"A vida non vai de cromosomas". Baixo este lema a Federación Down Galicia organizou o pasado domingo a celebración adiantada do Día Mundial da Síndrome de Down, que se conmemora o 21 de marzo en referencia á triplicación do cromosoma 21, orixe da condición xenética da síndrome. Dende o lucense Círculo das Artes, onde ademais Down Lugo aproveitou para celebrar o seu vixésimo aniversario, as asociacións que agrupan as persoas coa síndrome e mais á súas familias reivindicaron o seu dereito a "sermos considerados uns cidadáns máis nesta sociedade, que tamén é nosa".
Neste acto, no que participaron representantes institucionais como o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, ou a alcaldesa lucense, Lara Méndez, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, advertiu de que, alén da solidariedade ou da axuda concreta, as persoas que atenden estas entidades precisan a derrogación de "normativas que están restrinxindo os seus dereitos", algunhas das cales levaron nos últimos anos a estas organizacións a implicárense en protestas nas que nunca acudiran. Este é o caso da LOMCE que, como o propio Prieto explicou en Praza.gal, "exclúe do sistema educativo ás persoas con discapacidade intelectual".
Como cada ano, a Federación Down Galicia aproveita tamén esta data para desmontar tópicos. Na liña do manifestado no seu blog Desmontando tópicos, o movemento ten elaborado un decálogo de "mitos e prexuízos" a respecto da Síndrome de Down, así como as súas "correspondentes explicacións e desmitificacións".
1-A Síndrome de Down é unha enfermidade
Non é tal. É unha alteración xenética. Polo tanto, se non é unha enfermidade non se "sofre" nin se "pacede", nin se está "afectado" ou "afectada" por ela. No entanto, algunhas persoas con Síndrome de Down si teñen patoloxías asociadas á súa condición xenética, como cardiopatías ou anomalías no sistema endocrino.
2-As persoas coa síndrome viven pouco tempo
Un tópico que xa non se corresponde coa realidade. A esperanza de vida das persoas con Síndrome de Down, subliñan as entidades, rolda os 65 anos. É inferior á da media da poboación, pero xa non é especialmente reducida. "A creanza de que as persoas con Síndrome de Down morrían na infancia", resaltan, estaba asociada ás devanditas patoloxías asociadas, sobre todo as que afectan ao corazón. Pero actualmente existe un bo número de tratamentos axeitados.
3-Emocionalmente viven na infancia
Só son coma nenos ou nenos mentres son nenos ou nenas. Esta crenza, advirten, é "unha das que máis dano fai á imaxe social das persoas con Síndrome de Down". Asumila é tanto como "negar realidades como os cambios hormonais das persoas, o desenvolvemento da sexualidade ou a nacesidade de explorar relacións afectivas propias".
4-Sempre son felices e manifestan agarimo
Como calquera outra persoa, cada home ou muller con Síndrome de Down ten un carácter de seu. E o seu estado de ánimo varía segundo as circunstancias, como o do resto das persoas.
5-Non poden aprender
"Non aprendían porque non se lles ensinaba", resumen dende Down Galicia. Na actualidade "está demostrado que, cos apoios axeitados e dependendo das súas potencialidades particulares", as persoas con Síndrome de Down "poden seguir o ritmo dunha aula ordinaria". De aí a súa oposición ás barreiras impostas pola LOMCE, caso das reválidas.
6-Son unha carga familiar
Tópicos como os mencionados levan á conclusión de que unha persoa coa Síndrome de Down "non pode acadar obxectivos dunha persoa adulta como vivir fóra do fogar familiar, facerse cargo dos seus gastos ou do seu coidado persoal". A realidade, di Down Galicia, é que "cos apoios adecuados, poden desenvolver a súa autonomía persoal" alén da familia.
7-A dependencia económica
A Federación Down pon o acento en que está espallada a crenaza de que "a Administración pública asume o custo dos apoios á discapacidade na súa totalidade, e que ademais todas as persoas con discapacidade cobran algún tipo de subsidio". Esta creanza "implica un matiz extremadamente negativo", porque sitúa estas persoas "como unha carga para o erario" mentres que "en realidade, en xeral as persoas con Síndrome de Down están capacidades para acceder ao mercado laboral e ter un soldo".
8-Son un lastre laboral
"Lamentablemente, aínda hai quen pensa que as persoas con Síndrome de Down son un problema para a empresa que as contrata". Este tópico parte do "descoñecemento de moitos casos reais" nos que persoal con Síndrome de Down "contribúe positivamente ás empresas" que son quen de "aproveitar as súas habilidades particulares".
9-Fan competencia desleal
Hai quen mantén que as persoas con Síndrome de Down "compiten con vantaxe no mercado de traballo, posto que a súa contratación está privilexiada por normas e cotas". Esta percepción, resaltan, "esquece que as normas que favorecen a contratación ou acceso á función pública de persoas con discapacidade son mecanismos insuficientes para promover a igualdade de oportunidades".
10-A síndrome é hereditaria
Sinxelamente non é certo en, aproximadamente, o 99% dos casos. A síndrome é "completamente aleatoria" e "o único factor coñecido que incrementa o risco" é a idade avanzada das nais.