En Marea e BNG denuncian que a exhumación de Franco non traia tamén a devolución de Meirás

Interior do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

En Marea e BNG, como xa fixera esta semana o Concello de Sada, lamentaron este venres que a decisión do Consello de Ministros para a exhumación e traslado do dictador Francisco Franco do Valle de los Caídos non inclúa a recuperación do Pazo de Meirás, así como outras propiedades da familia do ditador como a Casa Cornide ou as estatuas do Pórtico da Gloria, no Real Decreto aprobado.

En Marea reclama ao Goberno de Sánchez que "adopte as medidas oportunas para reparar esta inxustiza con anterioridade á tramitación parlamentaria"

Así, desde En Marea consideran que se "debe aproveitar esta modificación da Lei de Memoria Histórica para garantizar que Pazo de Meirás sexa de uso e proveito público". A formación esixe, xa que logo, que o Goberno central "adopte as medidas oportunas para reparar esta inxustiza con anterioridade á tramitación parlamentaria". 

Desde En Marea consideran "imprescindible" a "ansiada recuperación para o patrimonio público" e rematar así "coa vergoña de que o Pazo de Meirás continúe estando en mans dos herdeiros do ditador, sabendo que esta propiedade foi conseguida con violencia e extorsión". "O Estado español debe rematar con este espolio e homologarse aos países do noso entorno no trato ao seus dictadores e as súas propiedades adquiridas de xeito ilícito", din. Ademais, lémbranlle ao Executivo de Sánchez que esta reclamación foi realizada "por moi diversos colectivos sociais e políticos e co acordo unánime do Parlamento Galego, que insta o Goberno ao inicio inmediato de accións xudiciais para a recuperación do inmoble".

“A memoria histórica non pode recuperarse de maneira selectiva”, di Luís Villares

O voceiro no Parlamento galego da formación, Luís Villares, “a memoria histórica non pode recuperarse de maneira selectiva”. Ademais, o poravoz no Congreso, Antón Gómez-Reino, declarou que "alén de sacar os restos do ditador do Valle de los Caídos, hai que sacar a familia do ditador do Pazo de Meirás”.

O BNG, pola súa banda, reclamou ao Goberno de Sánchez un "compromiso para restituír a memoria histórica en Galiza". A deputada nacionalista, Noa Presas afirmou que “o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria son exhumacións pendentes en Galiza” polo que reiterou a reclamación da devolución dos bens espoliados durante o franquismo.

“O Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria son exhumacións pendentes en Galiza”, di o BNG

Ante o decreto que posibilitará a exhumación dos restos mortais do ditador Franco no Valle de los Caídos, a parlamentaria do BNG  instou o novo Goberno a "decretar por lei" outros asuntos pendentes de maneira real, “máis alá de operacións cosméticas”. Neste sentido, reclamou ese compromiso para facilitar “unha axenda galega de recuperación da memoria histórica” porque, “o franquismo non só vive nos restos do seu ditador”, vive, explicou Presas, “nos títulos nobiliarios, nos xuízos franquistas ilexítimos e en todo o patrimonio espoliado aos pobo galego”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.