O vindeiro 8 de febreiro cumpriranse 15 anos dende que unha ampla delegación do PP se uniu á manifestación convocada por unha asociación denominada Galicia Bilingüe. Entre outras acusacións, aquela organización mantiña que o país estaba inmerso nunha caste de ditadura lingüística e ausencia de "liberdades" por mor da "imposición" do galego en Galicia, que atribuían ao Goberno de PSdeG e BNG.
Aquela comitiva dos populares non estaba encabezada polo seu presidente e candidato, Alberto Núñez Feijóo, que se atopaba de viaxe preelectoral na Arxentina. O cargo de maior relevancia no organigrama do partido que acudiu á marcha foi o daquela secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda, quen afirmou que acudira porque cría "na liberdade", unha "base da liberdade" sen "impoñer unha lingua sobre outra".
Esa "imposición", acusaba, viña dada por medidas como o decreto de uso do galego no ensino que o Goberno da esquerda aprobara en 2007 reproducindo, literalmente, os preceptos do Plan Xeral de Normalización da Lingua que fora aprobado por unanimidade en 2004, aínda con Fraga na presidencia. Os populares chegaran a pactar o texto do decreto coa Xunta de PSdeG e BNG, pero acabaran rachando o acordo.
O actual presidente e candidato do PP manifesta que "temos a obriga de fomentar o galego" e o "orgullo de que haxa dúas linguas propias en Galicia", se ben segundo o Estatuto só a galega ten esa condición
Década e media despois, Rueda é o candidato á presidencia polo PP por primeira vez, en ausencia de Feijóo. Con esta condición, o actual presidente está a acudir nas últimas semanas a diversas citas cos medios de comunicación como a entrevista que protagonizou este 23 de xaneiro no espazo La Noche en 24 horas, que conduce Xabier Fortes no Canal 24 Horas de RTVE.
Como fixera o día previo coa candidata do BNG, Ana Pontón, -este mércores acudiu ao mesmo espazo o socialista José Ramón Gómez Besteiro- o xornalista dirixiuse a Rueda en galego no tramo final da entrevista para cuestionalo pola situación do idioma e, concretamente, as vías para promovelo entre a mocidade. O actual titular da Xunta e cabeza de cartel do PP respondeu indicando que "o bilingüismo harmónico" do que "falamos sempre en Galicia non se dá noutras comunidades con lingua propia".
A continuación, non obstante, mesturou esa condición que o Estatuto de 1981outorga unicamente ao galego coa cooficialidade do castelán. Así, agregou que "temos a obriga de fomentar o galego" e o "orgullo de que haxa dúas linguas propias en Galicia", se ben estatutariamente existen dous idiomas oficiais, pero ó un coa condición de "propio de Galicia".
Década e media despois de encabezar a delegación do PP en apoio a 'Galicia Bilingüe', o líder popular advirte de que "non pode haber imposicións" do galego nin "utilizalo como arma política"
Rueda culminou a súa resposta indicando que "o que non pode haber é imposicións". "A lingua, sobre todo na xente nova, se implanta moito máis e se fomenta dende o cariño e non dende a imposición" nin "utilizándoo como arma política". Isto último, acusa, é o que pretende facer o BNG se goberna tras o 18F.
Estas consideracións de Rueda a respecto do galego chegan en vésperas da presentación do programa do PP para o 18F, que ten como coordinador o actual secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e no que cabe agardar que concreten as súas propostas na materia para os vindeiros anos. Esa presentación celebrarase o vindeiro sábado 27 en Lugo.