Os Franco recorren a comparecencia do Concello de Sada e da Xunta de Galicia na demanda presentada polo Estado para a recuperación do Pazo de Meíras. Así o anunciou este venres a administración local tras recibir a notificación do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña da presentación dun recurso de reposición contra o auto do día 10 de setembro polo que se acordaba a intervención do municipio e do Goberno galego no proceso.
Os Franco recorren o auto do 10 de setembro que acordaba a comparecencia do Concello de Sada e a Xunta na demanda interposta polo Estado
Os Franco, no seu escrito, alegan que o Concello de Sada "non ten interese lexitimo para poder intervir na demanda interposta polo Estado español" xa que, segundo din, o único ánimo "viría determinado por un interese meramente político do asunto". O mesmo recurso foi interposto tamén contra a comparecencia no proceso da Xunta, segundo confirman fontes xurídicas.
O Concello de Sada entende que "nin os Franco nin os seus representantes xurídicos e procesuais leron o Plan Xeral de Sada nin leron o escrito polo que se solicitaba a intervención de Sada no procedemento", xa que a posibilidade de recuperar para o patrimonio do Estado o Pazo de Meirás (declarado BIC en 2008) "ten unha clara repercusión nos intereses municipais, pois son as determinacións do Plan Especial ao que se remite o ámbito no PXOM, a incorporación do BIC ao patrimonio público, así como a xestión das visitas por parte do Concello, o que incide directamente e de forma especial na cidadanía do municipio".
Nun comunicado, o Concello lembra que mantén "de forma pública e notoria desde hai anos", unha posición activa "tendente á recuperación do Pazo de Meirás a favor do patrimonio público", unha posición que "é recoñecida pola representación procesual do Estado ao solicitar que se comunique a demanda ao Concello".
"Van atopar non só oposición do propio Concello, senón tamén do conxunto da cidadanía"
"É contraditorio que os Franco digan que desexan un proceso rápido e, porén, recurran de inmediato a decision xudicial de comparecencia", engade a administración local, que considera a manobra "un burdo intento de querer apartar o Concello de Sada da demanda que ten por obxectivo a recuperación para o patrimonio publico do Pazo de Meirás".
"Van atopar non só oposición do propio Concello, que presentará nos vindeiros dias escrito de oposición ao recurso dos Franco, senón tamén do conxunto da cidadanía sadense e galega que desexan de xeito unánime que o Pazo de Meirás sexa recuperado para o patrimonio público para acabar dunha vez co anacronismo histórico de que o edificio sexa detentado polos herdeiros do ditador", finaliza.
Precisamente, os avogados da familia Franco deron a coñecer esta semana os seus principais argumentos para opoñerse ás intencións da demanda do Estado. Entre outros moitos, os herdeiros do ditador ampáranse na inacción das administracións públicas durante décadas respecto do Pazo para defender a súa propiedade, ademais de negar a "fraude" e a "compra simulada" do inmoble que lles atribúen varias investigacións e documentos.