O Festival de Cans recupera a súa 'normalidade' e chega á maioría de idade con "responsabilidade e resistencia"

Imaxe da presentación do XVIII Festival de Cans no Torreiro. © Festval de Cans

Volve o Festival de Cans. O certame celebrará a súa 18ª edición entre os días 1 e 4 de setembro, unha edición na que acada a "maioría de idade" e que se ben non suporá un regreso total á normalidade, pois a pandemia segue aí, si que supón un impulso con respecto á pasada edición. Este mércores presentouse no Torreiro de Cans o máis destacado da programación do festival, que se celebrará con "responsabilidade, resistencia e rebeldía”, destacou Alfonso Pato, o seu director.

Haberá ao redor de 40 actividades, entre proxeccións, roteiros, concertos, exposicións ou coloquios, que se celebrarán nun total de once espazos, recuperando algúns dos máis emblemáticos

Haberá ao redor de 40 actividades, entre proxeccións, roteiros, concertos, exposicións ou coloquios, que se celebrarán nun total de once espazos, recuperando algúns dos máis emblemáticos, coma o Baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso.

Entre os e as artistas máis importantes que pasarán polo festival destaca o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019. Mendonça Filho será o convidado do coloquio central do Festival, que terá lugar o sábado 4 de setembro ás 12 horas no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río. Ademais, o certame dedicaralle unha retrospectiva na que se proxectarán as tres longametraxes que realizou ata o momento e varias das súas curtametraxe

Edición 2020 do Festival de Cans © Festival de Cans

Por Cans tamén pasarán os irmáns Jorge e Pepe Coira, que xunto a Gaspar Broullón estrean no Festival o documental ’Beiras, vivir dúas veces'. Igualmente, estará o historiador Ian Gibson, figura central de ’Donde acaba la memoria’. A película documental, asinada polo director vigués Pablo Romero-Fresco, volve sobre os pasos do mítico cineasta Luis Buñuel a Las Hurdes (Cáceres). 

Por Cans tamén pasarán os irmáns Jorge e Pepe Coira, que xunto a Gaspar Broullón estrean no Festival o documental ’Beiras, vivir dúas veces'

Así mesmo, pasarán por Cans os actores Celso Bugallo e Tamar Novas e tamén o realizador portugués Nuno Beato, que presentará un avance do seu novo filme, e a realizadora israelí Imbar Horesh. Ademais, será homenaxeada a veciña Marisol González, unha das moitas que levan anos apoiando con compromiso e desinterese o desenvolvemento do Festival e tamén Silvino González, o colocador das estrelas, veciño da aldea e tristemente falecido hai pouco tempo.

Xunto ás 15 curtametraxes da sección oficial participan noutras seccións competitivas do certame as 10 da categoría de Furacáns e as 8 da sección Novas Camadas. Son, en total, 34 as obras en competición 

En canto á música, sempre protagonista neste festival tan cinéfilo, actuarán Maika Makovski, Ses e a banda galega Oh Ayatollah!. Os concertos celebraranse no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, inaugurado polo Festival o pasado ano e que tivo unha excelente acollida por parte do público. O seu aforo será limitado e garantirase a distancia social e a seguridade, tal e como xa aconteceu no último ano. O concerto de Maika Makovski terá lugar na noite do venres 3 de setembro e o prezo das súas entradas será de 5 euros. Ses pechará o Festival o sábado 4 de setembro e terá un prezo de 7 euros. Para o concerto de Oh Ayatollah!, previsto para a tarde dese mesmo sábado, a entrada será de balde, pero resulta obrigatoria a inscrición previa.

 

As proxeccións

En canto á música, sempre protagonista, actuarán Maika Makovski, Ses e a banda galega Oh Ayatollah!

Un total de 15 curtametraxes formarán parte este ano da sección oficial da competición de ficción e animación no Festival. Ata 8 estrearanse en Cans. Entre elas están "What a Circus", dirixida pola coruñesa Anita Pico, que supón a estrea en España desta obra seleccionada por un programa de Xoves talentos da BBC; "Retorno a Eleusis", animación de Borja Santomé, gañador de Cans en 2018, ou "Deux Options", obra do vigués Gon Caride.

Edición 2020 do Festival de Cans © Festival de Cans

Xunto a estas 15 curtametraxes participan noutras seccións competitivas do certame as 10 da categoría de Furacáns e as 8 da sección Novas Camadas. Son, en total, 34 as obras en competición. Ademais, 20 videoclips competirán polo premio do xurado na Noite Lasal dos videoclips. 

O festival estrea unha nova sección este ano. Chámase `Correspondencias´ e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países

Fóra de competición, Cans acollerá a estrea de catro longametraxes. Ademais dos xa comentados  ’Beiras, vivir dúas veces' e ’Donde acaba la memoria', o filme ’9 Fugas’, de Fon Cortizo proxectarase por primeira vez en salas durante o certame o venres 3 de setembro. Un día despois, o Jalpón de Mucha e Juan do Peso acollerá a estrea mundial de ’El tiempo libre’, do realizador, intérprete, dramaturgo e músico ourensán Fernando Epelde.

Finalmente, o festival estrea unha nova sección este ano. Chámase `Correspondencias´ e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países e fomentar un intercambio de ideas inéditas filmadas. Os encargados de botar a andar esta sección serán o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno, que mantiveron unha interesantísima correspondencia filmada da que se presentará un amplo avance nesta edición do Festival de Cans.

As medidas de seguridade

A capacidade máxima permitidade de todos os espazos redúcese a un 50% e á aldea só se poderá acceder en bus se se conta con entrada para as actividades

Nos paseos en chimpín será obrigatorio o tapabocas, o mesmo que en todas as actividades do evento. Entre as medidas de seguridade tamén está a redución da capacidade máxima permitidade de todos os espazos nun 50%. Mesmo nos chimpíns, nos que non poderán subir máis de 4 persoas a un tempo.

A aldea deberá ser desaloxada cada día antes da unha da madrugada polo público, que só poderá chegar ao Festival en bus se conta con entradas ou inscricións para as súas actividades. Non haberá aparcadoiros para o público en Cans.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.