Son Breogán Riobóo Lois e sempre fun unha persoa moi activa e implicada a nivel estudantil, sindical e político, motivo polo que fun entre febreiro do 2015 e marzo do 2016 o primeiro secretario xeral de Podemos Galicia. A miña implicación segue, na actualidade, dende a Asociación de Persoal Investigador da Universidade de Vigo, da que formo parte dende a súa creación o ano pasado.
Entendo a política como algo que envolve todo o que ten que ver coas nosas vidas individual e colectivamente, como persoas que compartimos espazos en diferentes ámbitos onde convivimos en harmonía e respecto. Algunha xente afirma que a política non vale para nada, que todos son iguais, que ninguén mira polo que de verdade importa. Pois a miña percepción é xusto a contraria: a política é todo nas nosas vidas, porque a política pode solucionar ou enquistar problemas; pode mellorar ou empeorar a nosa calidade de vida; pode ensanchar os dereitos que temos como persoas ou pode limitalos, restrinxilos ou, incluso, eliminalos. En pleno século XXI non debera ser así, mais por desgraza temos moitos exemplos nos últimos meses do que supón e o que fan os gobernos municipais e autonómicos do PP e de VOX.
En Galicia sempre fomos persoas de poucos cambios, aínda que os houbo e foron positivos. Porén, non o recoñecemos abertamente, posiblemente eu o primeiro, por iso quero facelo agora e compartilo con todas e todos vós.
Se analizamos a situación entre as diferentes comunidades autónomas, Galicia non sae moi ben parada en sectores tan importantes como o industrial, o enerxético, os servizos sociais, a sanidade ou a promoción da autonomía persoal. Se concretamos un pouco máis e comparamos a situación entre as nacionalidades históricas estamos moi claramente no vagón de cola.
Cal é a principal diferenza? Catalunya e Euskadi levan moitos anos tendo unha presenza importante no Congreso de partidos políticos propios, chamádelle Esquerra, Junts, Bildu, PNV... mais sempre houbo grupos propios que: (1) apoiaron a formación de gobernos para dar estabilidade ao conxunto do Estado, e (2) defenden sen cancelas de ningún tipo os intereses propios do seu territorio e obtiveron máis e mellores políticas. Pola contra, nós nunca tivemos un grupo propio galego e, cando houbo esa posibilidade tras as eleccións xerais de decembro de 2015, En Marea, con Yolanda Díaz de deputada, fixo caso omiso do seu compromiso electoral prestando acatamento ás esixencias de Podemos. Isto repetiuse en febreiro de 2019 votando a favor dos peores orzamentos xerais do Estado para Galicia en moitos anos. Daquela, tan só Alexandra Fernández votou pensando en Galicia, e hoxe segue traballando por e para nós como deputada do BNG no Parlamento Galego. Grazas Alexandra!
O traballo feito polo goberno de coalición foi inxente e moi bo. Mellorable? Por suposto. Insuficiente? Nalgunhas cousas seguro que si, mais o resultado xeral coido que foi positivo
España ten mudado, evolucionado e mellorado moito nos últimos anos. Creo, sinceramente, que ninguén pode negar que isto foi así, moi especialmente, nos últimos catro anos, malia vivir unha pandemia mundial, unha erupción volcánica, consecuencias derivas do cambio climático (nevadas inxentes, inundacións e temporais múltiples e máis virulentos, etc.) e volver falar dunha guerra no seo de Europa. Por iso cómpre dicir claramente que o traballo feito polo goberno de coalición foi inxente e moi bo. Mellorable? Por suposto. Insuficiente? Nalgunhas cousas seguro que si, mais o resultado xeral coido que foi positivo.
A que se debeu isto? Á constante influencia de partidos políticos máis pequenos, coa forza suficiente no Congreso, como para condicionar as políticas do goberno, mellorándoas. Estes partidos fixeron que o goberno sentase a negociar para crear unhas políticas que recollesen múltiples sensibilidades. Isto é a política en maiúsculos, tratar de dar cabida a cantas máis forzas mellor, porque dese xeito están representadas moitas máis persoas da nosa sociedade. Entre eses partidos o BNG tiña un único representante e chegou a un acordo polo cal apoiaba a investidura de Pedro Sánchez e o goberno de coalición comprometíase a abordar diferentes políticas esenciais para Galicia. De aí a redución das peaxes na AP-9, por exemplo, mais outras quedaron no papel porque o goberno incumpriu parte dese acordo, pois un deputado non é o mesmo que ter 5, 6 ou 13 como tiñan outras forzas.
Hoxe en día non hai maiorías absolutas posibles, ningún partido poderá gobernar en solitario. Nesta situación, na miña opinión, é imprescindible que non sigamos perdendo oportunidades. De todas e todos nós depende que poñamos Galicia no centro da axenda pública e do debate político. De nós depende que Galicia avance e evolucione con visión de futuro e de país. De nós depende que teñamos un grupo propio galego que nos represente a todas como o que somos, galegas e galegos. Independentemente de que votásemos ó PP, ó PSOE ou a calquera outro partido anteriormente; falemos castelán, galego ou esteamos encantadas co trilingüísmo; sexamos máis de esquerdas ou de dereitas; teñamos máis ou menos reticencia ós cambios. Para que Galicia conte e para que o faga con máis forza, por que non votamos o BNG nas eleccións xerais?
Seguro que todas falamos con orgullo de vilas e cidades gobernadas polo BNG durante anos e mesmo animamos á xente de fóra a coñecelas, como facemos con Allariz ou Pontevedra por exemplo, e seguro que tendes outras moitas no voso pensamento. Incluso, acabamos de concederlle a alcaldía da nosa capital e confiamos, hai anos, nun goberno de coalición entre o PSOE e o BNG na Xunta de Galicia.
Daquel goberno tense escrito e dito moito, mais con perspectiva podemos dicir que 15 anos despois, aquela lei de servizos sociais, sendo mellorable hoxe, segue sendo vangarda no Estado. Coa política enerxética proposta polo Bloque estariamos liderando o sector das renovables a nivel europeo, respectando o noso medio e gozando de grandes beneficios económicos. Pola contra, a Xunta de Feijóo, e agora de Rueda, leva pagados máis de 3 millóns de euros nosos, das contas públicas, por sentenzas xudiciais contrarias por teren eliminado aquel concurso eólico do BNG. Son só dous exemplos, mais hai moitos outros, e cómpre dicilo e recoñecelo, porque como dicía ó comezo, non sempre o fixemos, non sempre o fixen.
Eu votarei BNG porque estou convencido de que, coma min, somos moitos milleiros de persoas as que queremos que Galicia conte na política do goberno do Estado
En resumo, o 23 de xullo temos unha nova oportunidade diante de nós. Ante as opcións que temos eu quero a Pedro Sánchez presidindo o novo goberno e tamén a Yolanda Díaz de vicepresidenta (sendo realista coas opcións de cada un), mais sobre todo o que quero é que Galicia teña unha presenza importante, influínte e decisiva no Congreso, con liberdade total para defender os nosos intereses como galegas e galegos. Por isto o 23 de xullo dende a provincia de Ourense eu votarei BNG. Porque estou convencido de que, coma min, somos moitos milleiros de persoas as que queremos que Galicia conte na política do goberno do Estado e tamén que queremos que o faga con máis forza.
Convídovos a que vos sumedes e que votemos masivamente o 23 de xullo ao BNG en cada recuncho do país. Porque hoxe un voto ó BNG significará favorecer a formación dun novo goberno de coalición progresista, pero que teña en conta as necesidades concretas de Galicia. Porque hoxe un voto ó BNG significará frear o avance de políticas que se dirixen a eliminar dereitos que custou anos conquistar, políticas que vulneran os dereitos humanos e os máis amplos acordos internacionais en diferentes materias. Porque hoxe un voto ó BNG significará poñerse do lado de moitas persoas que están vendo perigar a súa vida: as mulleres, as persoas LGTBI, as que loitaron polo dereito a unha morte digna, as que loitan polo dereito a unha vida autónoma e independente, as que viron como se lles incrementaban as pensións ou os salarios mínimos que perciben e que hoxe xa están máis preto de vivir que de sobrevivir, e un longo etc. Porque hoxe un voto ó BNG significará poder constituír un grupo propio galego no Congreso que sexa decisivo na política estatal e que defenda os nosos intereses por riba de todo con coherencia, responsabilidade e lealdade, como sempre ten amosado ó longo da súa historia.
Na actualidade non milito no BNG nin escribo esta carta coma un favor pagado. Fágoo dende o sentimento, como galego, e o convencemento de que o progreso está do lado dos dereitos e da xustiza social, e de que en Galicia, hoxe, o BNG é quen mellor representa esas ideas.