Contido tirado de Desmontando tópicos, o espazo de Down Galicia no Obradoiro de Praza Pública
A imaxe social das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade está inzada de prexuízos e estereotipos. De entre todos os atrancos que teñen que superar no seu día adía, está a loita constante por demostrar que poden participar e aprender na escola cos seus compañeiros e compañeiras. Hai unha boa distancia entre precisar apoio para facer algo e non ser capaz de facelo.
Se ata hai pouco as persoas coa síndrome de Down non aprendían era sinxelamente porque non se lles ensinaba. Hoxe en día, e grazas ao esforzo das familias, das entidades do terceiro sector, e dun gran número de profesionais docentes comprometidos, existen recursos e metodoloxías para que as persoas con dificultades, sexan estas do tipo que sexan, poidan manter o ritmo dos seus compañeiros e compañeiras nunha aula ordinaria.
De verdade é posible que unha persoa con discapacidade intelectual avance no colexio?
Hai unha boa distancia entre precisar apoio para facer algo e non ser capaz de facelo
Si, de verdade é posible. Fina Pereiras, profesora de primaria actualmente xubilada, foi mestra dunha rapaza coa síndrome de Down durante 5 cursos e asegura que aínda que tiña un ritmo diferente, co apoio e os recursos apropiados estudaba os mesmos contidos que os seus compañeiros. No seu caso, afirma que se apoiou moito no asesoramento das técnicos de educación das entidades Down e no do persoal de orientación do centro educativo.
Entorpecen o funcionamento da aula?
A través da súa experiencia particular, Fina Pereiras asegura que a convivencia con unha persoa con máis dificultades beneficia ao conxunto da aula porque aprenden a apreciar a diferenza e fomentan un ambiente enriquecedor no que aprenden uns de outros e se inculcan valores como o da solidariedade, a igualdade e o respecto.
Fóra do centro educativo precisan moitas clases particulares?
A aplicación da LOMCE está a supoñer cambios importantes; un dos máis preocupantes é o da discriminación e segregación
Ao igual que calquera outro alumno pode precisar clases particulares. Pero o verdadeiramente importante é que conten con apoio naqueles aspectos concretos nos que teñen as dificultades. Como cada alumno ou alumna ten as súas particularidades, desde as entidades Down en Galicia trabállase cos rapaces e rapazas segundo as súas necesidades individuais e sempre con recursos que teñan aplicación práctica na súa vida cotiá. Por exemplo, nas dificultades de comunicación o apoio irá máis ligado á logopedia, no caso de ter dificultades coas matemáticas a intervención será a través de situacións concretas e reais, como o manexo do euro, o uso do reloxo ou o calendario. Estas apoios realízanse en coordinación coas familias e co centro educativo, co que as técnicos de educación das entidades Down realizan un traballo continuo de asesoramento e colaboración en temas como a adaptación de materiais para facilitar a súa comprensión, como mellorar a comunicación e as relacións entre compañeiros ou para partillar estratexias de ensino e aprendizaxe.
Periga a inclusión educativa?
A aplicación da LOMCE está a supoñer cambios importantes no sistema público de educación. Un dos máis preocupantes é o da discriminación e segregación ás que pode abocar ao alumnado con dificultades, sexan dificultades de aprendizaxe, económicas, de adaptación social, ou de contornas familiares complexas. Seguir lendo en Desmontando tópicos, o espazo de Down Galicia no Obradoiro de Praza Pública