O pasado mes de decembro foi modificada a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que ata ese momento impedía o voto das persoas que foran declaradas incapaces por mor dalgunha discapacidade. A nova norma adaptábase así á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e a medida, longamente reclamada polas entidades deste ámbito, foi amplamente celebrada por estas. Porén, este mércores o BOE publicou unhas instrucións da Xunta Electoral Central que, en parte, limitan aquela modificación legal.
Os e as representantes dos partidos poderán facer constar na acta a identidade dos e das votantes con discapacidade se consideran que o sufraxio non é exercido de forma consciente, libre e voluntaria
No texto indícase ás Mesas Electorais que deberán admitir "o voto de calquera persoa con aparente discapacidade que se atope inscrita no censo electoral" e sinala que "as persoas con algunha discapacidade poderán valerse de alguñen que as acompañe". Con todo, afirma que "no caso de que algún membro dunha Mesa Electoral ou algún dos interventores ou apoderados adscritos a esa Mesa" considere que "o voto dunha persoa con discapacidade non é exercido de forma consciente, libre e voluntaria, poderao facer constar na acta da sesión", pero, iso si, "non se impedirá que o devandito voto sexa introducido na urna". A acta identificará o elector sinalado "unicamente polo número do seu Documento Nacional de Identidade"
A Xunta Electoral Central explica que adopta esta medida para asegurar a disposición legal que indica que o voto "debe exercerse de forma 'consciente, libre e voluntariamente'" e para evitar posibles "problemas interpretativos" que non quedaron "resoltos" polo lexislador, fixando así "un criterio que poidan seguir" as diferentes Mesas Electorais. Fai referencia ás denuncias efectuadas en moitas ocasións (de forma particular en Galicia) sobre a posible carretaxe de votos levada a cabo por algúns partidos.
Entidades como o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) ou a Federación Down Galicia xa reaccionaron de forma moi crítica á disposición da Xunta Electoral. Este mércores CERMI declarou que a medida "cuestiona as condicións do voto deste colectivo" e pediu a súa anulación. E este xoves Down Galicia cualificou como "intolerable" unha decisión que supón que “as persoas con discapacidade verán cuestionada, unha vez máis, a súa capacidade de decisión".
Para Down Galicia a medida supón que “as persoas con discapacidade verán cuestionada, unha vez máis, a súa capacidade de decisión"
Para Delmiro Prieto, presidente da entidade, “é incrible que por cada pequeno avance na consecución dos dereitos das persoas con discapacidade, haxa un retroceso de varios anos na súa situación”. Cualifica a medida de "persecución" ás persoas con discapacidade, "ás que se lles presupón unha menor capacidade inherente á súa discapacidade e, neste caso concreto, son colocadas nunha clara situación de desvantaxe á hora de exercer o seu dereito fundamental ao voto".
"Parece que os mesmos xuíces que no seu momento rexeitaran todos os pasos que se estaban dando a favor, agora introducen isto, que non sei se podemos interpretalo como unha perrencha. E o único que se lles ocorre é habilitar os representantes políticos que están nunha mesa para que poidan sinalar a unha persoa", comenta. E pregúntase polas consecuencias desta medida: "Van anotar o DNI dunha persoa que votou. Cal pode ser o percorrido seguinte desta medida? Que alguén poida impugnar despois esa urna se sospeita que esa persoa non debería ter votado? Isto non é serio"
"Cal pode ser o percorrido seguinte desta medida? Que alguén poida impugnar despois esa urna se sospeita que esa persoa non debería ter votado?", pregúntase Delmiro Prieto
Finalmente, Delmiro Prieto reflexiona sobre os efectos que poden ter en cada un dos casos concretos de persoas con discapacidade que vaian votar: "Eu vou ir votar co meu fillo, que leva votando toda a vida, porque nunca estivo incapacitado e que nunca tivo ningún problema. E como leva na cara escrito que ten Síndrome de Down, non quero nin imaxinar que alguén se permita facer unha anotación na acta. É incrible que sigan pasando estas cousas".
A Federación Down Galicia, que solicitará a anulación desta disposición, pídelles aos partidos políticos que "non caian na tentación de cometer este erro" e que renuncien polo tanto a sinalar na acta estes casos.