Os restos de Francisco Franco poderán ser exhumados da basílica do 'Valle de los Caídos' e trasladados ao cemiterio de Mingorrubio, no barrio madrileño de El Pardo, como propón o Goberno de España. O cadáver non será inhumado na catedral da Almudena, situada en pleno centro de Madrid, como pretendían os seus descendentes.
Os seis xuíces ditaminan que o cadáver do ditador debe abandonar Cuelgamuros porque a lei da Memoria Histórica prevé que ese complexo torne nun espazo de recoñecemento das vítimas da Guerra Civil e da ditadura
A Sección Cuarta da Sala Terceira do Tribunal Supremo desestimou por unanimidade a totalidade do recurso interposto polos familiares do ditador ante o acordo do Consello de Ministros que fixaba para o 10 de xuño a súa exhumación e a posterior reinhumación en Mingorrubio. A súa saída do mausoleo foi paralizada pola Sala ata que houbese sentenza. O avogado do Franco, Luis Felipe Utrera Molina, xa anunciou que os seus clientes "van dar a batalla ata o final".
Os seis xuíces, que tardaron pouco máis dunha hora en deliberar, ditaminaron este martes que o cadáver do ditador debe abandonar Cuelgamuros, dado que a lei de Memoria Histórica prevé que ese monumento se converta nun espazo de recoñecemento das vítimas da Guerra Civil e a ditadura.
Os descendentes de Franco recorreran o acordo do Consello de Ministros que fixaba o procedemento de exhumación e reinhumación. Os seus familiares querían trasladalo ao nicho propiedade da familia na cripta da catedral da Almudena, onde están enterrados a súa filla Carmen e o seu marido, o marqués de Villaverde. Esa catedral está a poucos pasos do Palacio Real, anteriormente coñecido como de Oriente e centro de exaltación franquista.
Coa súa decisión, os maxistrados do Alto Tribunal avalan o criterio do Goberno sobre onde levar os restos. O Executivo propuxo trasladalos ao cemiterio de Mingorrubio, onde descansa Carmen Polo, a muller do ditador. Este ditame pon fin a quince meses de enfrontamentos legais nos que os Franco tentaron truncar os plans de sacar o cadáver do conxunto monumental.
O tribunal avala a decisión gobernamental de soterrar o ditador nun cemiterio do barrio madrileño de El Pardo e non na catedral de La Almudena, onde pretendían situalo os herdeiros
Pedro Sánchez anunciou que quería exhumar ao ditador tras gañar a moción de censura en xuño de 2018, como un xesto simbólico para as vítimas do franquismo. O 'Valle de los Caídos' está financiado polo Estado, é de titularidade e pública e aloxa ao ditador xunto a miles das súas vítimas.
Daquela o Goberno iniciou un procedemento administrativo e rexeitou todas as alegacións que presentaron os netos de Franco, logrando que o Congreso dos Deputados avalase os seus plans, coa abstención de PP e Ciudadanos. A familia decidiu acudir á xustiza e presentou unha demanda ante o contencioso administrativo do Supremo. A exhumación estaba paralizada preventivamente desde o 4 de xuño, cando o mesmo tribunal ordenou que se suspendese a operación, prevista para o 10 de xuño, á espera dunha sentenza definitiva. O Goberno central di agora que pretende efectuala canto antes, a ser posible antes do inicio da campaña electoral do 10N.