“Década xacobea”, reproches a Sánchez e “uns servizos públicos de primeiro nivel”, na primeira mensaxe de fin de ano de Rueda

Rueda na súa primeira mensaxe de fin de ano como presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que a Xunta “vai seguir facendo todo canto estea na súa man” para mellorar a sanidade e a educación

O centro de acollida ao peregrino foi o lugar escollido e o remate do “bienio xacobeo” o feito introdutorio para a primeira mensaxe de fin de ano de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Un discurso duns seis minutos no que tamén tiveron cabida reproches ao Goberno de España e defensa do traballo do seu propio executivo para ter “uns servizos públicos de primeiro nivel”.

Se na última mensaxe de Feijóo hai un ano o daquela presidente elixiu o Monte do Gozo para centrar as súas expectativas para 2022 no segundo ano xacobeo consecutivo que tiña por diante, agora Rueda fai balance do ano que remata salientando o récord de peregrinos turistas en xeral e apostando pola continuidade. “Hoxe culminamos un bienio santo único, pero a década xacobea vai continuar”, dixo, en referencia aos próximos anos santos de 2027 e 2032. 

No eido social, Rueda dixo que a cidadanía galega pode sentirse orgullosa “de ter construído entre todos uns servizos públicos de primeiro nivel”, o que cualificou como “unha das nosas maiores riquezas, e precisamente por iso é lóxico que sexamos inconformistas e aspiremos sempre á excelencia”. Segundo dixo, “a Xunta vai seguir facendo todo canto estea na súa man para ofrecer aos galegos a sanidade pública que merecen, para ofrecerlles unha educación que abra cada vez máis portas e para prestar a axuda que necesitan as familias con fillos ou que estean coidando a persoas dependentes”. 

No eido económico o discurso do presidente lamentou a inflación e gabou “o traballo que fixemos desde Galicia nos últimos meses” para achegar investimentos, pero reprochou que “agora só falta que o Goberno central, que é quen ten as chaves do reparto, llela abra para que entren a crear emprego, riqueza e un futuro mellor”.

Rueda durante a gravación da súa primeira mensaxe de fin de ano como presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda gabou novamente a "estabilidade" política de Galicia tras o ano que rexistrou a primeira dimisión dun presidente da Xunta

E no eido político Rueda gabou novamente a “estabilidade” tras o ano que rexistrou a primeira dimisión dun presidente da Xunta. Unha dimisión de Feijóo que o levou a el mesmo á presidencia, polo que se amosou “privilexiado por camiñar ao carón das galegas e os galegos, especialmente despois de que o meu compromiso con Galicia dese este ano un novo paso adiante”.

O presidente tamén tivo palabras de lembranza para as vítimas do accidente de autobús no Lérez hai unha semana. E rematou cunha felicitación e descrición das festas de nadal máis extensa do que adoitaba facer Feijóo. Son unhas festas, dixo, “especialmente felices porque nos brindan a oportunidade de compartir máis momentos cos nosos, coas nosas parellas, estar coas nosas fillas e fillos e para ter esa conversa sempre pendente cos nosos pais e familiares”. 

Uns encontros que Rueda considera importantes porque “a suma das vivencias persoais de cada un, como esta que acabo de compartir con vostedes, compoñen a andaina colectiva do pobo galego”. 

Rueda durante a gravación da súa primeira mensaxe de fin de ano como presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.