Un día despois de non asistir ao debate electoral dos medios públicos do Estado e un día antes de que persoal da CRTVG se mobilice no 270º venres negro contra a manipulación e polo cumprimento da lei, Feijóo criticou nunha entrevista en RNE a dirección "alegal" de RTVE e expresou o seu desexo de que "no futuro" sexa "un pouco máis consensuada e non tan tortuosa".
Mentres Feijóo lanza estas reclamacións e desconfía mesmo da "neutralidade" de RTVE, en Galicia é a Xunta e o goberno que el presidiu durante trece anos o que recibiu e recibe peticións semellantes. Así, entre as principais reivindicacións do persoal mobilizado e do colectivo Defende A Galega figura a remuda na dirección xeral conforme ao previsto na lei, isto é, por maioría reforzada do Parlamento -dous terzos (50) ou tres quintos (45 dos escanos)-, o que necesariamente implica os votos de cando menos un dos dous grupos da oposición, PSdeG ou BNG.
Feijóo critica a dirección "alegal" de RTVE; na CRTVG a dirección xeral leva ocupada desde 2009 por Sánchez Izquierdo malia que a lei de 2011 fixa a elección dunha nova
E mentres Feijóo alude á dirección "alegal" de RTVE, na CRTVG a dirección xeral está ocupada dende 2009 por Alfonso Sánchez Izquierdo, designado directamente polo Goberno de Feijóo ao abeiro da anterior lei da CRTVG, a aprobada en 1984. A actual norma, aprobada en 2011, xa se incumpría nalgúns dos seus aspectos clave cando levaba apenas seis meses en vigor. En 2015, a Xunta e o PP aproveitaron a tramitación dos Orzamentos Xerais do ano seguinte para introducir nela unha reforma que prolongou indefinidamente o seu mandato.
Así, Sánchez Izquierdo mantense indefinidamente no cargo que ostenta desde hai catorce anos, tras acceder coa chegada de Feijóo á Xunta en 2009, malia que a lei dos medios públicos fixa desde 2011 a elección dunha nova dirección xeral xunto co novo consello de administración.
O Goberno de Feijóo aproveitou a tramitación dos Orzamentos en 2015 para introducir unha disposición que permite a Sánchez Izquierdo continuar "transitoriamente" no posto
Ese prazo non se cumpriu nin cando tocaba -en xuño de 2012- nin cando no verán de 2015 si foi renovado o consello. Pouco despois daquela votación, o Goberno do PP aproveitou a tramitación dos Orzamentos Xerais de 2015 para introducir na súa lei de acompañamento unha disposición para permitir que, se cando a Corporación comezase formalmente a súa actividade -1 de xaneiro de 2016-, Sánchez Izquierdo aínda non fora substituído, puidese continuar "transitoriamente" no posto. Aí segue e aí pode seguir, agás que se reforme a lei de medios, ante un improbable acordo entre todos os partidos pola necesidade dunha maioría reforzada.
A Xunta e o PP galego, tanto con Feijóo como con Alfonso Rueda, veñen esquivando sistematicamente esta cuestión. Tamén cando, a principios do verán do ano pasado, foron remudados dous dos representantes dos populares no consello de administración da CRTVG pola dimisión de ambos -un deles, para incorporarse ao gabinete de Feijóo na presidencia do PP-.
Os elixidos para o posto foron activos membros do PP que antes traballaran en medios e ostentaran xefaturas de comunicación e gabinete cos populares na Deputación de Lugo e na presidencia da Xunta. Os nomeamentos foron rexeitados polo BNG, pero saíron adiante ao aceptalos ao PSdeG dentro dunha votación na que tamén se renovaba o Consello de Contas.
A cuestión do cumprimento íntegro da lei da CRTVG e da elección de dirixentes alleos aos partidos para dirixila planeaba sobre as protestas dos sindicatos e de Defende a Galega cando, tamén o pasado 2022, o o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificaba que a corporación pública sancionou un traballador en represalia por mobilizarse nos venres negros, sentenza que adquiriu firmeza en xuño dese pasado ano.
Feijóo di que "as canles públicas teñen un selo de independencia" e que é "bo afondar nel"
Estas e outras cuestións son trasladadas reiteradamente por BNG e PSdeG ao Parlamento, onde o Goberno galego retrucou á condena cargando contra EH-Bildu e mais contra o Goberno galego de PSdeG e BNG (2005-2009). Sánchez Izquierdo, pola súa banda, responde ás críticas de nacionalistas e socialistas á liña informativa da Televisión de Galicia negando calquera tipo de manipulación ou control político, remitíndose aos datos de audiencia ou acusando a oposición de "atacar e censurar a liberdade de expresión".
Na entrevista deste xoves en RNE, o presidente do PP e candidato á presidencia neste 23X, Alberto Núñez Feijóo, asegurou respecto da dirección de RTVE que "primeiro se consensuara, posteriormente fíxose dimitir ao presidente" que estaba "consensuado" e "agora hai unha situación alegal" que di non compartir. "Paréceme que as canles públicas sempre teñen un selo de independencia que é bo afondar nel", rematou.
Desde hai máis de cinco anos, persoal mobilizado arredor do colectivo Defende A Galega, ademais do comité intercentros da CRTVG, denuncian a "manipulación", o "control informativo" e a falta de independencia dos medios públicos galegos. Nos últimos meses, varios traballadores presentaron demandas contra a Corporación por presunta vulneración de dereitos fundamentais.