"A mellor forma de demostrar que podemos derrotar a Feijóo é formar un goberno de esquerdas no Estado"

© En Común

Antón Gómez-Reino, número un de Galicia En Común pola Coruña para as xerais do vindeiro domingo, está convencido de que "non haberá terceiras eleccións" e de que, de non sumar as dereitas, Pedro Sánchez deberá elixir entre formar un goberno de coalición con Unidas Podemos ou unha gran coalición co PP. Este último caso, advirte, será "o principio da fin do PSOE". Ademais, confía en que moita xente progresista que apostou polos socialistas en abril dea agora á súa confianza á formación morada 

Que cre que sacou en claro a cidadanía do debate a cinco entre os principais candidatos?

O conxunto da cidadanía progresista e de esquerda quere saber que van facer os partidos do seu ámbito nun escenario onde o bipartidismo xa rematou. Unidas Podemos foi especialmente claro, dicindo que haberá que sentar para ver como se fai pero que é fundamental configurar un goberno de esquerdas, sobre todo coa desaceleración económica que está a chegar. Fronte a isto, o candidato socialista evitou en todo momento dicir cal era a súa alianza postelectoral desexada. Xa que logo, é necesaria unha ampla mobilización do voto de esquerda que obrigue o PSOE a facer un goberno progresista con Galicia En Común e con Unidas Podemos. 

"Moita xente votou por medo ao PSOE o 28A, pero moita desa xente entendeu perfectamente que prestarlle un voto de esquerda ao PSOE é darllo á dereita"

O debate sobre Catalunya pode que estea invisibilizando outros grandes problemas ou retos, especialmente no que ten que ver con Galicia?

Totalmente. Por iso considero un orgullo que cando o resto de forzas centraban o debate da cuestión territorial en Catalunya --e non na procura dunha solución política a un problema político senón como pantalla de fume-- Pablo Iglesias falase dos problemas de Galicia, do noso país. O debate territorial é imprescindible e Catalunya é moi importante, pero Galicia ten que ser exactamente igual de importante. Ademais, os problemas do día a día tamén teñen que ver con esta cuestión pola necesidade dun novo modelo de financiamento autonómico, polas políticas sociais... Os partidos da dereita e o PSOE ampáranse na cuestión catalá para non falar do que nos ocupa a todos, o benestar do conxunto da cidadanía. 

Teme que a esperada baixada na participación afecte a esquerda en xeral ou cre que pode mesmo afectar máis o PSOE?

A baixa participación nunca é unha boa noticia en xeral e menos para a esquerda. Sabemos que a xente non entendeu que o PSOE nos levase a outras eleccións, pero tamén percibimos que hai madurez democrática na xente progresista, que vai volver ir votar, e nós agardamos que opten por nós. Hai moita xente que o 28 de abril, por medo ou polo que sexa, votou o PSOE, pero moita desta xente entendeu perfectamente que prestarlle un voto de esquerda ao PSOE é darlle un voto á dereita.

Antón Gómez-Reino, número 1 de Galicia En Común pola Coruña, nun acto de campaña CC-BY-SA EC

Sexa como for, non parece doado que se desbloquee a situación de ter en conta todas as enquisas e o expresado no debate.

O 10 de novembro a cidadanía vai desbloquear a situación e estou seguro de que non vai haber unhas terceiras eleccións. O que pode haber é un goberno das tres dereitas, un goberno do PSOE coa dereita ou un goberno de esquerdas; e a xente ten que saber que é imprescindible mobilizarse para evitar ese goberno das dereitas ou un dos socialistas co PP. Esa mobilización debe obrigar a que o Goberno central se pareza á maioría social do Estado, a que se mobilizou o 28 de abril ou nas eleccións municipais, a que merece un goberno de esquerdas. 

Se, como parece, PSOE e Unidas Podemos e as súas confluencias non suman e ese goberno progresista depende do independentismo, cre que hai posibilidade de acordo tendo en conta a posición actual de Pedro Sánchez?

Nós cremos que Pedro Sánchez desaproveitou unha importantísima oportunidade, na lexislatura despois da moción de censura e nestes últimos meses de negociación, para dar unha mensaxe clara de que as diferentes esquerdas se entenden para sacar adiante unha axenda de progreso. Quen vai romper o cadeado vai ser a propia cidadanía e o PSOE vai ter que decidir se fai un goberno de gran coalición, que tería moi cómodo ao Ibex-35 e aos grandes poderes europeos, ou vai polo camiño que lle marcan as maiorías sociais. Sánchez intentouse vender en Europa como un mandatario relevante pero agora mesmo está visto como un perigo. Mentres en Italia se soluciona, guste ou non, o bloqueo, aquí seguimos aprazando decisións importantes que teñen que ver, por exemplo, coa pesca e o Brexit. Por iso, vai haber moita presión para que quen gañe as eleccións, pase o que pase, faga goberno. Nós aspiramos a que as dereitas non sumen e nese contexto ninguén vai entender que non haxa, como en moitos sistemas democráticos da nosa contorna europea, un goberno de coalición. 

"Non vai haber unhas terceiras eleccións: ou gañan as dereitas ou hai unha gran coalición ou hai un goberno de esquerdas"

E en moitas administracións do Estado...

Se hai un sitio onde estamos moi avanzados en gobernos de coalición é no noso país. Galicia, afortunadamente, nunca foi bipartidista e tanto aquí como en Euskadi ou Catalunya hai unha cultura democrática de chegar a acordos moito máis ampla. Desde aquí tamén se vai presionar moito para que haxa ese goberno de coalición onde Galicia estea incluída por primeira vez. 

É coalición ou nada?

É respectar o resultado das urnas ou nada. Respectar o resultado é construír unha maioría ou nada. A xente, nun contexto de recesión económica, precisa un goberno estable e con capacidade de levar a cabo políticas públicas progresistas e progresivas. Despois do 28A, ao PSOE faltábanlle 50 deputados e millóns de votos para acadar a maioría. O exemplo de moitos concellos galegos, doutras administracións ou mesmo doutros ámbitos demostra que para conseguir a estabilidade tes que sumar a maioría máis un, ben sexa de socios nunha empresa ou de socios parlamentarios. 

Cre que o conflito que no PSOE podería provocar un acordo coa dereita axudaría a evitalo?

O que sei é que as bases e moitos votantes do PSOE dixeron “con Rivera no” e, probablemente, xa lle están mandando unha mensaxe moi clara a Sánchez de que “con Casado no”. Despois do 10 de novembro, se finalmente o PSOE accede ao que lle piden Felipe González e Aznar, un goberno de gran coalición, será probablemente o principio da fin do Partido Socialista. 

"Se o PSOE accede ás peticions de Felipe González e Aznar e hai un goberno de gran coalición, será o principio da fin do Partido Socialista"

A aparicion de Más País é un problema máis para o espazo de Unidas Podemos nestas eleccións?

Temos que ser respectuosos con calquera opción política, pero hai algo que entre a xente progresista de Galicia quedou ben claro: sempre é mellor non dividir o voto de esquerda. Buscamos sempre acordos con forzas políticas que non son idénticas porque a xente entende que hai que concentrar o voto naquel espazo que ten capacidade de exercer nas institucións, de ter bo resultado e de ser un partido de goberno. 

Pero Anova, antigo socio da súa confluencia, decidiu non presentarse ás eleccións. Perde En Común ese voto soberanista cara ao BNG?

Somos moi respectuosos coas decisións orgánicas dos compañeiros de Anova. Afortunadamente, no noso espazo político, que é moi plural, hai moita xente nacionalista e soberanista que está a participar e iso é unha boa noticia. Respecto dos resultados doutras forzas políticas, será a cidadanía galega quen teña que opinar, non eu. 

Antón Gómez-Reino, durante o anuncio da moción de censura Dominio Público @En_Marea

As críticas de Pablo Iglesias a Amancio Ortega volveron traer polémica. Non é un erro centrar esa crítica nese empresario e non no sistema fiscal que permite o que se critica?

Temos un sistema fiscal lacerante. Todo o mundo entende que o feito de que existan mecanismos como as sicav ou que empresas do Ibex-35 tributen a súa maior parte no estranxeiro ou en paraísos fiscais dánanos como democracia. A sociedade é consciente de que os informes técnicos de Facenda advirten de que son estas empresas do Ibex os grandes defraudadores. Dito isto, eu son coruñés e esta cidade é pequena... Estou absolutamente convencido de que Amancio Ortega preferiría que existisen mecanismos tributarios normalizados máis claros para poder aportar o que é de todos como hai que aportalo, pola vía da tributación e pola vía de fortalecer os servizos públicos. Na nosa man está tamén habilitar canles tributarias para que non teña que tributar dunha forma non normalizada.

"Estou convencido de que Amancio Ortega preferiría que existisen mecanismos máis claros para aportar pola vía tributaria o que é de todos e para fortalecer os servizos públicos"

O problema industrial de Galicia é evidente e Endesa é a última das empresas que acelerou un peche nas Pontes que, no entanto, parecía cantado para máis ou menos cedo. Hai certa demagoxia no discurso político sobre o futuro dunha central térmica de carbón?

O persoal da central e das auxiliares é perfectamente consciente da realidade e o que demanda é unha transición xusta co emprego, pero claro que hai demagoxia. O PSOE e o PP, que nalgúns casos mesmo se mofaban do cambio climático, non fixeron nada durante os últimos anos para intervir de maneira pública e decidida na transformación dos sectores produtivos, como si fixeron en Italia ou Alemaña... E agora botan as mans á cabeza! É unha irresponsabilidade do bipartidismo ter permitido que o sector industrial estea como está. Nós presentamos xa unha lei antideslocalizacións para evitar escándalos como que unha empresa italiana como Enel dirima o que ocorre nas Pontes, cando tiña que ser o Estado quen intervise para lograr unha transición xusta, amañar a situación e dar saída a todos os traballadores co seu emprego en risco.

Que é urxente para Galicia no caso de que se forme axiña goberno no Estado?

Son tantas as cuestións.. Pero por poñer dous exemplos que afectan especialmente a Galicia: as pensións e os salarios. Ten que haber unha indexación por lei das pensións ao IPC e esa é unha medida concreta que melloraría a vida de moitísimos galegos. En canto ao salario mínimo interprofesional, o compromiso é subilo a 1.200 euros. Fronte a quen dicía que a anterior suba ía crear problemas económicos e destruír emprego, demostrouse que foi todo o contrario. No caso dos sectores produtivos, hai medidas absolutamente fundamentais para o lácteo ou a pesca que non precisarían nin recursos, senón decisión política. Se estamos no Consello de Ministros, sentaremos coa distribución e coa industria láctea para acadar o compromiso, por vía lexislativa, de que se impida comprar o leite por baixo dos custos de produción aos produtores galegos. Hai moitas máis medidas que requiren de vontade política, tamén no sector pesqueiro ou no industrial, ou no mercado de alugueiro, onde propoñemos que se interveña para regulalo e facilitar a vida a toda esa xente menor de 40 anos que intenta abrirse paso. 

"Galicia En Común foi central no debate público sobre todas as cuestións fundamentais para o país nos últimos catro anos"

Ten Galicia En Común capacidade para condicionar o seu hipotético apoio ao PSOE a que se comprometa con certas medidas como, por exemplo, a transferencia da AP-9?

Totalmente. No caso da AP-9, por vía lexislativa aprobouse a transferencia. Cremos que está ben a transferencia, pero o fundamental é que sexa pública e gratuíta. O lexislativo xa o aprobou e agora hai que estar no Executivo para executalo. Demostrouse que naquelas cuestións que son fundamentais para o país, sexan de ámbito local, autonómico ou estatal, non hai nunha na que non fósemos centrais no debate público nos últimos catro anos.

Como cre que hai que tratar unha forza fascista e de extrema dereita como Vox?

Os responsables políticos temos unha enorme responsabilidade para facer pedagoxía política na sociedade. Todos pensabamos que Galicia e o Estado estaban vacinados contra o fascismo, que na nosa sociedade non podían entrar, pero están entrando. Temos unha responsabilidade extra as forzas de esquerda, porque temos que demostrar a suficiente madurez democrática e capacidade de resolver os problemas da xente para que forzas políticas demagóxicas non se apropien de determinados campos políticos copados polo progresismo. 

"A mellor forma de demostrar que podemos derrotar a Feijóo e facer un goberno de coalición en Galicia é conformar un goberno de esquerdas no Estado"

Pero hai que illalos? Ignoralos? Entrar en debate?

É evidente que o que temos que facer é un cinto de emerxencia que evite que a extrema dereita poida ter cotas de goberno. Temos que fixarnos moito na experiencia grega, onde deron exemplo de como illar a Mencer Dourado e sinalar como as súas demandas estaban baseadas en mentiras, odio e autoritarismo. A nosa tarefa aquí consiste en trasladarlle ao conxunto da cidadanía que as forzas antidemocráticas non só non arranxan os problemas da xente, senón que farían da nosa sociedade unha sociedade moito peor. 

De cara ao futuro, será clave para a alternativa a Feijóo en Galicia o resultado destas eleccións xerais?

Totalmente. Se despois do 10N conseguimos un goberno de esquerdas e con Galicia dentro, será a mellor mensaxe que lle deamos aos galegos de que en setembro ou outubro de 2020 seremos capaces non só de acabar co tempo de Núñez Feijóo, senón de facer un goberno de coalición e progresista que remate con tantos anos de políticas neoliberais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.