Para que unha persoa con discapacidade sexa considerada como tal por parte das Administracións públicas, dende os concellos ata o Estado e mesmo ante entidades privadas, ten que ter recoñecida oficialmente esa condición. Para facelo, os equipos de valoración e orientación (EVO) avalían as súas condicións físicas ou mentais, segundo o caso, aspectos socioeconómicos e médicos para determinar o grao de discapacidade, que se expresa en porcentaxe.
Case o 40% das valoracións de grao de discapacidade no primeiro ano afectado pola pandemia foron realizadas sen atención presencial. Anteriormente, o habitual era que fosen apenas o 1%
Se, tras esa avaliación, o grao de discapacidade supera o 33%, estas persoas "poden acceder a unha serie de beneficios fiscais, laborais, económicos, educativos, sociais, entre outros", tal e como explica a Consellería de Política Social, a que ten as competencias na materia. Como veu informando Praza.gal e admitiu a propia Xunta, dende a implantación das primeiras restricións por mor da pandemia da COVID estes equipos están a realizar unha parte significativa das valoracións sen ver a persoa valorada.
Dende a entrada en xogo da COVID, isto non só acontece nos casos nos que o trámite se limita ao exame de documentación médica ou sociosanitaria -o cal xa acontecía-. Tamén noutros nos que o habitual sería un recoñecemento e entrevista presencial. En case 10.000 destas valoracións durante o ano 2020, ese encontro cara a cara foi substituído por unha chamada telefónica e, nalgún caso, por unha conversa a través de internet.
A propia Consellería de Política Social admitira no Parlamento en marzo de 2021 que isto estaba a suceder e asegurara que, a medida que fosen decaendo as restricións pola pandemia, "temos que ir modificando a nosa forma de traballar", cara á recuperación da atención presencial. Daquela, o director xeral de Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo, concretara en resposta ao PSdeG que a "vía non presencial" fora a empregada no 37% dos casos.
En resposta ao PSdeG, Política Social argumenta que a intención das valoracións de discapacidade non presenciais foi protexer as persoas "vulnerables" ante a COVID, evitando os seus encontros co persoal da Xunta
Aquela porcentaxe expresada polo alto cargo en resposta á deputada socialista Marina Ortega é agora completada con novos datos, todos eles correspondentes a 2020, noutra contestación por escrito á mesma deputada e mais ao tamén parlamentario do PSdeG Julio Torrado. O documento, datado no día 16 deste mes de maio, amosa como as valoración de grao de discapacidade sen atención presencial foron un total de 9.562 durante o ano 2020.
Foron, daquela, case o 40% do total no primeiro ano afectado pola pandemia. Os números achegados pola propia Xunta, que se remontan ao ano 2015, amosa que o habitual viña sendo que as valoracións por teléfono ou outra vía non presencial apenas pasasen do 1%. En 2018, no que aumentaran significativamente, foran apenas 800 (arredor do 3% do total das realizadas).
Na liña do xa expresado polo devandito alto cargo en 2021, Política Social enmarca estas cifras disparadas de valoracións non presenciais á "situación excepcional" da pandemia, que motivou inicialmente a suspensión de "todas as citacións presenciais" durante o confinamento. "Unha vez levantado o Estado de Alarma, en xuño de 2020 -agrega-, retómanse de maneira progresiva as valoracións" aplicando o principio de "ofrecer as máximas garantías de seguridade e de minimizar, na medida do posible, os contactos directos presenciais coas persoas solicitantes".
A intención do Goberno galego, asegura a Consellería, era "garantir a protección daquelas persoas que teñen a consideración de máis vulnerables fronte á COVID-19 e por iso o reinicio das valoracións "realizouse, preferentemente e sempre que a valoración técnica o aconsellase, a través da información que forma parte do expediente", que en ocasións foi completada "a través dunha citación telefónica ou por medios telemáticos". "Se non fose posible a determinación do grao" por esta vía, asegura, "realízase a valoración presencial de xeito prioritario"
Revisións do grao de discapacidade por "melloría"
A Xunta desliga os resultados das revisións do grao de discapacidade do forte aumento das valoracións sen revisión presencial da persoa atinxida
Os deputados do PSdeG que formularon a pregunta reclamaron tamén información a respecto das revisións do grao de discapacidade neste período, toda vez que consideran que a ausencia de atención presencial pode prexudicar as persoas valoradas, mesmo provocando que lles atribúan un grao inferior aínda que a súa situación non mudase. Segundo Política Social, "as revisións por empeoramento ou melloría nada teñen que ver coa posibilidade de resolver o expediente" sen "desprazamento das persoas máis vulnerables".
Neste sentido, e outra volta remontando os datos ata 2015 -é frecuente que Política Social, ao contrario que outras consellerías, inclúa series de datos máis completos nestas respostas-, indica que no ano 2020 foron tamén case 10.000 (concretamente, 9.998) as valoracións para a revisión do grao de discapacidade e, dentro delas, en 1.562 casos considerouse que houbera unha "melloría" e polo tanto, a cualificación debía diminuír.
"A porcentaxe de expedientes de revisión por melloría resoltos en 2020 que acadaron unha porcentaxe de discapacidade inferior sitúase nun 15,62%", o que supón arredor dun punto por baixo de 2019, resalta. Nos anos previos esa porcentaxe oscilara entre o 16% e o 19%
Os deputados do PSdeG consideran "un erro" valorar a discapacidade sen tratar en persoa cada caso e insta a revisar de oficio todos os expedientes afectados
Ortega e Torrado, no nome do PSdeG, consideran que, en calquera caso, resulta "evidente" que "a valoración dunha cuestión que determinará dereitos das persoas con discapacidade tense que dar de xeito presencial, con todas as garantías", polo que "o Grupo Socialista considera un erro que o Goberno galego efectuase as valoracións de discapacidade ou dependencia de xeito telemático". Isto sucedeu "ata polo menos outubro de 2021, que teñamos constancia", subliñan, nun contexto no que fontes do persoal de servizos sociais consultadas por Praza.gal aseguran que este procedemento, nalgúns casos, continúa en 2022.
Para os socialistas, resulta "fundamental resarcir" posibles eivas por este xeito de proceder. Así, coidan, o departamento que dirixe Fabiola García mesmo debería atender a posibilidade de "promover, de oficio, unha revisión presencial para todos os casos afectados polas valoracións ou revisións telemáticas".