Néstor Rego encabeza por segunda vez a candidatura do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña. Profesor de instituto de profesión, quen fora activista estudantil nos tempos de ERGA e concelleiro en Santiago, onde participou do goberno da cidade na pasada década, amósase agora convencido de que tras o 10N será deputado. Así o percibe, afirma, no aumento da afluencia aos actos públicos do Bloque durante a campaña. Coida que, malia ao contexto xeral, están a lograr facer ver que o BNG é "a forza que lle pode dar voz a Galiza" nas Cortes e que ao tempo, "tamén vai servir para garantir políticas trasnformadoras e frear á ultradereita".
Repítese moito nesta campaña que a xente está farta. Pola repetición electoral, pola ausencia de pactos para formar Goberno en España, pola propia reiteración de mensaxes de campaña… Vostede percíbeo así?
Nós o que detectamos, sobre todo, é moita decepción co comportamento das forzas estatais. Mesmo naquelas persoas que en abril confiaron na chamada ao voto útil das forzas da esquerda española para frear a ultradereita e ter un goberno progresista con políticas diferentes, porque comprobaron que ese voto foi inútil, porque non serviu para ningunha desas cousas: segue vixente a LOMCE, a lei mordaza, a reforma laboral… E estanlle dando outra oportunidade á dereita. Esa decepción pode levar á tentación da pasividade, de absterse. Pero esa non sería a solución; nós partillamos a decepción, pero a solución é facer algo diferente confiando nunha forza que nunca lle fallou a este país, como é o BNG. Nese sentido, o que vemos na campaña é que o apoio ao BNG vai medrando.
"A mellor maneira de frear a ultradereita é evitar que teña representación e a forma de facelo é confiando no BNG: Se nós entramos, eles non entran"
Veñen sinalando que o BNG ten en xogo escanos coa extrema dereita en circunscricións como a da Coruña. Que reflexión lle merece o feito de que existan posibilidades de que unha formación coma esa estea en condicións de competir electoralmente con vostedes ou outras forzas?
É preocupante, mais nós temos claro que a mellor maneira de frealos é evitar que teñan representación. E a forma de facelo neste momento é confiando no BNG, porque se nós entramos, está claro que eles non entran. De calquera maneira, nós entendemos que hai políticas que comparte toda a dereita e apelamos a que se confronte cun apoio decidido ao BNG. Cando hai forzas que están falando de acabar coa nosa lingua, de eliminar a TVG, o Parlamento e o Goberno galego, de ilegalizar forzas nacionalistas… A reacción ten que ser un voto en chave de país, que se mobilice en defensa da democracia, dos dereitos, das liberdades públicas e da nación. E quen pode garantir iso neste momento é o BNG.
É posible que haxa electorado de esquerdas que dubide entre apoialos ou non polo risco de non obteren representación. Que lle diría?
Nós temos a certeza de que o BNG vai ter representación. Non é que o digan as enquisas, é que esa é a percepción que estamos vendo todos os días, mesmo dende ámbitos ideolóxicos diferentes hai persoas que defenden que esta é a oportunidade de que Galiza teña voz. Por iso estamos apelando a concentrar todo o voto en chave galega no BNG; por exemplo, o das persoas que votaron nas pasadas elección ao Senado e que nos terían dado representación se o fixesen no Congreso. Ou o de quen votaron a outras forzas galegas nun momento no que o BNG é a única forza galega que se presenta. Pero tamén apelamos a quen votaron a esas forzas estatais, para dicirlles que hai esperanza e que en Galiza hai unha alternativa que non falla a este país e que tamén é garantía de frear á dereita e á ultradereita.
Di o PP que o único que achegaría o retorno do BNG ao Congreso é que vostedes se poñan do lado do independentismo catalán…
"O PP parece que en vez de facer campaña co que acontece en Galiza, quere facer campaña con Cataluña. Será que non ten moito que dicir"
O PP parece que en vez de facer campaña co que acontece en Galiza, quere facer campaña con Cataluña. Será que non ten moito que dicir. Para nós, o esencial é colocar sobre a mesa os problemas de Galiza: aí temos unha crise industrial galopante con milleiros de postos de traballo en risco de se perder, temos unha crise demográfica gravísima, temos unha mocidade sen expectativas… E fronte a iso, o PP só fala de Cataluña. Nós temos claro que nos temos que centrar na solución dos problemas dos galegos e galegas e coa mesma claridade dicimos que o BNG é unha forza democrática e soberanista que defende os dereitos colectivos dos pobos, comezando polo noso, e o dereito de autodeterminación. E tamén é claro que rexeitamos as decisións políticas e xudiciais que, entendemos, conculcan dereitos e liberdades públicas.
A respecto desa crise industrial: tendo en conta que aspectos como os custos das emisións de CO2 ou as esixencias ambientais da UE para a térmica das Pontes levan unha década sobre a mesa, por que cre que tardou tanto en chegar ao primeiro plano político?
"É evidente que no caso da térmica de Endesa houbo falta de previsión ou de intereses por actuar, permitíndolle chegar a esta situación sen alternativas"
É evidente que houbo unha falta de previsión ou de interese en actuar por parte das forzas que nos gobernan. Tanto do PP, que está no Goberno da Xunta e estivo no do Estado, como do PSOE, que está no Goberno do Estado. O caso de Endesa é gravísimo, permitíndolle chegar a esta situación sen colocar alternativas que promovan, cos recursos suficientes, a reindustrialización e posibilidades de traballo e novas actividades económicas na vila e na comarca. É unha irresponsabilidade que non se fixese nestes anos e o Goberno non pode autorizar o peche; non ten sentido que unha empresa que espoliou os nosos recursos naturais e fixo un negocio multimillonario pretenda marchar sen alternativas. E hai que poñer en marcha unha mesa de traballo que elabore ese plan e determine cales son os recursos necesarios.
Nós somos favorábeis á transición enerxética, pero ten que ser xusta. Igualmente, parécenos unha irresponsabilidade que non se puxesen solucións á crise da industria grande consumidora de enerxía e mesmo se traballase en contra: cada vez que o BNG propuxo unha tarifa eléctrica galega, Feijóo votou en contra dicindo que ninguén o entendería a pesar de que o PP a favoreceu para a industria vasca. Esa tarifa galega é a solución idónea para dar estabilidade á industria e, de paso, baixar a factura para as pequenas e medianas empresas, autónomos e partifculares.
Falta visión de conxunto neste debate sobre industria e cambio climático? Alcoa, as térmicas… E dunha perspectiva diferente, tamén a cuestión de ENCE na ría de Pontevedra
Infelizmente, non hai unha política industrial coherente que teña como obxectivo desenvolver o país sobre a base das súas propias potencialidades. Iso faltou sempre e estase vendo nesta crise. Con independencia de que nós pensemos que o caso de ENCE é diferente, estamos falando de empresas en crise por diferentes razóns: falamos da industria electrointensiva como Alcoa ou Ferroatlántica, de deslocalizacións como as de Gas Natural-Fenosa sen que a Xunta non faga nada malia ter competencia nesta materia, de mil postos de traballo en risco en R e as súas auxiliares, do peche de Poligal en Narón despois de recibir subsidios moi importantes da Xunta igual que R, pechou Isowat na Coruña… Hai unha crise e, sorprendentemente, fronte a iso as forzas que teñen responsabilidade de goberno limítanse ao peloteo cando a responsabilidade é doutro. Feijóo está moi activo no caso de Ferroatlántica ou Endesa porque entende que a responsabilidade do Goberno central, pero onde é da Xunta está calado. Para nós esta crise tamén pon en evidencia algo moi importante: as solucións dependen máis unha vez do que decidan en Madrid cando tería que haber un sector enerxético público e galego que puidese colocar a enerxía ao servizo do desenvolvementod o país.
"Todo o mundo sabe que o BNG é garantía de que a dereita non goberne nin en Madrid nin aquí, pero dicimos coa mesma claridade que o noso voto non vai saír gratis"
No caso de que logren representación e de que a dereita non sume, os focos virarán cara a forzas como o BNG para unha eventual investidura de Pedro Sánchez. Cales serían as súas condicións de partida?
Todo o mundo sabe que o BNG é garantía de que, se de nós depende, a dereita non vai gobernar nin en Madrid nin aquí. Pero dicimos coa mesma claridade que o voto do BNG non vai saír gratis, ten que ser con contrapartidas que favorezan os intereses de Galiza e melloren as condicións de vida dos galegos e galegas. E iso significa investimentos e políticas sociais. Significa, por exemplo, volver colocar os investimentos por riba dos 2.000 millóns de euros para compensar o déficit histórico que levamos acumulado; hai que lembrar que os orzamentos que pactaron PSOE e Podemos situábanse en 745 millóns; hai que triplicalos e colocalos no nivel que conseguiu o BNG hai dez anos. Pero tamén significa derrogar as medidas máis inxustas e regresivas do PP, como a reforma laboral, a LOMCE ou a lei mordaza; subir o salario mínimo e as pensións mínimas e medidas da axenda galega como esa tarifa eléctrica galega, transferencia de infraestruturas como a AP-9 ou investimentos para que a nosa mocidade emigrada poida volver, co apoio a sectores como a investigación e o tecnolóxico.
O groso dese investimento do Estado estivo moitos anos concentrado no AVE, que agora está a piques de rematar. En termos absolutos vai ser difícil que haxa proxectos tan cuantiosos como o eixo atlántico de alta velocidade e conexión coa Meseta ao mesmo tempo; cales serían as prioridades?
Nós pensamos que hai moitas outras necesidades en infraestruturas que non estiveron cubertas nestes anos…
O AVE tapounas?
"Parece que a prioridade é que cheguemos unha hora antes a Madrid; pero é que temos unhas infraestruturas ferroviarias no interior do país de hai cen anos"
Claro. E parece que a prioridade é que cheguemos unha hora antes a Madrid, pero é que chegar de Ferrol á Coruña leva hora e media e case dúas horas da Coruña a Lugo. Temos unhas infraestruturas ferroviarias no interior do país de hai cen anos, nalgún caso decimonónicas e claramente insuficientes. Non hai por exemplo, conexión ferroviaria de Santiago a Lugo, ou o aeroporto de Santiago non está conectado co ferrocarril ou non hai servizos de proximidade ou conexións aos portos exteriores. O BNG vai defender a transferencia desas infraestruturas e mesmo da seguranza viaria e pública coa posta en marcha da policía galega, pero entendemos que esa transferencia se ten que producir cos recursos suficientes para compensar o atraso histórico. E cremos que ten tanta ou máis importancia que o AVE, que efectivamente foi unha tomadura de pelo a este país case trinta anos despois de que se inaugurase a primeira liña.
Vinculado coas infraestruturas, estaría entre esas prioridades do BNG retomar a investigación política do accidente de Angrois no Congreso? E a técnica, que reclaman as vítimas?
Faremos que no Congreso volva abrir a comisión de investigación que pechou pola convocatoria das eleccións e á que PP e PSOE pretenden dar carpetazo, porque hai novas evidencias das responsabilidades políticas no que aconteceu, tanto no accidente como para tapar responsabilidades. E hai que poñer os medios para que non volva acontecer. Faremos fincapé niso e tamén na comisión técnica independente, que estableza onde estiveron os fallos, cales son as solucións. As vítimas saben que teñen todo o noso apoio.
"Van vir as eleccións galegas, mesmo pode que en seis meses e nelas o obxectivo é unha alternativa que só pode garantir o BNG; un bo resultado nestas eleccións favorecerá ese obxectivo"
Que importancia lle dá ao 10N cara a un eventual cambio de goberno en Galicia?
O obxectivo neste momento é garantir darlle voz ao noso país, que Galiza estea presente e non continúe perdendo oportunidades porque as forzas estatais non se preocupan dos nosos intereses. Pero tamén é verdade que se o BNG ten representación, establecería un punto de partida moito mellor para os retos futuros. É evidente que van vir unhas eleccións galegas, mesmo pode ser que en seis meses teñamos que enfrontalas, e nelas o obxectivo é quitar de vez a Feijóo e ao PP da Xunta pero garantindo non só alternancia, senón unha verdadeira alternativa que só pode garantir o BNG. E un bo resultado do BNG nestas eleccións favorecerá ese obxectivo.