Galicia é a segunda comunidade que menos cartos dedica ás persoas beneficiarias dos servizos de atención á dependencia

Unha persoa en situación de dependencia recibindo rehabilitación CC-BY-NC-SA PSdeG

As cifras do Observatorio Estatal para a Dependencia da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais volven situar Galicia como un dos territorios do Estado que menor orzamento dedica aos servizos de atención á dependencia. Xa o pasado mes de marzo, a entidade sinalaba que o gasto público de Galicia na atención a persoas dependentes é un 18% inferior á media do Estado e en xaneiro alertaba de que Galicia é o territorio do Estado con menos prazas públicas nas residencias de maiores. Agora, no seu último informe, publicado este luns, salienta que Galicia é a segunda comunidade autónoma que menos cartos dedica ás persoas beneficiarias do servizos de atención á dependencia.

Galicia é a segunda comunidade autónoma que menos cartos dedica ás persoas beneficiarias do servizos de atención á dependencia. Só supera a Andalucía

Os 6.547 euros que destina Galicia por persoa e ano só superan os 6.251 e sitúanse moi por debaixo da media española (7.991 euros) e moito máis lonxe dos datos de Euskadi (12.480) pero tamén de Estremadura (11.695), Navarra, Comunidade Valenciana ou Asturias. No seu informe, o Observatorio Estatal para a Dependencia alerta da "acusada desigualdade territorial"

É máis, tomando como referencia non as persoas que efectivamente reciben estes servizos senón as que "potencialmente" os poderían recibir (por exemplo en función da súa idade), é dicir, aquelas persoas que en teoría os necesitan, os indicadores de Galicia son aínda máis negativos. Neste caso sería o territorio que menos euros destina por persoa, con só 868 anuais, moi lonxe da media estatal (1.423 euros) e con Euskadi practicamente triplicando o dato galego.

Tomando como referencia as persoas que "potencialmente" poderían recibir estes servizos, os indicadores de Galicia son aínda máis negativos

O informe alerta tamén de que catro comunidades autónomas reduciron en 2020 a súa achega para a atención á dependencia (Cantabria, Madrid, Castela-A Mancha e A Rioxa), mentres que neste caso Galicia sae mellor parada, cun incremento anual do 6,3%, por riba da media española (3,5%).

O Observatorio tamén debulla a orixe do financiamento, maioritariamente autonómico en todos os territorios (a media é do 84,4%). Con todo, Galicia é o territorio no que o Estado ocúpase dunha maior porcentaxe da achega de cartos para a dependencia e a Xunta responsabilízase dunha parte menor, o 76%.

Hai unhas semanas, noutro dos seus informes, a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais realizou unha análise da evolución do gasto social das distintas comunidades autónomas entre o ano 2009 e 2020. A escolla das dúas datas non foi casual: en moitos territorios o 2009 marcara un máximo en canto ao investimento en sanidade, educación e servizos sociais que a crise económica posterior levou a recortar. 

Despois de anos de recortes, Galicia só recuperou no 2020 o orzamento que en 2009 dedicaba a gasto social 

Nalgunhas comunidades o nivel de 2009 foi recuperado hai anos e noutras aínda fica lonxe. Porén, no conxunto do Estado foi o ano 2020, marcado por un incremento do gasto social por mor da loita contra a pandemia e os seus efectos, o momento en que se produciu o regreso e superación do nivel de 2009.

De feito, o gasto social en España é hoxe un 4,81% superior ao do ano 2009. En Galicia a cifra tamén está por riba dese nivel, pero por debaixo dos datos estatais (+3,7%). Nalgunhas comunidades, como Baleares, Navarra, Comunidade Valenciana, Cantabria, País Vasco ou Asturias o incremento foi moi superior. Pola contra, en Cataluña, Castela-A Mancha ou Castela-León, o efecto dos recortes dos últimos anos segue moi presente.

Nos últimos 12 anos o orzamento en Sanidade medrou en Galicia lixeiramente por riba da media, todo o contrario que en Educación (onde está ao mesmo nivel que en 2009) ou Servizos Sociais

Comparando a evolución seguida por Galicia e polo conxunto do Estado nestes anos, atopamos que o orzamento en Sanidade medrou en Galicia por riba da media, todo o contrario que en Educación (onde está ao mesmo nivel que en 2009) ou Servizos Sociais. 

En canto ao evolución seguida polo orzamento no último ano, marcado pola pandemia de COVID, que obrigou a reforzar o sistema de garantías sociais, os datos galegos e do conxunto do Estado son moi semellantes, cun maior aumento en Galicia nos Servizos Sociais e algo por debaixo da media en Sanidade e Educación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.