de ambos bandos da Guerra Civil e máis de 110.000 represaliados polo fascismo continúan en cunetas e foxas comúns por todo o Estado. A exhumación é só un dos moitos capítulos que aínda quedan pendentes na memoria histórica do Estado. 

Entre eles, tamén, a retirada de honras a cargos do réxime fascista ou a recuperación de todas as propiedades que foron espoliadas polo franquismo e a familia do ditador, como as estatuas do Pórtico da Gloria, polas que pelexa por vía xudicial o Concello de Santiago, ou o Pazo de Meirás, do que unha demanda da Avogacía do Estado vén de reclamar a súa recuperación para o patrimonio público entre recursos e atrancos dos herdeiros do ditador. 

Precisamente alí, no Pazo de Meirás, adoita lucir aínda un enorme panel no que a Fundación Francisco Franco alude ao "xenocidio dos católicos españois", censura o "sadismo" e "crueldade" da Fronte Popular e ataca aqueles que avogaron por exhumar o corpo de Franco do Valle de los Caídos, que define como "o monumento funerario máis importante erguido pola humanidade no século XX". "Isto retrotráenos a 1936", di unha das frases. A Xunta mesmo instara á Fiscalía a abrir unha investigación por se puidese haber delito por apoloxía do fascismo. Nada se soubo. 

O Pazo de Meirás, que o Estado reclama a través dunha demanda, fai apoloxía do franquismo e critica nun cartel a exhumación de Franco

Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, lembra o impactante de que en Meirás se faga apoloxía do franquismo e contra a exhumación sendo un Ben de Interese Cultural (BIC). Ademais, considera que "aínda que a exhumación non debera ser unha noticia", responde ao deber de que "un ditador non sexa merecedor de honras nun Estado de deretio que pretende avanzar na democracia e na convivencia". "É un xesto simbólico, pero debería ser o principio de moitos máis", engade. 

Iniciativa Galega pola Memoria, pola súa banda, advirte da "situación anómala" no Estado "respecto dos dereitos humanos" que "queda reflectica na tardanza na retirada dos restos do ditador e as controversias que houbo a respecto do seu culto e apoloxía dos seus crimes". "Esta vitoria do movemento memorialístico non debe facernos esquecer o moito que queda por facer", asegura a entidade nun comunicado. 

Mentres, durante o proceso para a exhumación de Franco, varios centos de manifestantes fascistas concentráronse desde ben cedo á entrada do Valle de los Caídos ou no cemiterio de Mingorrubio con símbolos franquistas e cánticos a prol do ditador ou contra o Goberno central. Entre eles, o tenente coronel golpista Antonio Tejero, que foi recibido con vítores e mesmo axudado por axentes da policía para superar a multitude. 

Ademais, a familia Franco, a través dun dos netos do ditador, Francis Franco, intentou tamén lucir unha bandeira franquista no Valle de los Caídos, tal e como fixo á mañá á saída do seu domicilio. Portouna dobrada en varias imaxes, aínda que non foi pousada enriba do féretro, como pretendía, senón que foi interceptada por varios axentes.  

Xa fóra, berrou "viva Franco" xunto aos seus familiares, ante a ollada, afastada, da ministra de Xustiza en funcións, Dolores Delgado, que asistiu ao acto como notaria maior do Reino. 

Sánchez deféndese das críticas de electoralismo

O presidente en funcións do Goberno central, Pedro Sánchez, asegurou nunha comparecencia pública que "a España actual é froito do perdón, pero non pode ser produto do esquecemento". Para o xefe do Executivo, a exhumación pon fin a un "agravio" e di, ante as críticas de electoralismo, que o proceso fíxose cando foi posible "nin un día antes nin un despois". "Cando o Valle de los Caídos volva abrir as súas portas, os que accedan vanse atopar un sitio distinto porque serán todo vítimas", dixo. 

Desde os partidos políticos, o PP evitou falar da exhumación pero difundiu unha campaña na que pide "centrarse nas cousas que realmente inflúe nos españois". "Pasado ou presente? Futuro", responden os populares. En Ciudadanos, o seu líder, Albert Rivera, criticou que "desenterrar os ósos dun ditador" fose "a prioridade do Goberno". 

En Galicia, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, dixo "respectar e acatar" a sentenza da exhumación de Franco, pero avisou de que os problemas de España "seguen". Galicia en Común, pola súa banda, celebrou a saída dos restos de Franco de Cuelgamuros pero apelou a "non esperar a outra campaña" para a recuperación de Meirás. 

No BNG, a súa portavoz, Ana Pontón, destacou a "boa nova" malia chegar "con 40 anos de atraso". “Queda moito traballo por facer para acabar con todo o residuo tóxico do franquismo que contamina a democracia”, dixo. Pola súa banda, a voceira do Bloque en Europa, Ana Miranda, destacou que a exhumación é "só un paso" no cumprimento das directrices que marca a Resolución contra o avance do fascismo en Europa, aprobada polo Parlamento Europeo hai xusto un ano. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.