Debate electoral ás dez da mañá en 'venres negro': "É unha estratexia premeditada"

Persoal da CRTVG mobilizado nun venres negro e estudio no que se celebra o debate electoral CC-BY-SA Defende a Galega / Praza.gal

Como acontecera nas últimas citas electorais, o único debate polas xerais do vindeiro 23 de xullo nos medios públicos de Galicia celébrase nun dos horarios con peor audiencia televisiva. Será o que nesta mañá -e coincidindo co 269º venres negro de protesta contra a manipulación e as represalias a profesionais- participan Miguel Tellado (PP), José Miñones (PSdeG), Néstor Rego (BNG) e Marta Lois (Sumar). 

Así o decidiu o plan de cobertura da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións xerais malia a posición en contra de todos os partidos -agás o PP- sobre un debate que só dura unha hora e que é gravado nun estudio radiofónico "multimedia" para difusión conxunta ao vivo pola primeira canle da TVG, a Radio Galega e o sitio web da CRTVG. Ademais, será reemitido pola segunda canle da televisión pública ás 23 horas. 

Miguel Tellado (PP), José Miñones (PSdeG), Néstor Rego (BNG) e Marta Lois (Sumar), participantes no debate da CRTVG polo 23X CC-BY-SA PP | Praza.gal | Sumar

Malia as protestas, a Xunta Electoral rexeitou o recurso presentado polo BNG contra o plan ao considerar que "non existe vulneración dos principios recollidos" na lei electoral e ao cinguirse ao cumprimento dos criterios de proporcionalidade e representatividade das formacións e non tanto ao formato dos debates. Si estimou en parte o recurso de Vox, instando a CRTVG a dar máis tempo ao partido de ultradereita nos bloques informativos e no peche de campaña. 

De feito, a propia Xunta Electoral aclara que non hai unha regulación explícita sobre debates na lei e a súa instrución 4/2011 limítase a aclarar que "corresponde aos órganos de dirección dos medios a decisión de organizalos ou difundilos" e que, de facelos, "deberán respectar os principios de pluralismo político, neutralidade informativa, igualdade e proporcionalidade". 

BNG, PSdeG ou Sumar ven na fixación do horario do debate un paso máis na "estratexia" da CRTVG de "ocultar o pluralismo" e a "axenda galega"

Así, foi a dirección da CRTVG quen decidiu, malia as críticas, levar a cabo un único debate -a pesar de que en Galicia escóllense deputados por catro circunscricións provinciais- e facelo ás 10 da mañá, franxa horaria na que os debates dos comicios municipais tiveron unha audiencia media televisiva de pouco máis de 10.000 persoas. 

Desde as formacións políticas progresistas entenden que o formato e horario elixido non é máis que unha peza máis dunha "estratexia" de "manipulación e ocultación do pluralismo" na que a CRTVG leva tempo. O colectivo Defende A Galega, que supera os cinco anos de protestas contra o "control político" e a "falta de obxectividade e independencia" dos medios públicos, non aforra cualificativos á hora de opinar sobre o tipo de debate electoral que formula a dirección. 

Concentración de persoal mobilizado no colectivo Defende a Galega, o pasado 13 de maio na sede central da CRTVG CC-BY-SA Defende a Galega

"É unha auténtica vergonza porque a CRTVG, deste xeito, non está a cumprir coa misión de servizo público que ten encomendada, ao se emitir un único debate e, de novo, en horario de mínima audiencia", explica a Praza.gal Defende A Galega, que cre que "en lugar de facilitarse, limítase o acceso da cidadanía a unha oportunidade única para confrontar as propostas das distintas candidatas e candidatos, o que vai en detrimento da calidade e do pluralismo dese servizo".

"É unha vergonza; a CRTVG non está a cumprir coa misión de servizo público que ten encomendada", di Defende a Galega. "Non lles interesa que se vexa porque nel trasládanse opinións plurais e non se controla o que cadaquén di, como si fan nos telexornais", di o comité intercentros

Para este colectivo, a elección do horario do debate e o feito de que só se celebre un teñen que ver coa falta de pluralidade e manipulación que leva tantos anos denunciando o persoal mobilizado. "Buscan, de forma tendenciosa, minimizar a pluralidade dos contidos e das mensaxes dos partidos concorrentes a estas eleccións nas circunscricións galegas", din. 

"É un claro de exemplo da manipulación continua que vimos denunciando as traballadoras dos medios públicos do país ao longo do último lustro", insiste Defende A Galega, que coincide na análise con Raquel Lema, traballadora da CRTVG, membro da CUT e presidenta do comité intercentros. "Ás dez da mañá ninguén ve os debates e non lles interesa que se vexan. Por que? Porque nel trasládanse opinións plurais e non se controla o que cadaquén di, como si fan nos telexornais", explica. 

Olalla Rodil, na comisión de control da CRTVG CC-BY-NC-SA BNG

"Esa perda de control non lle interesa á CRTVG e menos que se traslade nun horario de máxima audiencia. Ao PP vaille ben, así que para que tocar ou arriscar; prefiren deixar de prestar ese servizo público que perder o control do discurso que dirixen desde os informativos", engade Lema. 

"Hai unha estratexia clara de ocultación do pluralismo e da clave galega da campaña", di Olalla Rodil (BNG)

Non é moi diferente a opinión das formacións políticas. Olalla Rodil, parlamentaria do BNG e habitual portavoz da formación na comisión de control da CRTVG, cre que na dirección dos medios públicos "hai unha estratexia clara de ocultación do pluralismo e da clave galega da campaña electoral". "Pretenden presentar os comicios como unhas eleccións presidencialistas cando o que se escolle son representantes por cada circunscrición... En Galicia temos unha axenda propia que pretenden agochar", engade quen ve unha táctica que vén de "hai tempo". 

"É unha táctica premeditada, unha estratexia para que o debate teña a menor audiencia posible", denuncia Noelia Otero (PSdeG)

O mesmo opina Noelia Otero, deputada do PSdeG e outra representante socialista na comisión parlamentaria dos medios públicos. "É unha táctica premeditada, unha estratexia para que o debate teña a menor audiencia posible, como xa fixeron en 2019 ou nas últimas municipais", di quen aclara que se daquela o seu partido xa amosara o rexeitamento ao horario, "imaxinamos agora, sendo un venres de xullo, pola mañá e con tanta xente de vacacións". 

Pola súa banda, Marta Lois, candidata de Sumar pola Coruña e participante no debate deste venres, cre que a elección do horario, "que non é de máxima audiencia, non se corresponde con criterios xornalísticos, senón con criterios políticos". Desde a súa formación, aclara, cren que "esta cobertura da CRTVG responde aos intereses do PP e non aos da cidadanía galega"

Noelia Otero, na comisión de control da CRTVG CC-BY-SA PSdeG

Lois, igual que Rodil e Otero, manifesta a súa "solidariedade coas traballadoras e traballadores da TVG que, como sucede todos os venres desde hai máis de cinco anos, protestan contra a manipulación que sucede na súa casa, que é tamén a casa de todas e todos os galegos". 

"A elección do horario do debate non se corresponde con criterios xornalísticos, senón con criterios políticos; responde aos intereses do PP", di Marta Lois (Sumar)

Todas ven na elección do formato e horario do debate, ao igual que Defende A Galega, outra mostra máis desa "manipulación" que a dirección exerce a prol dun determinado partido político. "A lei electoral non obriga a facer un debate electoral, pero facelo ás 10 da mañá vai en contra do propio mandato que ten a CRTVG para axustar os horarios ao público potencial, que neste caso son uns 2,2 millóns de persoas que teñen dereito ao voto en Galiza", lembra Olalla Rodil. 

"Mentres a CRTVG estea dirixida polo actual director xeral hai pouco que facer", engade Noelia Otero, que cre as denuncias á deriva dos medios públicos non só opinións senón certezas e datos. "Cando a dirección nega vulneración de dereitos só hai que acudir ás sentenzas que recoñecen represalias ao persoal, cando defende a idoneidade dun debate ás dez da mañá, só hai que comprobar os datos de audiencia", explica. "Que imos facer? Seguir alzando a voz", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.