As entidades Down en Galicia celebraron este sábado un acto institucional en Ourense, baixo o lema A vida non vai de cromosomas. Juan José Castrillón e Manuel López, ambos mozos coa síndrome de Down, deron lectura a un manifesto no que reclamaron unha sociedade na que se acepte a diversidade. “Pedimos que a nosa sociedade se faga máis forte e valiosa, que admita a diversidade no seu seo e que nos acepte nela. E que estea disposta a utilizar os recursos que implican esta opción”, dixeron.
“Pedimos que a nosa sociedade se faga máis forte e valiosa, que admita a diversidade no seu seo e que nos acepte nela. E que estea disposta a utilizar os recursos que implican esta opción”
A lectura do manifesto realizouse no marco dun acto institucional que tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense, e que contou coa presenza dos presidentes de Down Ourense, Mara Prieto Fortes, de Down Galicia, Delmiro Prieto González, do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, e do alcalde de Ourense, Agustín Fernández Gallego.
Durante a súa intervención, Mara Prieto quixo poñer o acento na necesidade de que as persoas coa síndrome de Down teñan oportunidades para ser “educadas e formadas axeitadamente, acceder ao mercado laboral, á vivenda propia, elixir a súa forma de vida adulta, á súa parella e, en definitiva, tomar as súas propias decisións”. “Porque as persoas coa síndrome de Down, coma calquera persoa, deben poder optar a un futuro digno e poder vivir de acordo coas súas aspiracións e soños” manifestou a presidenta de Down Ourense.
Mara Prieto puxo acento na necesidade de que as persoas coa síndrome de Down teñan oportunidades para ser “educadas e formadas axeitadamente, acceder ao mercado laboral, á vivenda propia, elixir a súa forma de vida adulta, á súa parella"
Pola súa banda, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, fixo un somero repaso ás normativas que actualmente están restrinxindo os dereitos das persoas coa síndrome de Down, como son a LOMCE, a falta de convocatorias públicas por parte das Administracións para persoas con discapacidade intelectual, ou os procesos de incapacitación xurídica. Neste sentido, aproveitou a presenza institucional dos representantes autonómicos e municipais para solicitar apoio ante estas cuestións, ao tempo que agradeceu toda a colaboración recibida para poñer en valor as capacidades das persoas coa síndrome de Down e facelas máis visibles.
Premios Down Galicia
Os II Premios Down Galicia recoñeceron a Agustín García Montero, traballador de BBVA, e a Fundación Bancaria La Caixa
Durante o evento tamén se fixo entrega dos II Premios Down Galicia, que se conceden co obxecto de recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares. Nesta segunda edición recaeron, na categoría de persoa individual, en Agustín García Montero, traballador de BBVA que fixo posible varios programas de prácticas formativas para persoas coa síndrome de Down en oficinas deste banco en toda Galicia; e na categoría institucional na Fundación Bancaria La Caixa, polo seu apoio continuado ao longo dos anos aos programas de acción social que desenvolven as entidades Down en Galicia.
Gala musical
Ao acto institucional estivo seguido dunha parte máis lúdica, presentada polo actor e produtor ourensán Rubén Riós, acompañado de Jorge, un mozo de Down Ourense. Esta segunda parte consistiu nunha breve gala musical na que actuaron a Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense, na que baila una nena coa síndrome de Down, a Academia de baile Enka, na que tamén participa unha moza de Down Ourense, e o cantautor Emilio Rúa.