A portavoz nacional, Ana Pontón, compartiu este venres almorzo con Elia e Olalla, dúas mozas traballadoras que comparten piso en Santiago de Compostela. No encontro, aproveitou para denunciar que o acceso a unha vivenda é “misión imposible” para milleiros de galegos e de galegas, para a xente moza que busca emanciparse pero tamén para familias con salarios baixos e incluso medios “ante a suba imparable dos prezos”.
Así, Pontón denunciou que o PP leva catorce anos de “brazos cruzados” nesta materia en Galicia mentres as subas no prezo do alugueiro roldan o 30%, unha situación que se agrava nalgunhas urbes como Santiago, impactadas tamén polo auxe dos pisos turísticos.
“O PP dinamitou a política social de vivenda”, dixo Pontón, que lembrou que prometeu 870 novas vivendas de promoción pública no plan 2015-2020 e que foron adxudicadas menos de 40. Por iso, acusou a Feijóo "mentir con total descaro” no debate electoral ao asegurar que construíu 2.500 vivendas en Galicia.
“O PP dinamitou a política social de vivenda”, dixo Pontón, que acusou a Feijóo de "mentir con total descaro" no debate ao asegurar que construíra 2.500 vivendas en Galicia
“Unha auténtica tomadura de pelo e unha falta de respecto aos miles de galegos e de galegas que levan esperando a ter acceso a unha vivenda que poidan pagar”, dixo Pontón tras lembrar que hai 16.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes dun piso de promoción pública. “As súas mentiras non solucionan os problemas de acceso á vivenda nova nin das familias”, engadiu.
Pontón, que estivo acompañado pola alcaldesa Goretti Sanmartín e o candidato do Bloque pola Coruña Néstor Rego, avanzou que o BNG defenderá no Congreso "a través do grupo galego forte" a "cesión gratuíta a Galiza das vivendas da Sareb, para a súa xestión directa desde aquí e poder ofertalas en alugueiro a prezos accesibles". A líder do Bloque destacou o da cesión gratuíta, porque “sería unha estafa ter que pagar por unhas vivendas polas que xa pagamos a través dun rescate bancario multimillonario”.
O BNG di que defenderá no Congreso a "cesión gratuíta a Galiza das vivendas da Sareb, para a súa xestión directa desde aquí e poder ofertalas en alugueiro a prezos accesibles"
Ademais, fixo un chamado a votar ao BNG o 23 de xullo a todas aquelas persoas "que queren vivenda a prezos razoables nunha Galiza con salarios e pensións por debaixo da media". "Encher as urnas de papeletas do Bloque porque cada escano do BNG é un escano menos para un PP que boicoteou a política social de vivenda e hoxe é a xente do común a que paga as consecuencias”, lembrou.
“Feijóo deixou moi claro en Galiza como e para quen goberna. Aquí abandonou por completo a construción de vivenda pública e agora son os galegos e as galegas ás que pagan as consecuencias”, destacou Pontón, engadindo que de terse mantido o ritmo de investimento en vivenda que había no 2009, cando o BNG xestionaba as competencias na Xunta, teríanse destinado 1.700 millóns de euros máis nestes 14 anos de goberno do PP.
Pola súa banda, Néstor Rego insistiu tamén na necesidade de aumentar a oferta de vivenda para conter os prezos e lembrou que o BNG xa solicitou no Congreso a cesión da parcela de Peleteiro para desenvolver en Santiago un proxecto que crease vivenda pública en alugueiro Para Rego, o acceso á vivenda "ten que ser un dereito mais, polo de agora non está garantido e, de feito, foi aprobada unha lei de vivenda que contén algunha mellora pero non soluciona o problema do encarecemento".
O ex-líder de Podemos Galicia pide o voto para o BNG
Por outra banda, Breogán Riobbo, ex-secretario xeral de Podemos Galicia, pediu o voto para o BNG nunha carta aberta publicada en Praza.gal. Nela, recoñecendo o labor do goberno de coalición progresista, di que está convencido de que "moitos milleiros de persoas" queren "que Galicia conte na política do goberno do Estado".
Non é o único ex-líder da formación morada en Galicia que solicita o voto para o Bloque nestas vindeiras eleccións xerais. Carmen Santos, ex-secretaria xeral de Podemos Galicia, xa dera o seu apoio público á candidatura do BNG en Vigo de cara ás municipais do pasado mes de maio.