Unha das once comunidades que diminuíron o gasto en atención á dependencia en 2021, onde menos peso ten o financiamento autonómico sobre o total, a segunda autonomía con menor gasto por persoa potencialmente dependente e unha das que menos inviste por dependente beneficiario ao ano.
Así de mal parada sae a Xunta no último informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, que sinala que un total de once comunidades autónomas diminuíron en 2021 respecto de 2020 o gasto na atención a persoas en situación de dependencia. Entre elas, tamén Galicia, que rebaixou en máis do 7,2% o gasto autonómico, só por baixo neste recorte interanual das Canarias, Castilla y León e La Rioja.
Galicia ten o menor peso do financiamento autonómico con respecto ao estatal na atención á dependencia: o 67% fronte ao case o 80% de media
Así, o informe denuncia que, en realidade, estes once gobernos autonómicos "fixeron caixa en 2021 co incremento dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para dependencia, aliviando as arcas autonómicas en lugar de incrementar a atención a persoas dependentes".
O investimento público en global para a atención á dependencia en 2021 foi de máis de 9.000 millóns, dos que as autonomías financiaron case o 80%, cunha achega por parte do Estado de perto de 2.000 millóns de euros que supuxo un incremento do 44% respecto de 2020.
Así, mentres na media estatal as autonomías financian máis do 79% do gasto total en dependencia, en Galicia esta porcentaxe baixa ao 67%, sendo o territorio onde o peso do financiamento autonómico é máis baixo, moito menor ao do País Vasco (88%) ou Extremadura (82%), por poñer dous exemplos.
Galicia dedica menos de 600 euros anuais por persoa potencialmente dependente fronte aos 2.310 de Euskadi: é a metade da media no Estado
Ademais, o informe destaca a "acusada desigualdade territorial" en canto aos cartos que cada comunidade autónoma destina á atención á dependencia. As diferenzas entre territorios son especialmente importantes á hora de debullar o investimento por persoa potencialmente dependente: mentres Euskadi alcanza os 2.310 euros anuais, Extremadura os 1.774 ou Navarra os 1.500, Galicia sitúase á cola (596), só por diante das Canarias (543) e cunha cifra que supón a metade da media estatal, que ascende a máis de 1.170 euros.
Aínda que Galicia mellora un posto nesta táboa -na que ocupaba o último en 2020- o gasto medio descende considerablemente respecto ao ano da pandemia cando chegaba aos 868 euros.
Ademais, e en canto ao gasto anual medio por persoa beneficiaria, en España sitúase en 2021 en case 8.200 euros, mentres que en Galicia non chega aos 7.000 (6.758), só por riba de Andalucía e Castilla y León, que roldan os 6.600, e moi lonxe do País Vasco (rolda os 13.000 euros, case o dobre que a Xunta), Extremadura (11.814), Navarra (10.541) ou Asturias (9.599).
Galicia é a terceira comunidade que menos cartos dedica por persoa beneficiaria de atención á dependencia: menos de 7.000 euros fronte aos 13.000 de Euskadi
Desta volta, Galicia mellora algo a cifra de 2020, onde non alcanzaba os 6.600 euros, e sobe algo nun ránking onde, aínda así, ocupa o terceiro peor posto.
Fondos do Estado sen executar
Alén disto, o informe tamén destaca que o Ministerio de Dereitos Sociais deixou sen executar 76 millóns de euros do orzamento aprobado nos Orzamentos Xerais para atención á dependencia, unha contía que permitiría atender a 13.000 novas persoas, segundo os directores de Servizos Sociais.
Así, dos datos despréndese que, durante 2021, faleceron no Estado 46.300 persoas nas listas de espera da dependencia: 18.356 persoas pendentes de resolución de grao de dependencia e 27.944 persoas pendentes de resolución de prestación.
Xa que logo, os xerentes de Servizos Sociais advirten de que o obxectivo de redución da lista de espera que expuña o plan de choque do Ministerio, co incremento da achega estatal, "non se cumpriu: en lugar de reducir en 60.000 persoas o limbo da dependencia, só se reduciu en 38.807 persoas". Mesmo, engade, sete comunidades incrementaron esa lista de espera.
Neste contexto, denuncian que "se está abandonando sen atencións" as 396.787 persoas que están á espera dun procedemento, mentres o tempo de espera medio é de 421 días.
"Un maior gasto non significa máis eficiencia"
En resposta ao informe, a Consellería de Política Social defende que "un maior gasto non significa ter uns servizos sociais máis eficientes, tal e como recoñece a propia asociación" que elaborou o estudo, á vez que insiste en que a Xunta "incrementa cada ano o investimento" nesta materia.
A Xunta pon o foco en que o Estado, coma sempre dende a implantación da lei, non financia por completo a súa parte das prestacións
Así, destaca que neste 2022, o Goberno galego destinará á dependencia 430 millóns, 50 millóns máis que en 2021, dos cales o 67% procede das arcas autonómicas e ao redor do 33% restante, do Estado. Neste sentido, a Xunta lamenta que o Goberno central "siga sen cumprir a súa obriga" de financiar o 50%, tal e como o establece a lei de dependencia.
Este feito, aclara a Consellería, supón que Galicia "deixa de ingresar 150 millóns anuais" para atender a dependentes. Dispor desta contía, prosegue, "significaría reforzar os servizos e chegar a máis persoas".