Mobilizar vivenda baleira e máis axudas ao alugueiro, o plan de Pontón para a emancipación xuvenil se é presidenta

Ana Pontón, xogando ao futbolín con mozos e mozas en Ames CC-BY-NC-SA BNG

Mobilizar vivenda baleira e poñela no mercado a prezo limitado e aumentar as axudas ao alugueiro. Son dúas das medidas do plan para impulsar a emancipación da xente nova presentado este luns pola candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón. 

A tamén portavoz nacional do Bloque mantivo un encontro con mozos e mozas en Ames no que explicou algunhas das medidas de proxecto de goberno para a xente nova, entre as que destaca ese Plan de emancipación da mocidade para facilitar o acceso á vivenda, unha cuestión que, advirte, "está a atrasar e limitar as expectativas e os proxectos de vida" dos máis novos ante "misión imposible" que resulta saír da casa dos pais pola carestía das alternativas. 

Ana Pontón, xogando ao futbolín con mozos e mozas en Ames CC-BY-NC-SA BNG

Pontón promete un aumento das bolsas ao alugueiro para chegar ao dobre de persoas e axudas e unha bolsa de vivenda en colaboración coas universidades para quen vai estudar fóra

Así, Pontón explicou que como primeira medida, a curto prazo, e no caso de que acade a presidencia da Xunta, o novo Goberno galego incrementará as axudas destinadas ás bolsas ao alugueiro para chegar, como mínimo, ao dobre de persoas, incrementando ademais as súas contías. Ademais, anunciou tamén unha nova liña de axudas propia da Administración autonómica para as mozas e mozos que se desprazan por razóns de estudo e non teñen contrato laboral, que agora están excluídos dos programas públicos de alugueiro.

Pontón tamén prevé crear unha bolsa de vivenda para estudantes en colaboración coas universidades, en réxime de alugueiro a prezos accesibles “e en condicións de dignas” para que non se acaban vendo "pisos con humidades, que non cumpren cos requisitos mínimos”, como denuncian tantas veces os e as estudantes. .

O BNG propón un plan para mobilizar vivenda baleira que inclúe a compra por parte da Xunta e a posta en réxime de alugueiro, con prioridade para a xente nova

En canto ao Plan de mobilización de vivenda baleira que ten previsto poñer en marcha ese goberno que aspira a presidir, nel Pontón inclúe a compra de vivenda por parte da Xunta para poñela en réxime de alugueiro, sendo a mocidade un dos colectivos beneficiados prioritarios polas "dificultades" que sofren. 

Ponton lembra que a taxa de emancipación é de tan só o 15% entre os 16 e os 29 anos e que entre os 30 e os 34 anos Galicia é terceira pola cola (con só 3 de cada 10 persoas que logran emanciparse), segundo o último informe do Consello da Xuventude do Estado. Tamén recordou que os mozos e mozas galegas destinan entre un 50% e un 60% do seu salario á vivenda para poder emanciparse, "cando todos os estudos indican que esta porcentaxe non debería supoñer máis do 30% dos ingresos". 

Ana Pontón, xogando ao futbolín con mozos e mozas en Ames CC-BY-NC-SA BNG

“Cos salarios tan baixos que hai neste país e que son máis baixos no caso da mocidade, isto é misión imposible”, dixo no café compartido con mozos e mozas, cos que tamén botou unha partida de futbolín.

“Imos poñer a Xunta a traballar ao seu favor para que o da vivenda non sexa un problema, senón que busquemos solucións, e imos dar o mellor de nós para que a mocidade estea no centro das políticas públicas e que poida emanciparse e facer o seu propio proxecto de vida e axudarlle a cumprir os seus soños”, concluíu Pontón. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.