O Tribunal Constitucional vén de avalar que as persoas con discapacidade intelectual non poidan votar. E fíxoo ao rexeitar a admisión a trámite dun recurso de amparo presentado por un matrimonio galego, que reclamaba que á súa filla se lle restablecese o dereito a voto. A maioría dos tres maxistrados acordou esta inadmisión aínda que houbo un voto particular en contra da decisión que lamenta que o alto tribunal perdese a oportunidade de resolver un asunto que afecta milleiros de persoas en Galicia e no Estado. A familia xa anunciou que acudirá a Estrasburgo.
O Constitucional rexeita admitir a trámite o recurso dun matrimonio galego para que se lle restablecese á filla o dereito a voto
A resolución do Constitucional, adiantada pola Cadena SER, xorde do caso de Mara, unha moza galega de vinte anos para quen seus pais solicitaron unha incapacitación parcial, pero respectándolle os seus dereitos personalísimos, entre eles o de dereito a voto. Hai xa máis de dous anos, un xulgado de Compostela emitiu unha sentenza na que, entre outros detalles, privaba a moza do dereito ao sufraxio activo. Fundamentara o maxistrado o seu veto ao sufraxio nun exame sobre coñecemento político, aínda que a Fiscalía considerara que fora respondido acertadamente tendo en conta a idade da moza.
Ante tal decisión, a familia recorreu á Audiencia Provincial da Coruña, que ratificaba o ditado en marzo de 2015, ao igual que o Tribunal Supremo, nun ditame de hai nove meses. Este último, malia que a Fiscalía amosara o seu rexeitamento, solicitando que se lle facilitase á muller o apoio necesario e se lle permitise votar, tal e como establece a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
Un xulgado de Compostela, a Audiencia Provincial e o Supremo ratificaron a privación do dereito ao sufraxio que confirma o Constitucional
Mesmo o voto particular na sentenza -asinado pola vicepresidenta do tribunal, Adela Asúa- asegura que lle "produce perplexidade" que fosen rexeitadas as recomendacións da Fiscalía para estudar un problema que afecta un grupo de poboación "nunha situación de especial vulnerabilidade". O Ministerio Público non só aludiu ao posible incumprimento de varios artigos da Convención da ONU, senón á probable vulneración do dereito de igualdade ante a lei e o dereito á participación na vida pública que establece a Constitución Española.
O voto particular dunha maxistrada amosa a súa "perplexidade" por que se rexeitasen as recomendacións da Fiscalía
En declaracións á axencia EFE, a avogada da familia da afectada lamentou que "o Constitucional perdese unha grande oportunidade para se meter de cheo no asunto" e anunciou que acudirán ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.
A Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia) expresou este mércores a súa "indignación" ante o rexeitamento do Tribunal Constitucional de admitir a trámite o recurso. O seu presidente, Delmiro Prieto, que “é unha sorpresa que a estas alturas de século sigan pasando cousas coma esta”. E atribúe esta “inconcibible decisión” a unha “notoria ausencia de capacidade nas altas esferas do Tribunal Constitucional”. Con todo, destaca que o voto particular contrario indica que “polo menos hai quen pon algo de lucidez neste camiño cheo de barreiras”.
Precisamente, ese voto particular de Asúa considera que “a exclusión do dereito de voto sobre a base dunha discapacidade psicosocial ou intelectual percibida ou real, incluída constitúe unha discriminación por motivos de discapacidade”. E lamenta que o Constitucional “faga deixamento das súas funcións e remita, sen máis, á xurisprudencia do Tribunal Surpemo" pero non resolva o problema que se formula ante a posible incompatibilidade do artigo 3.1 b) e 2 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral co artigo 23.1 da Constitución Española, cando lle corresponde o monopolio para determinar se os preceptos cuestionados na demanda de amparo e no recurso de súplica do Fiscal son ou non son conformes coa Constitución".
O voto particular lamenta que non se resolva o problema de incompatibilidade entre a lei electoral e os dereitos que marca a Constitución
Segundo lembraba a Fiscalía, “tanto en primeira instancia como na Audiencia Provincial non se tivo en conta a importancia que para as persoas con discapacidade reviste a súa autonomía e independencia individual, incluída a liberdade de tomar as súas propias decisións”.
Desde Down Galicia destacan, ademais, que xa é a segunda ocasión que o poder xudicial de España desperdicia a ocasión para "pronunciarse e posicionarse a favor do dereito ao voto das persoas con discapacidade e respectar deste xeito a Constitución Española e a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade".
Down Galicia lamenta que o poder xudicial "non se posicione a favor do dereito a voto das persoas con discapacidade"
Como lembra a Federación, segundo o CERMI (Comité Español de Representantes de Persoaas con Discapacidade) case 100.000 persoas con discapacidade intelectual, enfermidade mental ou deterioro cognitivo "están na mesma situación que Mara e non poden votar en España".