Besteiro ve o PSdeG "preparado": "Somos os únicos capaces de liderar o cambio"

Gómez Besteiro, durante unha comparecencia ante os medios CC-BY-SA PSdeG

“Os socialistas galegos somos os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia", dixo José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, na súa primeira reacción á convocatoria dos comicios autonómicos para o vindeiro 18 de febreiro. 

“Os socialistas galegos somos os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia", di Besteiro

Besteiro deixou unha mensaxe de confianza de cara ás eleccións, pero tamén lanzou o que se prevé como outro dos eixes da campaña dos socialistas na batalla electoral pola esquerda: a de presentarse como o único partido que pode "liderar o cambio", sabedores todos os actores de que a mudanza política só será posible a varias bandas. 

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-SA PSdeG

Ademais, o candidato do PSdeG amosou a súa satisfacción polo adianto electoral anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, logo do Consello de Goberno. “Alegrámonos moito de que Rueda nos fixese caso e convocara as eleccións. Xa falta menos para que Galicia pase dun goberno de confrontación a un goberno que ofreza solucións”, alegou Besteiro, que insistiu tamén na idea de que el e mais o seu partido están listos. 

“A Galicia quédanlle 59 días para despedirse deste goberno triste e que gañe a esperanza”

“Os socialistas galegos estamos unidos, preparados e somos os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia”, insistiu, aludindo de novo á "seguridade" que, ao seu entender, suporía unha mudanza liderada polos socialistas. Aí, o tamén deputado lucense, incidiu en que o PSdeG é un partido con “traxectoria, equipo e un proxecto absolutamente claro”.

“A Galicia quédanlle 59 días para despedirse deste goberno triste e que gañe a esperanza”, concluíu un Besteiro que se amosou optimista de cara a estes comicios. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.