Unha persoa con discapacidade éo ante as Administracións públicas cando ten recoñecida oficialmente esta condición. Para acceder a ese recoñecemento, os equipos de valoración e orientación (EVO) que, no caso galego, dependen da Consellería de Política Social, avalían as condicións médicas e sociais de cada persoa para outorgarlle un determinado grao, que se expresa en termos de porcentaxe. Se o grao de discapacidade supera o 33%, como explica a propia Xunta, "poden acceder a unha serie de beneficios fiscais, laborais, económicos, educativos, sociais, entre outros".
Dende o comezo da pandemia, parte das valoracións do grao de discapacidade que implicarían un recoñecemento presencial están a ser realizadas por teléfono, vía que Política Social admite como "preferente" e que afectou ao 37% de valoracións en 2020
Dende o comezo da pandemia, segundo puido constatar Praza.gal, Política Social está a realizar parte destas valoracións sen que estes equipos atendan presencialmente ás persoas con discapacidade. Isto sucede non só nos casos que, como prevé a normativa e xa viña acontecendo, a determinación do grao de discapacidade é realizada só mediante a análise de documentación médica ou sociosanitaria. Tamén en parte das valoracións que, en condicións ordinarias, implicarían unha entrevista persoal de recoñecemento da persoa, agora substituída por unha chamada telefónica.
Este feito, constatado por profesionais dos servizos sociais consultados por Praza.gal nos últimos meses, foi admitido tamén polo director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, en resposta a unha pregunta do PSdeG no Parlamento. Admite Acevedo que, tras a declaración do primeiro estado de alarma, foron suspendidas todas as citas presenciais. Nos seguintes meses deixaron de estar "suprimidas", pero "estanse a levar a cabo, preferentemente" por vía "telefónica, telemática" ou mediante consulta de documentación médica e da historia social.
Especifica o alto cargo de Política Social que, durante o ano 2020, ata o 37% das valoracións de grao de discapacidade foron "por vía non presencial". No total de valoracións de persoas que xa tiñan certificado de discapacidade, concreta en resposta á deputada socialista Marina Ortega, no 15,62% dos casos foi rebaixado o grao recoñecido, uns dous puntos menos que durante o ano 2019.
En resposta ao PSdeG, que require o regreso da atención presencial a todas as valoracións que a precisen, o director xeral de Atención Sociosanitaria admite que "temos que ir modificando a nosa forma de traballar" e non manter indefinidamente as valoracións telefónicas
Defende o director xeral que "cando non é posible" determinar o grao de discapacidade por vía telefónica, os equipos "si están a facer valoracións de forma presencial" se "consideran que non teñen toda a información" precisa. A razón, esgrime, é garantir a seguridade fronte á COVID tanto para o persoal dos EVO como para as persoas con discapacidade, se ben admite que "non podemos" manter a situación de maneira indefinida por tratarse dunha "excepcionalidade". A medida que a situación da pandemia se vaia "modificando" grazas á vacinación, subliñou, "tamén temos que ir modificando a nosa forma de traballar". "Estamos traballando nese senso", asegura.
A xuízo da deputada do PSdeG, "débense retomar a totalidade das valoración presenciais" e facelo decontado. Non en van, mantén, déronse casos neste ano como o "dunha persoa con xordocegueira" que foi valorada por teléfono e "rebaixáronlle o grao de discapacidade". Esa recuperación da normalidade, subliña, debera chegar "o máis axiña posible" aplicando "todas as garantías" sanitarias fronte á COVID. Non en van, resalta, os EVO deben avaliar aspectos como a capacidade das persoas con discapacidade para desenvolver actividades na súa vida diaria que, considera, resulta difícil valorar a través do teléfono.