O festival de Cans deixa atrás a pandemia e regresa ás súas datas habituais na primavera

As edicións 2020 e 2021 do Festival de Cans celebráronse no mes de setembro por mor da situación sanitaria que se vivía nas datas habituais de finais da primavera © Festival de Cans

O certame celebrará a súa XIX edición entre o 18 e o 21 de maio de 2022, volvendo a coincidir en datas co Festival de Cannes francés, como xa é tradición

A pandemia obrigou a suspender ou aprazar un gran número de citas culturais. Outras puideron levarse a cabo, pero con formatos reducidos, maiores medidas de prevención e seguridade e, en ocasións, en datas distintas ás habituais. Foi o caso do Festival de Cans, que nos anos 2020 e 2021 mantivo a celebración do certame, pero desprazándose dende o mes de maio aos de agosto e setembro, debido á difícil situación sanitaria que se vivía na primavera.

Un momento da edición 2021 do Festival de Cans © Festival de Cans

Porén, o festival do Porriño vén de anunciar que no 2022 regresará á primavera, ao seu tempo habitual, de xeito que a XIX edición se celebrará -se a situación da pandemia así o permite- entre o 18 e o 21 de maio, volvendo a coincidir en datas co Festival de Cannes francés, como xa é tradición. As datas foron decididas pola asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do certame, e foi xa comunicado nos últimos días a veciñas e veciños, institucións e empresas patrocinadoras.

A pesar da COVID, puido levar a cabo as dúas últimas entregas, desprazadas aos meses de agosto e setembro, mantendo calidade e éxito de público, con 7.500 persoas asistentes neste 2021

Dende a organización destacan que, a pesar das dificultades introducidas pola COVID nos dous últimos anos, o festival puido levarse a cabo con normalidade, chegando a 7.500 persoas na edición 2021. Desta cifra, unhas 6.000 persoas asistiron de xeito presencial ás proxeccións, concertos e actividades do festival, e outras 1.500 persoas conectáronse de xeito virtual a algunha das seccións de curtametraxes ou coloquios en streaming. A pesar da mellora na situación sanitaria, o Festival manterá nas vindeiras edicións estas canles de acceso virtual aos seus contidos. 

Alfonso Pato, no peche da edición 2020 do festival de Cans, celebrado no mes de setembro © Festival de Cans

Neste ano activou o ciclo “Cinemaldea”, que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias de O Porriño

Así mesmo, neste ano activou o ciclo “Cinemaldea”, que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias de O Porriño, acadando a cifra de 250 persoas que asistiron presencialmente a estas proxeccións, co ánimo de achegar o cinema ó rural. En total, o Festival realizou este pasado ano 121 contratacións laborais e contratou servizos a case 50 empresas locais, ademais de contratar directamente 140 habitacións a diferentes establecementos hoteleiros.

A organización destaca que está a traballar "coa máxima prudencia"

Nos vindeiros días abrirase o prazo de envío de curtametraxes o obras a concurso. En todo caso a organización destaca que está a traballar "coa máxima prudencia", pois "a experiencia adquirida nas dúas últimas edicións leva á organización a traballar en paralelo cunha marxe para tomar decisións en cada momento, de acordo co que vaia determinando as autoridades sanitarias"

Un dos coloquios celebrados na edición 2021, adoptando medidas de seguridade para evitar posibles contaxios © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.