O presidente obvia os datos agora desvelados de 2021 e remítese a un non comparable estudo do IGE de hai catro anos no que o galego aínda era a lingua maioritaria
Na semana en que o Censo de 2021 que vén de facer público o Instituto Nacional de Estadística (INE) sitúa por primeira vez o castelán como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia, por diante do galego, o presidente da Xunta evitou este xoves facer ningún tipo de valoración crítica ao respecto. Alfonso Rueda optou por remitirse a un estudo previo e non comparable do Instituto Galego de Estatística (IGE) que con datos de 2018 aínda situaba o galego por diante e por defender que o papel da Xunta debe ser o de “facilitar a convivencia e cordialidade” entre as dúas linguas.
O presidente Rueda foi preguntado, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves, polos resultados do Censo, que din que hai xa máis persoas que usan o castelán “sempre” ou “frecuentemente” que o galego. Fronte a eses datos agora divulgados polo INE referentes a 2021, Rueda respondeu que “segundo os datos do IGE o uso do galego é maiotario, cun 51,8%, sobre o uso do castelán”, remitíndose así a un estudo feito público en 2019 con datos de 2018 e cuxa metodoloxía tampouco é comparable.
Rueda non valorou o efecto que as políticas do Goberno galego durante os últimos 13 anos poidan ter sobre a situación actual
A continuación Rueda dixo que “a Xunta ten a obriga de facilitar a convivencia e cordialidade lingüística que existe en Galicia”, en liña co discurso que deu no seu primeiro acto como presidente da Xunta no pasado Día das Letras Galegas. Tamén dixo que o seu Goberno debe “fomentar o uso do galego, que quen queira usar o galego o poida facer”, pero sen valorar o efecto que as políticas do Goberno galego durante os últimos 13 anos poidan ter sobre a situación actual.
O presidente limitouse a apuntar como reto de futuro o da “incorporación do galego ás novas tecnoloxías”. Pero sen ningún tipo de autocrítica a respecto do ocorrido ata agora.