O PP ameaza RTVE. Nos últimos días da campaña electoral, os populares apostan por elevar o ton contra os medios públicos logo de que o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, cuestionase unha xornalista de TVE que evidenciou nunha entrevista que achegara datos falsos sobre a revalorización das pensións por parte dos gobernos populares.
"Revise vostede os datos", advertiu Feijóo, visiblemente amolado, á periodista Silvia Intxaurrondo durante a entrevista en TVE na que insistiu en que o PP sempre revalorizara as pensións conforme ao IPC cando non era verdade. Horas despois, o eurodeputado popular e vicesecretario de Asuntos Institucionais e Internacionais do partido, Esteban González Pons, sinalou directamente a RTVE.
Feijóo cuestionou unha xornalista de TVE por advertilo de datos falsos; González Pons di que "RTVE vai perder as eleccións" e pide que "dimitan os dirixentes dese partido"
"Creo que RTVE vai perder as eleccións. E espero que ao día seguinte dimitan os dirixentes dese partido, como se fai en todos os partidos cando perden as eleccións ás que se presentan. Mellor non ir. Eu nin a vexo, nin vou", escribiu en Twitter, identificando os medios públicos cunha formación política. Rafael Hernando, senador do PP, cualificou TVE como "Telesánchez". Feijóo, este martes, recoñeceu a súa "inexactitude" pero evitou a desculpa que el si esixiu á xornalista no caso de ter razón.
A FAPE (Federación de Asociacións de Periodistas de España) denunciou os "ataques a traballadores de RTVE" ante as declaracións de González Pons e lembra nun comunicado que "o labor dun xornalista é preguntar, contextualizar, contrastar con datos e repreguntar". "Se un representante político minte, e os datos así o reflicten, é obriga do periodista rebater esas falsas afirmacións e ofrecer unha información veraz", engade.
As asociacións de periodistas denuncian os "ataques a traballadores da RTVE" e o Consello de Informativos de TVE amosa o seu "estupor" ante as críticas
Ademais, o Consello de Informativos de TVE manifestou o seu "estupor e rexeitamento" ante aqueles que "critican o exercicio do xornalismo", tras mostrar o seu "apoio aos compañeiros" do programa no que Feijóo foi entrevistado. "Reprobamos os ataques á independencia dos periodistas da corporación pública", insistiu.
O ataque do PP á radio e á televisión pública non é novo pero si cada vez máis, duro, directo e ameazante. Chega xusto horas antes de que a CRTVG, dirixida desde hai máis dunha década polo director xeral situado por Feijóo e a cúpula elixida durante o seu mandato, afronte tres novos xuízos por presuntas "represalias" a profesionais críticos coa Corporación ou co partido gobernante en Galicia. E co risco de novas sentenzas como a condena de hai un ano contra os medios públicos galegos por sancionar un traballador en represalia por mobilizarse cos venres negros.
Os deste mércores son dous novos xuízos contra a CRTVG tras as demandas presentadas por varios dos seus traballadores por vulneración de dereitos fundamentais. Neste caso, as dos xornalistas Alberto Ordóñez e Mayte Cabezas. Dúas vistas que estaban sinaladas para o pasado martes 27 de xuño pero que foron finalmente adiadas pola excepcional duración da celebrada aquel día pola denuncia doutra periodista dos medios públicos, Mónica Rosas.
A CRTVG afronta dous novos xuízos por posibles represalias a persoal crítico tras a vista do mes pasado e a condena de h ai un ano
Nese xuízo, a cúpula da CRTVG negaba que o repentino traslado dunha xornalista con máis de 25 anos de experiencia na televisión á radio se debese a represalia ningunha. Mónica Rosas, logo de toda unha vida traballando nos informativos da TVG, foi informada un venres de febreiro de que tería que incorporarse ao seu novo posto como redactora na Radio Galega o seguinte luns.
Foi un dos numerosos "traslados forzosos" que denunciou o comité intercentros, que entende que esta mudanza e a doutros compañeiros que tamén presentaron demanda debeuse a "represalias" polas súas críticas á xestión da CRTVG ou pola súa posición crítica contra o que consideran "manipulación informativa" e "persecución política" do persoal mobilizado. Este foi, ademais, un dos motivos das últimas xornadas de folga convocados nos medios públicos.
Tanto ela como Ordóñez, Cabezas e Nuria López -cuxo xuízo foi sinalado para setembro- denuncian que foron trasladadas dos que foron os seus postos habituais durante décadas de maneira sorprendente, repentina e sen xustificación, e atribúeno ás súas posicións críticas -ben coa propia CRTVG ou co PP-, á súa significación con Defende A Galega ou á súa negativa a acatar o que consideran "prácticas manipuladoras" por parte dos máximos responsables da Corporación.
Tendo en conta a primeira das vistas, celebrada nos xulgados de Santiago, e atendendo ás fontes xurídicas coñecedoras do caso ou presentes no xuízo, as perspectivas non son moi prometedoras para a CRTVG. A Corporación atribúe os cambios a razóns organizativas e a xuíza retrucou preguntando se non é necesaria formación para asumir un novo posto ou por que non se buscaron voluntarios para ocupalo en lugar de obrigar a determinados profesionais á mudanza.
O argumento defendido polos demandados e a súa representación legal é claro: os traslados foron empregados pola empresa como un "mecanismo de castigo" por seren activos na mobilización, críticos ou por negarse a intentos de control informativo. Na súa opinión, a proba de que foron represalias é que decisións así non tiñan precedentes e que todas as mudanzas se desencadearon de súpeto e de forma conxunta.
A CRTVG sofre para convencer a xuíza de que non traslada persoal por represalias; os xornalistas advirten de "traslados forzosos" en represalia pola súa posición crítica
As mesmas fontes xudiciais advirten de que a CRTVG non é quen de explicar, precisamente, por que os cambios foron forzosos e por que se realizaron de maneira repentina, e alertan do precedente da condena á Corporación por represalias ao xornalista Carlos Jiménez, na primeira das sentenzas deste tipo na historia dos medios públicos, cuxa cúpula foi elixida e mantida durante o mandato de Núñez Feijóo á fronte da Xunta.
Estes novos xuízos celebraranse este mércores, día no que estaba prevista a celebración dun debate electoral a catro en RTVE entre os líderes de PSOE, PP, Sumar e Vox. Será a tres finalmente, ante a negativa de Feijóo a acudir a uns medios dos que dixo desconfiar da súa "neutralidade". O líder do PP e ex-presidente da Xunta rexeitou todas as ofertas para debater nos medios públicos e apostou por que o cara a cara con Pedro Sánchez fose organizado por Atresmedia.
Hai só uns meses, Feijóo esixía a fin da colocación de afíns e a independencia de RTVE logo dunha década de incumprimento da lei de medios en Galicia. Antes, denunciara un "control férreo" en TVE cando se viñan de cumprir catro anos de venres negros -protestas de persoal da CRTVG contra a manipulación e o control político- e semanas despois da primeira condena por represalias nos medios públicos galegos.