Vinte curtas a concurso do Festival de Cans

'Mare', de Guille Vázquez © Guille Vázquez

Cans é, coma sempre, unha oportunidade para ver o que están a facer os cineastas galegos no ámbito da curtametraxe, parte deles desde outros países onde foron formarse e, algunhas veces, quedaron

O Festival de Cans concentra este ano a súa sección oficial a concurso nunhas poucas xornadas. Así, o sábado poden verse as curtas de ficción e animación máis as da sección de non ficción Furacáns, que repasamos nesta reportaxe. Cans é, coma sempre, unha oportunidade para ver o que están a facer os cineastas galegos no ámbito da curtametraxe, parte deles desde outros países onde foron formarse ou completar a súa formación e, algunhas veces, quedaron.

Season’ e ‘Mare’ 

Dúas das curtas da sección oficial de Cans parten das emocións producidas pola vivencia da enfermidade da nai dos directores: ‘Mare’, no caso de Guille Vázquez e ‘Season’, no de Giovanna Lopalco. ‘Mare’ é un íncubo, un demo ao que a lenda medieval atribuía a parálise do sono, pois supoñíase que entraba dentro do corpo da muller e a violaba. Nesta curta, unha moza busca pola casa a alguén que lle entrou nela. Con feitura de filme de misterio ou mesmo de terror, ‘Mare’ percorre un mundo onírico cheo de imaxes inquietantes que suxiren un corpo preso, atrapado. No dossier da película, o director explica que o punto de partida foi a narcolepsia que a súa nai padece. Momentos de estar medio esperta, sen poder moverse nin fuxir de soños que son, ás veces, pesadelos.

Giovanna Lopalco propón tamén na curta de animación ‘Season’, un conto onírico no que, nunha estraña paisaxe escura na que uns homes con traxe de esmelgar seguen a unha muller, a bioloxía actúa sobre o corpo desta última, transformando o seu interior. O corpo da muller tende a fundirse cunha natureza viva, cambiante, que se revela como forza poderosa que ás veces parece calmar. A directora explicou nunha entrevista que o proceso de creación desta curta tivo, nela, un efecto catárquico, xa que a fixo durante a enfermidade -un cancro- da súa nai, que así como apareceu acabou morrendo no seu corpo, liberándoa.

Badaladas de amor e morte’ e ‘Da Morte nace a vida’ 

‘Da Morte nace a vida’, de Adrián Canoura, parte de imaxes da película ‘Urxa’, un dos clásicos daquel primeiro cinema galego dos 80, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal

A relación humana coa morte -o medo á mesma, así como a súa certeza- aparece sutilmente tratada en ‘Season’ e é máis directa en ‘Badaladas de amor e morte’ de Iria Ares e ‘Da morte nace a vida’ de Adrián Canoura. En ‘Badaladas de amor e morte’, feita a partir do texto de Roberto Vidal Bolaño e que conta coa voz -en off e cantando- de Manuel Lourenzo, unha muller desesperada pola dor do mal que está a devorar o seu corpo pídelle calmantes ao home co que vive. Unha enfermidade parece estar levando aos habitantes da aldea e a muller non atura máis: desexa saber cando será a súa hora. Non porque arele a morte, que agarda no monte, senón porque precisa liberarse da dor.

‘Da Morte nace a vida’, de Adrián Canoura, parte de imaxes da película ‘Urxa’, un dos clásicos daquel primeiro cinema galego dos 80, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal. Urxa -interpretada por Luma Gómez- é unha muller con poderes sobrenaturais, unha meiga que realiza un ritual que, tras a morte, chama pola vida. Canoura transforma as imaxes orixinais, incrementando a espectralidade da personaxe e a teatralidade da posta en escena, camiñando cara unha curta experimental na que o lume e a lúa acaban debuxando imaxes abstractas, cheas de misticismo. Coma ‘Mare’, ‘Da Morte nace a vida’ conecta co desacougo da ameaza da morte e coa tradición, con ela relacionada, da literatura ou do cinema de medo. Aínda que a estética de ‘Da Morte nace a vida’ achégase máis á de ‘Badaladas de amor e morte’ -co cinema clásico como referencia- que á de ‘Mare’.

Conte trencat’ e ‘Cartografía do esquecemento’

Unha nena foxe dun home que a busca, a berros, no monte. A súa conexión, a través do ouvido, coa natureza é tal que o bosque guíaa no seu percorrido, avisándoa do perigo e agochándoa. A nena entrara naquel espazo que a acolle e a protexe na procura do seu curmán, un guerrilleiro ao que persegue a Garda Civil. A tensión aumenta ante un enfrontamento entre os axentes e os maquis que semella inminente. Así é ‘Conte trencat’ de Miguel Gago, unha curta que mestura con acerto o transfundo histórico con elementos fantásticos de certo misterio que remiten, coma ‘Da Morte nace a vida’ ou ‘Badaladas de amor e morte’, á literatura de tradición oral -non só galega- na que unha natureza viva actúa como un personaxe máis. Coma ‘Badaladas de amor e morte’, ‘Conte Trencat’ estivo no Medina Film Fest.

A fraga é tamén protagonista na curta documental ‘Cartografía do esquecemento’ que, con imaxes de incendios, eólicos ou árbores cortadas e con textos de ‘En las orillas del Sar’ de Rosalía de Castro como fío condutor, quere propoñer unha reflexión sobre a desaparición do bosque autóctono galego e o seu impacto na memoria e na identidade colectivas. O eucalipto substitúe os carballos ou os castiñeiros mentres os diálogos sobre o lume que todo o arrasa se impoñen na fraga que fora territorio sagrado e lugar de conexión co alén. Esta curta, de Ariadna Silva, forma parte dun proxecto artístico máis amplo sobre esta mesma temática.

16 de decembro’ e ‘Blacks or whites’

A violencia de xénero está tamén detrás de ‘Blacks or whites’, de Anita Pico, unha curta de notable calidade técnica, coma ‘16 de decembro’ ou ‘Conte trencat

Álvaro Gago volve a Cans, onde o seu traballo xa foi recoñecido con premios en dúas edicións do festival, con ‘16 de decembro’, a súa curta estreada no Festival de Locarno e que leva xa un tempo colleitando galardóns en diferentes mostras internacionais. Lucía, unha moza deportista, (Cris Iglesias), atravesa coa súa moto unha paisaxe urbana que cre coñecer ben para ir buscar, por encargo da súa nai, o seu irmán pequeno. Mais ten a mala sorte de topar cun grupo de mozos que non están dispostos a permitir que unha muller se apoña ao acoso ao que consideran ter dereito. ‘16 de decembro’ é unha curta sobre unha das moitas formas de violencia de xénero vixentes nunha sociedade que podería parecer que deixara atrás certos comportamentos.

A violencia de xénero está tamén detrás de ‘Blacks or whites’, de Anita Pico, unha curta de notable calidade técnica, coma ‘16 de decembro’ ou ‘Conte trencat’. Un mozo chamado Jerry é levado a unha sala completamente branca na que é sometido a un interrogatorio por unha muller que xoga con el unha partida de xadrez. A medida que o xogo avanza, a tensión e o nerviosismo del aumentan xa que a muller faille enfrontarse á súa máis escura cara: a que agocha a verdade. Anita Pico graduouse con esta curta na University Creative Arts e foi seleccionada pola BBC para un programa de novos talentos artísticos.

Todo el mundo se parece de lejos’ e ‘Mentres iso pasa’

Unha moza volve para a casa da nai, no barrio onde se criou, despois dunha perda que aínda non é quen de aceptar. Hai tristeza e desacougo nos seus ollos, na súa expresión. O seu estado de ánimo leva, tamén, a algún desencontro coas persoas que quere. Unhas, por invasivas. Outras, por aparentemente terse desprendido, tan rápido, dun vínculo que ela aínda non é quen de romper. Malia todo, ela tira para adiante. Non disposta a quedar varada. Hai todo un estudo psicolóxico, nuns poucos minutos, das emocións que seguen á perda de alguén nesta curta de Rafael de los Arcos estreada na Seminci de Valladolid e protagonizada por Bruna Cusí, Goya á mellor actriz polo filme ‘Verano 1993’, de Carla Simón.

Semellante fondura psicolóxica, cunha posta en escena que confía tamén case todo á interpretación do protagonista, consegue tamén, nuns poucos minutos, ‘Mentres iso pasa’, de Nacho Ozores, que mostra o efecto paralizante que a un mozo deportista lle produce un trastorno obsesivo-compulsivo. O mozo, Nico, fai esperar unha vez máis aos seus compañeiros de equipo. Séntese mal por iso, mais non é quen de arrancar ata deter o caos da súa cabeza. Mais, por sorte, hai alguén do outro lado que lle pode axudar. Nacho Ozores estivera xa en Cans co súa primeira curta, ‘O que medra por dentro’, que levara o premio ao mellor actor protagonista para Jaime Olías.

Papá, por que quitas a música?’ e ‘El Gran Corelli’ 

‘El Gran Corelli’, filme de animación en stop-motion de Abel Carbajal, trata tamén as consecuencias que na vida dun home supón un traspés laboral

Luis (Víctor Mosqueira) é un home de mediana idade e pai de familia cunha vida normal que aconsella ao seu fillo estudar para non levar unha vida coma a súa. O mozo parece encontrarse nun momento de dúbida sobre como encarreirar o seu futuro. E ao pai pásalle algo inesperado que instala tamén o seu futuro na incerteza e que complica a súa relación coa súa compañeira e co seu fillo. Luis acaba deprimíndose mais, como en ‘Mentres iso pasa’, ten a sorte de ter persoas ao seu lado que farán o que poidan por apoialo. Ariadna Cordal asina esta curta, que chega despois de que ela completase a súa formación como directora no Eckerd College de Florida.

‘El Gran Corelli’, filme de animación en stop-motion de Abel Carbajal, trata tamén as consecuencias que na vida dun home supón un traspés laboral. O Gran Corelli é un mago novo que se atopa no cumio da súa carreira. Mais un día, nunha actuación, fállalle o truco que o fixera famoso. O fracaso e, sobre todo, o escarnio público transforman a súa vida, que se converte nun bucle de monotonía e alcohol. A curta foi estreada na última edición do festival de Sitges e nominada aos premios Feroz. O seu director traballa en Estados Unidos nunha importante produtora de stop-motion.

1 de 8.000’ e ‘Paisaje y paisanaje’

‘Paisaje y paisanaje’, de Javi Álvarez, parece unha homenaxe a negocios antigos -e ás persoas que os habitan- en perigo de extinción. Tendas, bares, obradoiros de artesanía 

Dúas das curtas de non ficción de Cans tratan tamén, de diferentes maneiras, o ámbito laboral. En ‘1 de 8.000’, Marta Valverde grava ao seu pai, incómodo pola presenza da cámara. Mentres el fala dun traballo -fabrica 8.000 pezas de motor de coche diarias- que o ten esgotado -quere xubilarse- e de como se transformou coa internacionalización da propiedade industrial, vemos nunha pantalla partida imaxes de fábricas abandonadas en barrios obreiros que non son, quizais, o que puideron ser. Marta Valverde está na sección Furacáns por segundo ano consecutivo tras pasar con esta curta pola última edición de Curtocircuíto.

‘Paisaje y paisanaje’, de Javi Álvarez, parece unha homenaxe a negocios antigos -e ás persoas que os habitan- en perigo de extinción. Tendas, bares, obradoiros de artesanía. Personaxes e locais singulares do barrio madrileño de Malasaña, coma El Palentino, Casa Camacho e Casa Crespo. Espazos vivos, coma unha tenda de alpargatas cos tradicionais estantes de madeira, que resisten o paso do tempo cos seus -seguramente- clientes habituais. O filme establece, así, un diálogo con ‘1 de 8.000’, no que as paisaxes industriais abandonadas propoñen preguntas semellantes ás dos locais comerciais que, parecendo doutro tempo, seguen a ser deste. Entre centros comerciais que poderían engulilos.

Reality’ e ‘Hijos del Cuerdo’

Borja Santomé gañara un premio do xurado de Cans por ‘El reloj’ e este ano volve ao festival con ‘Hijos del cuerdo’

David Fidalgo vén de gañar a Biznaga de Plata. Premio do Público da sección de curtas Animazine do Festival de Málaga con ‘Homomaquia’, un traballo co que percorreu varios festivais internacionais. Este ano leva a Cans a súa nova curta, ‘Reality’, unha crítica aos programas de “telerrealidade” na que o debuxo da animación se mestura co son deformado de conversas reais deste tipo de programas televisivos. A curta mostra o espazo de degradación humana no que a “telerrealidade” se converte na súa loita pola audiencia, fomentando o conflito e a agresividade con falsos discursos sobre os concursantes como exemplo social.

Borja Santomé gañara un premio do xurado de Cans por ‘El reloj’ e este ano volve ao festival con ‘Hijos del cuerdo’, outra curta de animación na que volve estar presente a súa característica linguaxe gráfica. Dous personaxes inician unha viaxe ás montañas coa súa tenda de campaña. Mais o que ía ser unha escapada da vida urbana acaba complicándose pois, como di un deles, nada é tan fácil, a viaxe tamén supón sacrificios e a natureza pode non ser tan acolledora como parece. Todo se volta confusión, así, con algún momento de terror, nun bucle de imaxes que percorren un mundo situado entre a realidade e o soño. Como en ‘Mare’.

Usos e costumes’ e ‘Notas sobre a habitabilidade’

Xoves de comadres’, de Noemí Chantada, vén de pasar pola Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e de levar unha mención especial do xurado no Festival de Málaga 

Diferentes persoas habitan unha praia mentres son observadas por unha muller que roda en mini dv. Os observados decátanse, ás veces, de estar a ser gravados. Ou obsérvanse entre eles, coma a nai que fotografía o fillo malia a incomodidade deste. O punto de vista do observador e do observado parecen vertebrar esta curta na que nada especial parece acontecer máis que un día de praia. Mais as diversas capas de observación acaban conformando un calidoscopio que vai máis alá do propio feito da rodaxe da curta, que xoga á imaxe doméstica. Mesmo o sol, ou a lúa, parecen observar a escena.

Unha casa abandonada e as hipóteses sobre como sería habitada no pasado marcan o inicio de ‘Notas sobre a habitabilidade en A Barca’, de Pablo Paloma, reflexión sobre a habitabilidade posible dunha aldea despoboada que é o primeiro filme de investigación do colectivo Cinema Semente. A estética do vídeo doméstico, da imaxe de arquivo, parece ser tamén, como en ‘Usos e costumes’, a aposta desta curta na que falan un tocador de campás e lanzador de foguetes ou elementos naturais e obxectos creados polos humanos que poden atoparse nun rural galego explorado, tamén, como espazo cinematográfico. Ou como lugar ao que regresar, como a casa abandonada. A curta conecta así, tamén, con ‘Cartografía do esquecemento’.

Xoves de comadres’ e ‘Un lugar bajo el sol’

‘Xoves de comadres’, de Noemí Chantada, vén de pasar pola Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego e de levar unha mención especial do xurado no Festival de Málaga. Relacionada tamén cun rural que esmorece, esta curta trata a soidade das persoas maiores que, coma a súa protagonista, unha muller doída pola escaseza das visitas da súa familia, desenvolven un certo desapego co mundo que lles serve para protexerse desa ferida. Mais, como no caso de ‘Mientras esto pasa’, unha man amiga estará alí para axudar a esta muller a reconectarse cun espazo que é, tamén, seu.

Rodado en Portonovo e a súa contorna, ‘Un lugar bajo el sol’, de David Outón, capta instantes fermosos iluminados pola luz do sol. Na sección oficial de Cans competirán tamén as curtas da sección Novas Camadas, que poderán verse en Vinte despois da súa proxección en Cans, e os videoclips deste ano, de Os amigos dos músicos, Tanxugueiras, Mounqup, Presumido, Sondarúa, Guadi Galego, Lesuit, Mundo Prestigio, Amado Ferreiro, Elefantes Mutilados, Baiuca e Carlangas, Killer Barbies, Boyanka Kostova, Rabuda e Terbutalina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.