O Festival de Cans regresa á primavera con João Nicolau, Margarita Ledo e o documental sobre Eme DJ como protagonistas

Presentación da imaxe da 19ª edición do Festival de Cans, hai uns días © Festival de Cans

O certame volve ás súas datas habituais da primavera e a súa 19ª edición terá lugar entre os días 18 e 21 de maio

O Festival de Cans regresa á normalidade. Despois de dous anos de pandemia nos que tivo que celerarse nos meses de agosto e setembro, o certame volve ás súas datas habituais da primavera e a súa 19ª edición terá lugar entre os días 18 e 21 de maio. O festival volverá coincidir co que se celebra na localidade francesa de Cannes, que neste 2022 se desenvolve entre o 17 e o 28 de maio.

Este regreso "ás orixes" está a marcar os sucesivos adiantos da imaxe gráfica e da programación do festival que os seus organizadores veñen debullando nas últimas semanas. Será un festival ao sol, que destaca no cartel realizado por Rei Zentolo, e definido outravolta pola calor humana, co retorno dos escenarios tradicionais de proxección preto da súa capacidade habitual.

Cans homenaxeará a Margarita Ledo por unha obra "caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada"

Aínda non se coñece a programación completa, pero xa podemos saber algunhas das citas obrigadas do festival. Unha delas será a homenaxe se que se tributará á cineasta, escritora e investigadora Margarita Ledo Andión, que recibirá a distinción de Honra do festival, o Premio Pedigree. A organización do certame destacou a importancia dunha obra "caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada". 

Ledo recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro das estrelas, nunhas xornadas nas que se poderá ver unha retrospectiva da súa creación de curtametraxes e narrativa experimental, rescatando tamén algunha obra inédita.

O outro nome propio da edición número 19 é a do realizador portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema luso

O outro nome propio da edición número 19 é a do realizador portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema luso. Nicolau realizou ata o de agora tres filmes, que se poderán ver en Cans e que foron estreados en certames de gran prestixio como Cannes, Venecia, BAFICI de Bos Aries, Locarno ou Sevilla: A espada e a rosa (2010), John From (2015) e Technoboss (2019). O director estará presente en Cans, onde o público poderá conversar con él sobre os seus filmes, e tamén sobre as súas curtametraxes, das que o festival ofrecerá unha sesión, con Rapace (2006), Cançao de Amor e Saúde (2009) e Gambozinos (2013).

Carteis dalgúns dos filmes de João Nicolau © Festival de Cans

João Nicolau estará presencialmente en Cans na fin de semana máis intensa do festival onde será o convidado do encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en posprodución, John in Christ.

O documental Miedo al miedo narra como Eme se enfronta á ansiedade antes de saír a pinchar

Tamén destaca a aposta do festival polo documental musical. En Cans poderá verse por primeira vez en Galicia Miedo al miedo, dirixido por Menchu Esteban, sobre a dj galega Eme DJ, e La historia de un cantante de pub, de Óscar Vilanova, no que se repasa a traxectoria de Litus Ruiz, líder da banda do Late Motiv, que actuará no Invernadoiro de Cans acompañado do vigués Pablo Novoa. Antes desa actuación, o Invernadoiro será tamén escenario da performance musical de Javi Álvarez, creador multidisciplinar máis coñecido por ser unha das metades, xunto co Jevi, do grupo Fluzo.

Cans acollerá a performance musical de Javi Álvarez, máis coñecido por ser unha das metades, xunto co Jevi, do grupo Fluzo

O documental Miedo al miedo narra como Eme se enfronta á ansiedade antes de saír a pinchar. Hai uns anos confesou no seu primeiro libro Mamá, quiero ser DJ que sufría ansiedade cada vez que subía a unha cabina e se expoñía ante o público. Mesmo chegou a padecer ataques de pánico que a obrigaron a cancelar actuacións. Desde entón, fala abertamente sobre a saúde mental, tanto en entrevistas como nas súas redes sociais. 

Dende este martes poden adquirirse as entradas para as sesións de proxección e performance musical de Javi Álvarez, o pase do documental e o concerto de Litus no Invernadoiro

A piques de esgotarse o primeiro pack de 200 entradas, á venda ata o 26 de abril ou ata finalizar a oferta, este martes poden adquirirse xa as entradas para as sesións de proxección e performance musical de Javi Álvarez, o pase do documental e o concerto de Litus no Invernadoiro. Serán unicamente 100 as localidades dispoñibles para este espazo a un prezo de 5 euros. Todas as entradas, tanto para as proxecións nos jalpóns como para os concertos, poden adquirirse na tenda en liña do Festival de Cans.

Cartel da edición 2022 do Festival de Cans © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.