O Festival de Cans entregou esta noite, na súa gala final do seu día grande, os galardóns correspondentes á súa 18ª edición. A edición da maioría de idade supuxo un certo retorno á normalidade, con preto de 40 actividades, entre proxeccións, roteiros, concertos, exposicións ou coloquios, que se celebraron nun total de once espazos, recuperando algúns dos máis emblemáticos. Houbo grandes medidas de seguridade ante a pandemia de COVID; por exemplo, a capacidade máxima permitida de todos os espazos foi reducida a un 50% e á aldea só se puido acceder en bus e só cunha entrada para as actividades. Porén, o festival recuperou boa parte da súa esencia.
'Monte Bravo', de Muìño, fíxose cos premios á Mellor Película e á Mellor Dirección
Coa entrega dos premios remataba unha edición do certame na que competían 33 curtametraxes e 20 videoclips. Os galardóns recoñeceron a un amplo grupo de creadores e creadoras galegas, entre as que destacan dous nomes: Noelia Muíño e Alberto Vázquez.
'Monte Bravo', de Muìño, fíxose cos premios á Mellor Película e á Mellor Dirección. A realizadora, que se formou como realizadora entre Santiago, Barcelona e New York, xa obtivera 3 galardóns con ‘The Widow’ en 2019. ‘Monte Bravo’ conta a historia dunha nena dunha aldea galega en tempos da posguerra. Un día, mentres xoga, ve ou cre ver un lobishome. Decide buscalo xunto ao seu irmán. Esa procura mergúllaos nunha relación chea de soidade, alegría e medo.
Alberto Vázquez obtivo os premios de Mellor Curta de Animación e Mellor Banda Sonora
Pola súa banda, Alberto Vázquez coa súa curta 'Homeless Home', obtivo os premios de Mellor Curta de Animación e Mellor Banda Sonora (realizada por Víctor García). Vázquez gañara xa en tres ocasións na categoría de animación. E, ademais, ten tres premios Goya.
Outro dos grandes triunfadores foi o realizador vigués Gon Caride, que co seu filme ‘Deux Options’ obtivo dous premios: ao Mellor Guión e ao Mellor Actor
Outro dos grandes triunfadores foi o realizador vigués Gon Caride, que co seu filme ‘Deux Options’ obtivo dous premios: ao Mellor Guión e ao Mellor Actor, compartido polos actores Jan Soja e Noël Faur. O xurado valorou “desenvolvemento enxeñoso e rico en recursos”. A curta conta a historia dun inmigrante que ten que afrontar a realidade do racismo en Francia, un dos países nos que viviu Gon Caride. Así mesmo, a intérprete Lidia Veiga fíxose co galardón Mellor Actriz pola súa actuación en “O que queda de nós”
Entre as cintas competidoras na sección FuraCáns, gañou a curta ‘Os corpos’, de Eloy Domínguez Serén. O xurado optou por esta película “por ser un retrato dunha das tradicións culturais máis importantes de Galicia, abordando a etnografía dende un achegamento sensorial e inmersivo que fai partícipe ao espectador”. A curta de Domínguez Serén chegaba a Cans logo de ser premiada tamén en certames internacionais coma o IDFA de Amsterdam, o Bafici de Bos Aires ou o Clermont- Ferrand en Francia.
Entre as cintas competidoras na sección FuraCáns, gañou a curta ‘Os corpos’, de Eloy Domínguez Serén
Na sección Novas Camadas, dedicada a valorar traballos de creadores e creadoras noveis, a curtametraxe gañadora foi ‘Aleteado’, de Yuri Salgado Álvarez. O xurado recoñeceu o risco asumido polo realizador “na exploración de novas técnicas e estéticas, xogando coa imaxe máis pura e as texturas, para conseguir expresar deste xeito os medos e incertezas propios do actual contexto derivado da pandemia”. ‘One Gardening Day’, de Aarón Pérez Pardiñas, obtivo unha mención de honra nesta categoría.
Outros premios
Na sección Novas Camadas, dedicada a valorar traballos de creadores e creadoras noveis, a curtametraxe gañadora foi ‘Aleteado’, de Yuri Salgado Álvarez
O premio ao Mellor Videoclip foi para Veleno, de Baiuca, realizado por Adrián Canoura.
A relación de galardóns complétana os recoñecementos á Mellor Fotografía, outorgado a Marcos del Villar polo seu traballo en ‘Cabelo’, e a mención ao actor Ángel López pola súa interpretación en “Hai unha virxe alí arriba”
O premio do Xurado dos Veciños foi para ‘Cineris’, de Carlos A. Quirós. Os veciños de Cans que este ano avaliaron as curtametraxes participantes salientaron “a maneira en que a curta achega ao público, facendo uso do humor negro, un tema como a morte dunha persoa”.