O pasado día 4 varias canles de ámbito estatal e algunhas autonómicas, doce en total, emitiron o debate electoral organizado pola Academia de Televisión entre os líderes de PSOE, PP, Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox. Presentado como un acontecemento, cun plató construído para a ocasión e en horario de máxima audiencia, logrou unha cota de pantalla acumulada do 52,7%.
Ao día seguinte a catalá TV3 programou para as dez menos cinco da noite o seu debate electoral previo ao 10N. Concibido como o espazo estrela da xornada, tivo un 31,4% de audiencia. O mércores, día 6, a vasca ETB ofreceu ás dez da noite o primeiro dos seus dous debates, na súa segunda canle, cun seguimento do 10,3% en ETB2. O xoves as forzas políticas vascas que concorren ás xerais volveron debater en horario de máxima audiencia na súa televisión pública, neste caso na ETB1. A televisión de Euskadi competía neste caso con laSexta, que organizaba ao mesmo tempo outro debate entre representantes estatais de PSOE, PP, UP, C's e Vox; a canle de Atresmedia logrou un 19,2% de audiencia e o dato da televisión vasca aínda non está dispoñible. Tamén cadrou co de Canal Sur, que o celebrou na mesma noite, ás dez e cuarto.
Outras canles que ofreceron debates electorais previos ao 10N programáronos en horario de máxima audiencia; o da CRTVG celebrouse ás dez da mañá, no programa 'Bos días' e con só unha hora de duración
Este venres, derradeiro día da campaña, chegou o debate da CRTVG. O único contemplado no plan de cobertura dos medios públicos galegos antes do 10N. PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG -tamén Vox, que declinou o convite tras reclamar ser incluído- foron citados ás dez da mañá para debateren durante unha no plató do informativo diario Bos días. O horario intempestivo e a escasa duración constrinxiron un encontro no que o continente puido co contido e onde os límites do formato -ao contrario que noutras ocasións, non consensuados coas forzas políticas- deixaron escaso oco ao intercambio de ideas.
Todas as formacións agás o PP viron na forma e horario do debate unha mostra da "manipulación" da Xunta nos medios públicos e así o expresaron no debate
O rexeitamento ao horario e ao formato do programa estivo presente nos primeiros compases do debate en boca dos representantes de todas as forzas políticas agás o PP. Para o socialista Pablo Arangüena, o acontecido é "unha mostra senlleira" do "nivel de manipulación" que padece a CRTVG da man "dese vendedor de preferentes que é Alberto Núñez Feijóo", ofrecendo o debate electoral "en horario de mínima audiencia, cando debera ser xusto o contrario".
"Estou certa" de que máis cedo que tarde "haberá outra dirección na Galega que fará posible que a democracia se faga eco e teñamos debates dignos", afirmou Yolanda Díaz dende En Común-Unidas Podemos. Para Beatriz Pino, de Ciudadanos, é "unha mágoa" ter que debater "nunha televisión manipulada" que obvia aos seus profesionais para ser "a televisión do señor Feijóo". "Este non é un debate electoral normal", concordou dende o BNG Néstor Rego no comezo da súa segunda quenda; "en ningún país democrático se debate a estas horas, o que se pretende é ocultar o debate" e por iso "o noso compromiso" é "acabar co adoutrinamento ao servizo do PP" na canle pública, afirmou.
Industria e economía con trazas de Catalunya
Alén dos dez minutos que ocuparon as intervencións inicial e final dos candidatos, nos algo máis de corenta restantes o sector industrial e economía centraron os tirapuxas entre as forzas políticas mentres PP e Ciudadanos tentaban, con escaso éxito, trasladar o eixo do debate á cuestión catalá. Mentres para Arangüena (PSdeG) "achacarlle ao Goberno que leva quince meses" a crise de industrias como Alcoa ou a térmica das Pontes é "unha intoxicación" para ocultar que Feijóo "leva once anos sen facer política industrial" malia ter as competencias, a xuízo da popular Marta González "están en perigo todas as industrias" galegas "por decisións do Goberno de Madrid" derivadas de que en Galicia "goberna o PP", teorizou.
As cinco forzas concordan na existencia de crise na industria e na inminencia dunha recesión económica, aínda que non nas súas causas e eventuais vías para paliala
"Nin o PP na Xunta nin o PSOE en Madrid actúan"; lamentou Néstor Rego (BNG) mentres dende En Común Yolanda Díaz lamentaba a falta de control público en materia industrial. "Grazas ao goberno", os responsables de Alcoa "marcharon sen devolver un céntimo" das axudas recibidas, censurou. Para Pino (C's), a industria ficou "abandonada polo bipartidismo" e por iso "non imos permitir que sigamos nas mans de Sánchez".
No que si concordan as cinco forzas é na inminencia dunha recesión económica e mesmo dunha crise, aínda que non nas súas causas. "Evidentemente, hai unha desaceleración en toda Europa, en todo o mundo", resalta o socialista Arangüena, quen afirma que fronte a ela o PSOE impulsará "medidas de estímulo e unha proposta de futuro" baseada na "aposta decidida pola descarbonización" para afrontar problemas como o da térmica das Pontes. Para González (PP) a crise derivará da xestión socialista, como noutras lexislaturas, e o impacto en Galicia será mesmo maior porque o PSOE recorta o investimento en áreas como as infraestruturas.
Tamén o BNG ve un "mal augurio" nalgúns dos plans económicos dos socialistas, polo feito de que impulsasen para 2019 "os peores orzamentos xerais do estado en 17 anos" en canto a investimentos en Galicia pero tamén polos plans de Pedro Sánchez para nomear vicepresidenta económica á coruñesa Nadia Calviño, "a gurú da mochila austríaca". Con ese eventual nomeamento tampouco concorda Yolanda Díaz, a cuxo xuízo a disxuntiva ante a crise será "onde recortar" e por iso En Común-Unidas Podemos avoga por facelo nas rendas altas e na banca, "devolvendo vía impostos os 60.000 millóns do rescate.
Peticións de voto e encontro con persoal da CRTVG
Nun debate sen apenas descualificacións de calibre groso -agás no momento en que Pino (Cs) acusou a Rego de "ir da man dos etarras" con "mans manchadas de sangue" por "pactar con Bildu" mentres o candidato do BNG instaba as formacións da dereita a "romper os pactos con Vox"-, os minutos finais serviron aos aspirantes para pediren o voto.
O socialista Arangüena advirte de que o domingo están en xogo "dous modelos", o da "España aberta o futuro, moderna, incluínte e solidaria" que representa o PSOE ou "o das dereitas escoradas á ultradereita, dominadas polas ideas de Vox" de "xenofobia, de negación da crise climática e da violencia machista". Marta González cre que a continuidade de Sánchez seráo tamén do "bloqueo", mentres que se "os galegos que tamén se senten españois" apostan polo PP, lograrán un cambio no Estado no que Galicia "medre e progrese".
Yolanda Díaz dedicou o treito final dirixíndose "aos que se xogan moito nas eleccións: ás persoas precarias, aos parados, aos nosos maiores, á xente moza que quere volver á súa terra para desenvolver un proxecto de vida". Todas esas persoas e tamén "os socialistas de corazón", dixo, poden confiar na súa formación. Pino (C's) rematou apelando ao "voto en liberdade" para un cambio de Goberno no que, afirma, Rivera priorizaría un pacto co PP.
PSdeG, En Común, C's e BNG reuníronse co persoal mobilizado na sede da CRTVG no que xa é o 78º 'venres negro'
Rego (BNG), pola súa banda, finalizou chamando a superar o "reto" de que "Galiza estea presente, deixe de perder oportunidades. "Non hai maior rebeldía que apostar por unha forza propia como o BNG, a única galega que se presenta" e que "nunca fallou a este país".
Tanto antes do debate como unha vez rematado, os representantes das formacións políticas diferentes do PP atopáronse con membros do comité interempresas da CRTVG e do colectivo Defende a Galega, mobilizados nas instalacións de San Marcos no venres negro número 78. "Ás 10 da mañá non hai compromiso para formar unha opinión pública plural", sinalaban os cartaces que amosaban. O debate foi emitido simultaneamente pola Radio Galega e será emitido en diferido pola segunda canle da TVG ás 22:45 deste venres, cadrando coa emisión do Luar na primeira canle.