Ao fío da exhumación dos restos de Franco do Valle de los Caídos e do preito aínda pendente no que o Concello de Santiago tenta que os herdeiros do ditador devolvan dúas esculturas do Mestre Mateo, o BNG considera que chegou o momento de ir máis alá. O seu cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, asegura que se logra o escano abrirá no Congreso o debate para esixir o regreso a Galicia dunha trintena de pezas "espoliadas" durante no século XIX e na ditadura e que actualmente seguen a expoñerse en centros como o Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), en Madrid.
Rego reivindica o regreso a Galicia de pezas do Mestre Mateo, de columnas do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares ou dunha "colección de torques de grande valor"
Na compostelá Praza da Quintana, Rego e outros cargos do Bloque sinalaron que os bens "espoliados" non son só as pezas do Mestre Mateo que representarían a Abraham e Isaac. Trátase, explican, de "esculturas do taller do Mestre Mateo da Catedral", pero tamén de columnas do mosteiro de San Paio de Antealtares, "ademais dunha colección de torques de grande valor". "Queremos recuperar ese patrimonio artístico e documental para o pobo galego porque é froito dun espolio", resume o candidato.
Segundo Rego, as pezas a reivindicar son un "mínimo" de 33 e abranguen múltiples épocas. Dende "arte castrexa a outras románicas e unha colección de torques e ourivaría como a diadema de Ribadeo", exemplifica. Aínda que actualmente sexan expostas como parte das coleccións de institucións como o MAN, o certo é que "foron substraídas" de edificios como a Catedral e o devandito convento compostelán.
Esta demanda, advirte Néstor Rego, non é unha reivindicación exclusiva do Bloque. Ben ao contrario, considera, "partilla un movemento que existe hoxe no mundo" tendente a reverter a "pillaxe artística" en múltiples países. "Nós tamén reclamamos que esas pezas sexan exhibidas no noso país", sinala lembrando episodios recentes como "a devolución de máis de duascentas pezas de Cataluña a Aragón despois de dúas sentenzas xudiciais".
No caso da trintena de pezas que o BNG sinala, advirten, nin sequera cumpriría un proceso xudicial, senón unicamente "vontade política", porque "están nas mans dunha institución do Estado". Por iso afirma que, tamén para isto, é "fundamental que o BNG teña representación en Madrid". A súa intención, di, sería seguir o ronsel de iniciativas como as formuladas por Francisco Rodríguez na súa etapa como deputado do BNG no Congreso, onde "conseguira un acordo para que fosen devoltos, cando menos copias dixitalizadas, de fondos documentais de mosteiros galegos que foran espoliadas a partir das desamortizacións". Eses acordos, láiase, "aínda non foron executados".
Tren do norte e Alcoa
De xeito paralelo ao acto sobre patrimonio artístico do BNG en Santiago, a aspirante da formación ao Congreso pola provincia de Lugo, Olalla Rodil puña o foco noutro ámbito. Ao pé das vías do tren en Viveiro a actual deputada no Parlamento puxo o foco en dous ámbitos concretos como mostra do que, ao seu xuízo, é a necesidade de que o BNG regrese á Cámara Baixa: o tren do norte e a planta de Alcoa en San Cibrao.
Se a formación soberanista volve ter representación, afirman, "vellas demandas da sociedade mariñá volverán ao Congreso", caso de aplicar medidas para "evitar que siga esmorecendo" o tren Ferrol-Ribadeo. Do mesmo xeito, afirma Rodil, de obteren escanos "demandaremos un marco enerxético propio, coa creación dunha tarifa eléctrica que abarate o prezo da enerxía no noso país" e facilite a permanencia de industrias como Alcoa-San Cibrao.