O cineasta vigués Gonzalo Suárez asina con 'A Cero.5' a súa primeira película. Un documental en primeira persoa no que mostra os primeiros 11 anos convivindo cunha lesión medular que xa se pode ver en Filmin
Hai case dezaseis anos que o vigués Gonzalo Suárez Garayo ve o mundo a medio metro do chan e sobre rodas. Un accidente de tráfico en novembro de 2006 provocoulle unha lesión medular que lle fixo aprender a manexarse nunha cadeira de rodas. Tiña 26 anos e quería ser director de cine. Un dos seus primeiros impulsos ao verse na cama do hospital foi pedir unha cámara e gravar. O material que foi vivindo e gravando á vez converteuse co tempo no filme documental A Cero.5, producido por Agallas Films, que ten a súa estrea na plataforma Filmin.
“Que a xente se olvide de se é unha peli sobre a discapacidade ou non. O que vai ver é a persoas e atletas. Unha historia que non lle contaron nunca, a historia de como se vive unha lesión medular en primeira persoa. Pero tamén unha historia na que se conta o baloncesto en cadeira de rodas desde dentro, o deporte número un dentro do mundo do paralimpismo. Cada persoa pode atopar algo que lle atraia na película, o fundamental é que comecen a vela porque engancha. Non se van aburrir, que lle dean unha oportunidade”, salienta Gonzalo Suárez.
Foi nunha sesión de pitching para novos proxectos audiovisuais na Asociación galega de profesionais da dirección e realización (CREA) onde Gonzalo Suárez entrou en contacto coa cineasta e produtora Paula Cons e co produtor Juan de Dios Serrano, ambos de Agallas Films. O guión foi escrito a catro mans entre Suárez e Cons, que foron encaixando a historia para darlle continuidade. Así se foi conformando un equipo de profesionais arredor da película, entre as que destaca a directora de fotografía viguesa Noemí Chantada. Tiveron que traballar a maior parte do tempo en remoto por mor da pandemia, o que tamén dilatou o proceso para rematar o documental.
“Cando fixen ese acto kamikaze de poñerme a gravar desde o primeiro intre do accidente non agardaba nada”
En A Cero.5 non hai autocompaixón nin puntos aparte. Gonzalo Suárez quixo mostrar un continuo da vida. “O que é difícil é ser xuíz e parte. Ser o director, o narrador e saír na historia na túa primeira película. Verte a ti mesmo, sobre a túa propia vida, pétache a cabeza. Pensas ata que punto é interesante ou se vai entender. Na ficción un ten máis claro como funcionan os arcos narrativos, pero nunha película deste tipo é moi complexo. Eu non son un personaxe, son unha persoa. Por iso o traballo con Paula Cons e os montadores foi esencial para atopar equilibrios. É moi difícil ser frío para poder distanciarse, intentar transmitir emocións ao espectador e ser xusto coas persoas que aparecen no filme”, explica o director.
O gran fondo do documental é o material que Gonzalo Suárez gravou ata o ano 2017, cando se celebrou en Vigo o campionato europeo de baloncesto en cadeira de rodas. Neses once anos de metraxe están moi presentes os xogadores do club Amfiv de Vigo, aos que se pode ver adestrar e xogar, co impactante que é este deporte que por momentos resulta extremo aínda que non saian da pista de baloncesto. Pero houbo que rodar novas escenas “para poder contar toda a historia”. “Facían falta fíos para unir e vertebrar a película porque o que había estaba rodado de maneira moi inconsciente, buscando que pasasen cousas.
“Cando fixen ese acto kamikaze de poñerme a gravar desde o primeiro intre do accidente non agardaba nada. Moitas veces, cando estaba gravando estaba buscando. E coido que atopei moitas cousas. Hai vertixe ao compartir por fin a película e por estrear así, pero as impresións da xente que xa a viu son boas. Espero que vaia ben”, asegura Gonzalo Suárez.
O documental, que é unha coprodución da galega Agallas Films coa produtora portuguesa Take 2000, e conta coa participación de TVE, TVG, Agadic e Ibermedia, aínda non sei puido ver en salas de cinema. A súa estrea absoluta tivo lugar na pasada edición da Seminci de Valladolid, pero a pandemia da COVID complicou a súa chegada ao público. Agora, está dispoñible na plataforma de cine en liña Filmin, pero o seu creador agarda que aínda poida facer un percorrido polos cines para poder gozar dela na pantalla grande. “Á película só lle falta atoparse co público”, destaca.