O Consello de Ministros volveu dar luz verde ao proceso de exhumación do ditador Francisco Franco do Valle de los Caídos para a súa posterior reinhumación no cemiterio do barrio madrileño de El Pardo tras recibir o visto e prace do Tribunal Supremo. Farase entre entre este venres, 11 de outubro e non máis tarde do día 25. A familia será avisada con 48 horas de antelación, segundo anunciou a vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.
O Goberno de Pedro Sánchez fixou un intervalo de días no que pode facelo por motivos de seguridade, aínda que avisará á familia do ditador 48 horas antes para que poida estar presente
O Goberno de Pedro Sánchez fixou un intervalo de días no que pode facelo por motivos de seguridade, aínda que avisará á familia do ditador 48 horas antes para que poida estar presente. Dando ese prazo, o Goberno cambia o procedemento respecto ao de hai uns meses, cando anunciou que a exhumación sería o 10 de xuño ás 10 horas da mañá. A intención do Goberno é que a retirada dos restos se produza con "discreción" polo que á basílica non poderán acceder os medios. Si o fará a familia e a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, na súa calidade de notaria maior do Reino.
Calvo explicou que durante este período de tempo se tomarán as "decisións técnicas e de seguridade" pertinentes para o procedemento. O dispositivo de seguridade é unha das cuestións que máis preocupou ao Executivo na preparación da exhumación do ditador ante a posible presenza de exaltados. De feito, a fórmula favorita da Garda Civil para o traslado do féretro era en helicóptero.
O Executivo asegura que a negativa do prior a autorizar a entrada na basílica para sacar os restos do ditador non será ningún problema tras a "clara" resolución do Supremo
O Executivo asegura, ademais, que a negativa do prior a autorizar a entrada na basílica para sacar os restos do ditador non será ningún problema para levar a cabo a exhumación porque contan coa resolución "clara" do Tribunal Supremo. "É unha situación rotunda do tres poderes do Estado", dixo Calvo en referencia ao cumprimento dun mandato que xurdiu do Congreso en maio de 2017 coa aprobación dunha proposición non de lei que reclamaba a exhumación, a posterior decisión do Consello de Ministros de levalo a cabo e a sentenza do alto tribunal.
"Este é o noso terceiro e último acordo do procedemento administrativo", celebrou a vicepresidenta, que asegurou que con el se pecha "con dignidade rotundamente o que non era digno", é dicir, "non ter ao ditador nunha tumba de Estado". "Queremos que ese lugar se circunscriba á paz, ao perdón, á xustiza de quen foron vítimas dunha atroz contenda. A nosa lei, Nacións Unidas, o Parlamento din que o ditador non podía estar no mesmo lugar no que estaban as vítimas", sentenciou.