Non quere o BNG unha "campaña fría" de aquí ao 10N. A formación soberanista é consciente de que se o "cabreo" pola repetición electoral se traduce nunha desmobilización masiva do electorado de esquerdas, as posibilidades do Bloque para retornar ao Congreso minguarán. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, percibe no ambiente político e mediático que hai quen quere que "quede todo atado e ben atado". "Pero aquí estamos nós para desatalo!", proclamou este domingo no encontro nacional co que a formación botou a andar a efectos prácticos a súa maquinaria para o 10N.
A líder do BNG diríxese á xente "decepcionada" porque "xogaron co seu voto" tras as xerais de abril e anímaa a "apostar" polo Bloque "para que os galegos e galegas saiamos adiante"
O Bloque xuntou en Santiago arredor dun milleiro de persoas coa intención de axitar esa carreira electoral "aparentemente fría", que se é "distante" supón que "non se fale dos problemas deste país", os mesmos que si interesan ao electorado farto "do espectáculo frívolo que nos traen dende Madrid". O cabreo "é normal", di a líder nacionalista. Tamén que haxa "moita xente decepcionada" e que mesmo "aínda non sabe que facer" na nova cita coas urnas porque "xogaron co seu voto" tras as xerais de abril. Pero se esa xente "aposta polo BNG para que os galegos e galegas saiamos adiante", promete, a decepción tornará en esperanza.
Nun clima festivo, a líder do Bloque botou contas ante a militancia para advertila de que "agora o temos na punta dos dedos". "Mobilicémonos, transmitamos todo o entusiasmo e o amor por Galiza" para que na noite do 10 de novembro non haxa laios porque faltou "un puñado de votos" para lograr o escano. E se o Bloque retorna ás Cortes, asegura, finalizará o tempo en que "ningún" representante das circunscricións galegas advirten en Madrid que "para que sexa presidente" quen aspire a selo, "ten que haber solucións" para Galicia.
Pontón : "Isto non vai de Sánchez e Casado, vai dos 6.000 empregos en xogo no sector industrial, das pensións máis baixas do Estado, de acabar coa estafa da AP-9 ou de que paguen a débeda en dependencia"
Por todo isto, asegura Pontón, o BNG non se suma aos que "pretenden que os problemas e necesidades de Galiza" desaparezan do debate público e reduzan o 10N a unha elección entre Pedro Sánchez e Pablo Casado, dixo. Porque "isto vai dos 6.000 empregos en xogo no sector industrial, das pensións máis baixas do Estado, de acabar coa estafa da AP-9 ou de que paguen a débeda en dependencia", exemplificou. "Pretenden que pensemos en Madrid ou en Cataluña e non en Galiza, ese é o deseño para frear un BNG á alza", pero esas boas perspectivas xa "non se atreven a negalas" nin "os que nos teñen máis tirria", ironizou.
Para Pontón, xa "nada podemos esperar do tándem PP-PSOE", especialmente "dun presidentiño que pasou de recadeiro de Rajoy a recadeiro de Casado". Tampouco de Podemos, que "pactou os peores orzamentos en 20 ano" no que atinxe aos investimentos territorializados para Galicia. Uns e outros "pasan olimpicamente deste país" pero despois "non teñen ningún problema en vir pedir os votos".
Pola contra, asegura, se Néstor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) ou Carme da Silva (Pontevedra) logran escano, "unha cousa está clara". "Non van ir ao Congreso para estar calados" e "fronte á procesión dos caladiños de PP, PSOE e Podemos", o Bloque "vai devolver a Galiza o peso político que nunca debeu perder". "Poremos a nosa representación ao servizo dos e das galegas" e Galicia xa non estará "fóra do debate, excluída da axenda do Estado", afirma.