65 asociacións de xornalistas integradas na Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), todas menos a Asociación de Prensa da Coruña, veñen de asinar unha carta dirixida ao Consello de Administración da CRTVG na que demandan a posta en marcha de "organismos profesionais en favor do pluralismo como o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción".
Todas as asociacións integradas na FAPE, agás a da Coruña, asinaron unha carta á CRTVG na que lle esixen o cumprimento da lei de medios e a creación do Consello de Informativos
A decisión, explican, foi tomada na recente asemblea anual da FAPE, que decidiu o envío da misiva asinada polo presidente da entidade, Miguel Ángel Noceda, na que solicita á Corporación dos medios públicos galegos "o cumprimento completo da lei de medios" galega. Nela, lembra que nesta normativa se establecen medidas como "a elección do director xeral por maioría cualificada do Parlamento galego, a posta en marcha do Consello de Informativos e a creación dun Estatuto de Redacción", disposicións legais que, lembran, "desde hai doce anos, non se implementaron aínda".
A FAPE destaca que as actuais normativas estatutarias dos medios audiovisuais públicos "salvagardan e fomentan a garantía de imparcialidade e servizo á sociedade civil" e que a actual lei de medios galega garante "a independencia, obxectividade e veracidade da información", prevé a creación "dunha autoridade audiovisual independente de Galicia que realizará tamén as funcións de consello asesor" e insta á creación do estatuto profesional.
"Ante a evidente falta de cumprimento nos aspectos máis sensibles desde o punto de vista profesional, e coas consecuencias que isto supón", a FAPE esixiu mediante carta remitida á CRTVG que "cumpra e faga cumprir" todos os preceptos da lei, "con maior significancia os seus aspectos máis relacionados co xornalismo, a liberdade de expresión e o respecto ao pluralismo".
Tal e como destaca Defende A Galega, colectivo que suma 260 semanas de protesta contra a "manipulación" e polo cumprimento da Lei de Medios, a Asociación da Prensa da Coruña abstívose na proposta de carta que si apoiaron as de Santiago, Vigo e Lugo. O posicionamento de FAPE chega a poucos días dunha nova xornada de folga, a quinta, na que o persoal reclama o "cesamento dos abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación informativa", entre outras demandas.
Ademais, a Corporación deberá afrontar nas vindeiras semanas varios xuízos tras as demandas que traballadores que foron desprazados dos seus postos presentaron contra a empresa por presunta vulneración dos seus dereitos fundamentais.
A Asociación da Prensa da Coruña di que se abstivo porque o texto "incluía erros e inexactitudes" e censura a "caza de bruxas que fai o xogo aos políticos"
Horas despois, a asociación coruñesa decidiu realizar "varias aclaracións" e indica que a proposta na asemblea da FAPE proviña dun texto da Asociación da Prensa de Santiago que "incluía varios erros e inexactitudes, como atribuír á Dirección Xeral funcións que son do Consello de Administración, polo que o voto da Coruña é de abstención, non en contra". Ademais, nun comunicado, a entidade asegura que o documento final que envía a FAPE aos medios e á Corporación "non é exactamente a proposta de resolución que se presenta, difire nalgúns aspectos, corrixindo eses erros detectad9s na primeira redacción"
"A Asociación da Prensa da Coruña (APC) non ten ningún problema en adherirse ao documento final, tal e como queda redactado e do que non tivemos coñecemento ata que se fixo público, para pedir que se implementen o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción da CRTVG", segue o comunicado, no que a APC di "lamentar que a situación da CRTVG sexa utilizada para enfrontar os xornalistas galegos, sinalando a quen pide máis información e ten en conta os matices á hora de decidir o seu voto, nunha caza de bruxas en redes sociais que cremos que fai o xogo, unha vez máis, aos políticos dun e outro signo, que utilizan os xornalistas como puntas de lanza para as súas propias guerras".
"Gravísima discriminación de xénero"
Por outra banda, o comité intercentros da CRTVG advertiu este mércores nun comunicado que considera "inaceptable" e dunha "gravísima discriminación de xénero" a proposta que a dirección de Recursos Humanos lle trasladou respecto da relación do persoal que vai participar nos especiais das eleccións municipais.
"É inaceptable a sistemática penalización na cobertura electoral da maioría de persoal que, malia a súa acreditada profesionalidade e cualificación, leva anos sen a posibilidade de participar cos medios p0úblicos no evento informativo máis importante da cultura democrática", din.