As persoas con Síndrome de Down reivindican con calcetíns desparellos a riqueza da diversidade

Iniciativa 'calcetíns desparellos' © Down Galicia

Búscase visibilizar a idea "de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade"

No ano 2018 Chloe Lennon, unha nena británica de 5 anos, publicou un vídeo nas redes sociais pedindo que, para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, todas as persoas levasen calcetíns distintos en cada pé. A súa proposta traspasou fronteiras e foi compartida por preto dun millón de persoas. Dende entón a asociación Down Galicia vén impulsando tamén esta iniciativa que busca reivindicar a riqueza da "diversidade" e da inclusión, visibilizando a idea "de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade".

Por este motivo a Federación e as súas entidades locais buscan encher as redes sociais de calcetíns "de todas as cores e estampados" e animan a toda a poboación a participar nesta campaña subindo as súas fotografías coas etiquetas #DíaMundialSindromeDown, #TanDiferentesComoIguais e #CalcetinsDesparellos.

Acto virtual con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down © Down Galicia

O acto virtual que se emitirá este domingo, incluirá as actuacións musicais de Tanxugueiras e da Orquesta Cinema. Nel, ademais darase a coñecer o “Decálogo pola Inclusión”, coas principais demandas e reclamacións do colectivo

O Día Mundial da Síndrome de Down, establecido polas Nacións Unidas, celébrase todos os anos o 21 de marzo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down. Este ano a data coincide este domingo. Habitualmente Down Galicia programa unha ampla serie de actividades e eventos para celebralo, pero nesta ocasión, a situación sanitaria fai máis complicada esta conmemoración, que se levará a cabo en boa medida de forma online.

Así, o Movemento Down en Galicia organizará un acto virtual no que se busca dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións. As persoas coa síndrome de Down serán as protagonistas, ocupándose da presentación e desenvolvemento do acto e farán oír a súa voz coa lectura do “Decálogo pola Inclusión”, expoñendo en primeira persoa as principais demandas e reclamacións do colectivo.

Ademais, os principais monumentos de Galicia serán iluminados de azul e amarelo

Serán as encargadas, ademais, de entregar o Premio Extraordinario de Down Galicia, que neste ano tan singular será outorgado ás familias, profesionais e persoas usuarias do Movemento Down en Galicia, pola súa gran capacidade de adaptación e polo esforzo amosado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19.

O evento, que será retransmitido o propio domingo 21 de marzo de 11:30 a 12:00h a través da canle de Youtube da Federación Down Galicia, incluirá as actuacións musicais de Tanxugueiras e da Orquesta Cinema, que participarán con senllos temas reivindicativos, e as declaracións institucionais de Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta.

A inclusión laboral con normalidade é unha das principais demandas de Down Galicia © Down Galicia

Ademais, en colaboración co Xacobeo, os principais monumentos de Galicia serán iluminados de azul e amarelo. A iluminación, visible ata o día 21 de marzo, iniciarase este xoves coa celebración de sete actos nas sete principais cidades de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.