O PP négase a consensuar un novo decreto do galego no ensino malia os datos que advirten do seu devalo

Unha profesora imparte a docencia nunha aula dun instituto galego © Xunta

Segundo os últimos datos do Instituto de Estatística de Galicia (IGE), un cuarto da infancia en Galicia non sabe falar galego, case a metade só usa o castelán e pouco máis do 25% dos nenos e nenas falan na lingua propia sempre ou acotío, dez puntos menos que dez anos antes, cando entrara en vigor o polémico decreto do plurilingüismo no ensino.

Un cuarto da infancia en Galicia non sabe falar galego e a metade só usa o castelán, segundo os últimos datos do IGE

Son os datos sobre a xeración que en 2019 se atopaba escolarizada no ensino obrigatorio e que, polo tanto, contactou co galego na escola, no colexio ou no instituto en base á política lingüística instaurada polo goberno de Feijóo a través do polémico decreto. Unha normativa que seguirá vixente nos vindeiros anos, logo de que o PP volvese desbotar abrir o diálogo para un novo decreto para a normalización da lingua no ensino, tal e como propuxo este xoves o BNG no Parlamento e fixeran antes entidades como a Real Academia Galega (RAG) ante as negativas cifras de coñecemento do idioma entre a rapazada. 

Malia os datos de diferentes estudos e entidades respecto da situación do galego na xente máis nova esgrimidos polo portavoz do Bloque de Educación, Manuel Lourenzo, o PP acusou o BNG de "non deixar á marxe a súa visión pesimista sobre a lingua" e demandou que "intente conectar coa maioría dos galegos que pensan que en Galicia non hai conflito lingüístico". "Non destrúan o construído", pediu Sandra Vázquez, portavoz de Lingua dos populares, que acusou a formación nacionalista de "desexar unha inmersión monolingüe". 

O PP rexeita consensuar un novo plan de normalización do galego no ensino e acusa o BNG de "non deixar á marxe a súa visión pesimista sobre a lingua"

O BNG defendeu en pleno a derrogación do actual decreto para o plurilingüismo, así como a elaboración, en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), o Instituto da Lingua Galega e os diferentes axentes da comunidade educativa, dun plan de normalización do galego no ensino coa dotación orzamentaria axeitada.

Ademais, Lourenzo lembrou que o consenso lingúistico que reclama o BNG é "o mesmo" que demandaron o Consello da Cultura Galega, o Consello de Europa -que por cuarta vez instou a Xunta a eliminar "as limitacións para o ensino en galego"-, a Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) -que reclamou a derrogación do decreto do plurilingüismo- ou a RAG, que opta tamén por a superación da actual política lingüística na ensinanza e que nos seus últimos estudos ratificou o "efecto desgaleguizador" da escola en Galicia desde Infantil e ata a adolescencia ou a presenza "residual" da lingua galega nas aulas de ESO dos centros privados

A moción do BNG reclamaba tamén acordar cos organismos promotores da Proposta de Bases para a Normalización Lingüística no Ensino un documento de traballo para elaborar un novo marco normativo para o galego no ámbito educativo. Pero o PP dixo non e asegurou que o informe PISA constata que Galicia é a comunidade onde o alumnado "fala as dúas linguas oficioais con máis facilidade" ou onde se declara "en maior medida ser competente cando menos en dúas linguas".

Lourenzo contrapuxo os datos do IGE ou doutras entidades e advertiu que o 24% dos menores de 15 anos non saben falar galego; que só o 14% das nenas e nenos ten como lingua inicial o galego ou que dese 14% o 10,5% pérdeno no primeiro contacto coa educación Infantil. Ademais, lembrou que o 40% dos centros infantís das cidades non emprega nunca o galego e o 76% usa maioritariamente o castelán e que na Secundaria de ámbitos urbanos e periurbanos só 1 de cada 10 nenos fala galego.

"Negan os datos para xustificar o seu negacionismo"

Para o BNG, fronte ás "preocupantes estatísticas e ante o prexuízo", só existen dúas opcións: "negalo e interiorizalo ou combatelo". “E vostedes negan os datos obxectivos e fanse trampas ao solitario para xustificar o seu negacionismo”, recriminou Lourenzo á bancada do PP en alusión á extrapolación que fai de determinados valores sociolingüísticos para negar a grave situación na que se atopa a lingua galega. “Non sabemos de onde sacan os datos, todos pensamos o mesmo menos a Secretaría Xeral de Política Lingüística; isto non o di o BNG, estállelo dicindo a RAG”, reprobou.

Ademais, o portavoz de Eduación recriminou á Xunta os distintos informes do Consello de Europa sobre os seus "incumprimentos sistemáticos" en materia lingüística. “Que non se lles saian as cores na cara con estes informes e que veñan aquí a presumir que a lingua de Europa que tivo unha maior caída de falantes habituais nas últimas 5 décadas, case 60 puntos, nunha situación que vostedes chaman cordialidade, liberdade e igualdade, de verdade que é algo digno de ver porque está en colisión absoluta con que está dicindo toda a sociolingüística internacional”, advertiu

"Vostedes terán que explicar por que preferiron agradar a aqueles que en Madrid lles din que política lingüística deben aceptar antes que apostar pola normalización e polo futuro desta lingua”, rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.