Feijóo anuncia que o Deza terá a ambulancia que pide hai anos tras morrer un home que tardou en ser atendido

Feijóo, nun intre da sesión de control deste 23 de outubro no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

“Haberá unha nova ambulancia no Deza situada en Lalín”, di Feijóo dez días despois de que morrese un home tras tardar 46 minutos en ser atendido por estar ocupados todos os vehículos

A comarca do Deza leva anos reclamando un mellor servizo de ambulancias do 061, que carecía ata agora de vehículo medicalizado e no que os outros existentes na zona eran considerados insuficientes por emprazamento ou horario. Hai dez días un home faleceu en Dozón despois de que a ambulancia que solicitaron para el tardase 46 minutos en chegar porque os outros vehículos da zona estaban ocupados atendendo outros pacientes. Este mércores, dez días despois do falecemento e ao tempo que o PPdeG lanzaba unha campaña nas redes sociais co lema “a sanidade funciona”, o propio Feijóo admitiu de xeito implícito que o servizo do 061 na comarca era insuficiente e anunciou que “haberá unha nova ambulancia no Deza situada en Lalín”. 

Na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia tanto a portavoz do BNG, Ana Pontón, que preguntou expresamente pola cuestión e invitou á tribuna da Cámara a familiares do falecido, como o do PSdeG, Gonzalo Caballero, afearon a Feijóo as carencias da sanidade. “En dous anos morreron dúas persoas agardando por un servizo de urxencias, teñen nome, José Manuel Brey e Jesús Pérez García [falecido no PAC da Estrada hai un ano]”, dixo Pontón, quen preguntou “por que en 1.700 quilómetros cadrados só había dúas ambulancias e ningunha medicalizada”. “Está a dicir aos galegos que se non hai ambulancia é porque está ocupada, e vostede non ten solución”, criticou Caballero.

Caballero, Sánchez e Pontón CC-BY-SA Praza Pública

A portavoz do BNG lembrou que no Deza “reclaman hai anos ambulancia con soporte vital e vostede fai un concurso sen ela, en referencia ao proceso de adxudicación rematado hai un mes do novo servizo de ambulancias do 061 en toda Galicia. Malia esa recente adxudicación, que seguía sen contemplar inicialmente a ambulancia a maiores reclamada hai anos na comarca, este mércores Feijóo anunciou que a Xunta pedirá á concesionaria encargada desa zona que poña en servizo unha ambulancia máis, pero sen aclarar se será ou non medicalizada como se viña reclamando.

Este mesmo mércores o PPdeG lanzou unha campaña co lema “a sanidade funciona” e vídeos centrados nos investimentos materiais que está a realizar a Xunta en diversos lugares

A rectificación da Xunta un mes despois de adxudicar o contrato de ambulancias e dez días despois de que se revelase insuficiente coa morte dun home chegou ao tempo que o PPdeG lanzou nas redes sociais unha campaña co lema “a sanidade funciona” e vídeos centrados nos investimentos materiais que está a realizar a Xunta en diversos lugares. Porén, Feijóo acusou aos partidos da oposición de empregar a sanidade con intereses partidistas e mesmo acusou ao BNG de supostamente querer que os servizos do 061 funcionasen mal “na noite luctuosa de Angrois e na noite disparatada do marisquiño”. Pontón tentou protestar sen éxito contra esa acusación.

Feijóo atribúe o crecemento dalgunhas industrias galegas ás súas políticas e a crise doutras ao Goberno central

O debate deste mércores no Parlamento tamén xirou arredor da política industrial galega e do escoramento á dereita do PP. Sobre a primeira cuestión, formulada polo portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, Feijóo atribuíu o crecemento dalgunhas industrias galegas ás súas políticas mentres que culpou da crise doutras empresas ao Goberno central. Sánchez afeou a Feijóo que traballe “para os poderosos, para as empresas que os financiaron e os colocaron nos consellos de administración” e preguntoulle se “pensa gobernar algún día para a maioría dos galegos e das galegas”. A resposta de Feijóo foi repreguntar a Sánchez se “vai seguir de socio do PSOE ou de socio dos traballadores? Nós, cos traballadores”, sentenciou.

O presidente minimiza os acordos de PP e Vox criticando ao PSdeG que “gobernan con independentistas”

Pola súa banda, o socialista Caballero ademais de afear a xestión da Sanidade polo falecemento de Dozón preguntou tamén pola “perda da centralidade” do PP e o seu escoramento cara á dereita. A resposta de Feijóo foi minimizar os acordos do seu partido con Vox criticando ao PSdeG que “gobernan con independentistas” tanto en Catalunya como en Galicia. O presidente afeou que o PSC chegase a acordos con independentistas en varios concellos e na Deputación de Barcelona. Pero tamén censurou que o PSdeG goberne “co BNG e Anova” cando estes partidos piden que se corrixa a sentenza do Tribunal Supremo. “Din que hai presos políticos nos cárceres españois e que hai que aprobar unha amnistía e seguen gobernando con eles”, criticou Feijóo, quen chegou a dicirlle a Caballero que “parece un altavoz con bluetooth da rúa Ferraz”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.