As enquisas auguran que PSdeG e PP disputarán os escanos finais das catro circunscricións galegas o 10N

As circunscricións galegas elixen vinte e tres escanos do Congreso o 10N CC-BY-NC-SA Praza Pública

O método d'Hondt é os sistema matemático que, en virtude do fixado na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, se utiliza para asignar os escanos das diferentes formacións políticas en función dos votos obtidos en eleccións como as xerais, para compoñer o Congreso dos Deputados, ou as do Parlamento de Galicia. Este método é máis ou menos proporcional en función do tamaño da circunscrición -no caso galego, a proporcionalidade diminúe en Lugo e Ourense, as provincias menos poboadas que reparten cadanseus catro escanos- e en contextos axustados cobra especial importancia á hora de asignar o escano final de cada circunscrición.

Segundo esta proxección elaborada a partir do promedio de inquéritos publicados para as eleccións xerais do 10N, o escano final sería para o PSdeG na Coruña e Ourense e para o PP, en Lugo e Pontevedra

No caso das provincias galegas, as enquisas coñecidas ata o momento coa vista posta nas eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro apuntan a cambios notables nesa pugna polos escanos finais, na que nos comicios xerais do 28A se viran implicadas ata cinco forzas políticas diferentes. Segundo a proxección electoral elaborada para eldiario.es con métodos estatísticos a partir do promedio de inquéritos publicados, esa batalla no caso galego será bipartidista e situaría o PP en condicións de sumar ata dous escanos con relación a abril, cando obtivo 9 dos 23 en xogo, o que lle permitiría recuperar a condición de primeira forza en Galicia.

Sempre segundo esa proxección baseada nas enquisas, a batalla máis axustada polo escano final no caso galego estaría na provincia de Lugo, onde o PSdeG estaría a menos de 1.500 votos de arrebatarllo ao PP, que sería o que o lograría. En Pontevedra a pugna sería a mesma e os socialistas deixarían os populares sen un escano no caso de sumaren uns 1.700 votos máis. Máis amplos serían os intervalos en Ourense e na Coruña: o PSdeG perdería un escano que iría para o PP se os de Baltar sumasen 3.550 votos máis e o mesmo sucedería na circunscrición coruñesa, pero cunha diferenza de case 5.000 votos.

Estas proxeccións elaboradas a partir das enquisas sinalan, non obstante, unhas marxes nesa loita polo escano final de cada circunscrición galega moito máis axustadas que as que saíron das urnas o pasado abril. Daquela o escano final dirimiuse nos catro casos por marxes superiores aos 10.000 votos.

O 28A o escano final en tres das catro circunscricións galegas foi para o PSdeG e nunha, para o PP; as marxes sobre En Común, BNG e C's para os reteren superaron os 10.000 votos

Tal e como reflicten os resultados oficiais das eleccións xerais do pasado abril, a que foi primeira forza política en votos totais e en escano, o PSdeG, logrou tamén o escano final de tres das catro circunscricións, todas agás na Coruña. Na circunscrición coruñesa ese escano final sumouno o PP e pasaría ao BNG se os nacionalistas obtivesen 12.505 votos máis.

No resto de circunscricións quen aspiraban a ese escano que obtivo o PSdeG foron En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos. No caso dos comúns, faltáronlles case 13.000 votos en Lugo para arrebatarlle o escano final aos socialistas e en Pontevedra precisarían 23.310 votos máis para logralo. Quen estivo máis próximo do escano final en Ourense foi Ciudadanos, pero o PSdeG retívoo cunha marxe de case 11.000 votos.

A foto fixa que transloce este promedio de enquisas apunta cara a un reforzo do bipartidismo e, daquela, cara a menores opcións teóricas, atendendo á demoscopia, para as forzas políticas máis pequenas. Esta, así e todo, é a tendencia máis habitual en Galicia nas catorce eleccións xerais que se levan celebrado dende 1977. Non en van, en só tres desas catorce convocatorias obtiveron representación no Congreso polas circunscricións galegas máis de tres forzas políticas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.