Defensa dos logros da esquerda fronte ás gabanzas a Feijóo no debate da CRTVG ás 10 da mañá

Debate electoral polo 23X na CRTVG, este 23 de xullo ás 10 da mañá © Sinal CRTVG

"Non é verdade". Foi a frase máis repetida polo cabeza de lista do PP pola Coruña ás eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo durante o único debate electoral programado pola CRTVG este venres ás 10 da mañá. O tamén vicesecretario de Organización dos populares tentou así contrarrestar os datos cos que PSdeG e Sumar defenderon a xestión do goberno de coalición progresista no Estado ou cos que o BNG puxo en valor os seus logros para Galicia desde o Congreso. 

Tellado (PP) centrou boa parte do seu tempo en negar a veracidade dos datos que sobre a xestión no goberno deron Miñones (PSdeG) e Marta Lois (Sumar)

"Non escoitamos nin unha proposta do PP", recrimináronlle ao candidato popular tanto José Miñones, actual ministro de Sanidade e cabeza de lista pola Coruña do PSOE, como Marta Lois, quen lidera a candidatura na mesma provincia de Sumar. Mentres, Tellado baseou as súas intervencións en advertir do "malo" que o goberno de Sánchez foi para Galicia logo de ser advertido varias veces polo moderador das súas interrupcións. 

José Miñones (PSdeG), durante o debate na CRTVG CC-BY-SA CRTVG

"O de Sánchez foi o goberno que máis dano lle fixo a Galicia en menos tempo", dixo Tellado, que atribuíu ao Executivo central o peche de Endesa nas Pontes, o da central de Meirama ou que "o AVE só chegue a Ourense", ademais de acusar o actual presidente socialista de "rirse de todo o país durante a pandemia" e de "chegar ao poder mentindo". "Temos unha das mellores sanidades de Europa grazas á Xunta", dixo, pola contra, para gabar a xestión de Feijóo en San Caetano. Ademais, resumiu como obxectivo para os comicios a "derrogación do sanchismo". 

Foi un debate a tres bandas, no que Miñones e Lois defenderon o papel dos seus partidos ou dos seus candidatos á presidencia na xestión gobernamental dos últimos anos, mentres Tellado negaba calquera dato achegado e Rego, desde o BNG, reivindicaba a súa formación como a única "que defende os intereses de Galiza" porque "non está para obedecer o que decidan en Madrid". 

Miñones puxo "en valor os feitos" dun goberno que "non deixou ninguén atrás" e reprochou, xunto a Lois, que Tellado non fixese nin unha soa proposta para o futuro

Así, Miñones advertiu de non "caer na provocación do candidato do PP" e optou por "poñer en valor os feitos" dun goberno central que, dixo, "non deixou ninguén atrás". Gabou os ERTE, os créditos ICO, as baixas de impostos a alimentos básicos, as bonificacións no transporte público ou os mecanismos que permitiron a redución da factura da luz e do gas. "Nunca antes tivo Galicia tanta xente traballando grazas á reforma laboral", dixo o actual ministro, que tamén virou as súas críticas cara ao BNG e Rego, ao que cualificou de "irrelevante" durante a pasada lexislatura. 

Miguel Tellado (PP), durante o debate na CRTVG CC-BY-SA CRTVG

Desde Sumar, Marta Lois, pola súa banda, advertiu do "gran risco de involución democrática" que suporía a vitoria do bloque da dereita e da ultradereita o 23X e apelou á cidadanía, especialmente "ás mulleres e ás mulleres mozas" para que "imaxinen o que podería pasar cos seus dereitos sexuais e reprodutivos ou coa educación" no cas dunha vitoria do PP e Vox. 

Lois (Sumar) apelou á "política útil" de Yolanda Díaz con "datos" e apostou por reducir a xornada laboral ou unha "transición xusta" 

Ademais, apelou á "política útil" que, ao seu ver, levou a cabo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e lembrou a suba das pensións para 770.000 pensionistas galegos, a mellora nas condicións laborais e salariais das mulleres, a suba do salario mínimo ou "o récord histórico de afiliacións á Seguridade Social en Galicia". "Son datos", reivindicou. Como tamén son datos, engadiu, os das "21 vivendas de promoción pública que Feijóo construíu no país" nos últimos anos. 

Lois prometeu un servizo de óptica, dentista e fisioterapia na sanidade pública no caso de que Sumar chegue ao poder e apostou pola redución da xornada laboral ás 37,5 horas semanais, ademais de apostar pola "transición xusta" e a creación de emprego coas novas industrias verdes e lembrar a precariedade que na sanidade galega levan denunciando tempo colectivos médicos ou de enfermaría. 

"Seguen co foco en Madrid; nós queremos unha Galiza que poida ter decisión en función dos seus propios intereses", reivindicou Rego (BNG) fronte ao resto de candidatos

Desde o BNG, o seu cabeza de lista pola Coruña e deputado na anterior lexislatura, Néstor Rego, defendeu logros como a rebaixa das peaxes da AP-9 ou o dragado e rexeneración da ría do Burgo e reprochou varias veces ao resto de candidatos que "non mencionasen Galiza nin unha soa vez" nas súas intervencións nalgún dos bloques temáticos. 

"Seguen co foco en Madrid; nós queremos unha Galiza que poida ter decisión en función dos seus propios intereses, soberana, pero temos un reto: que o noso país asuma todas as competencias previstas no Estatuto", reivindicou, logo de lembrar que foran "cero" as competencias asumidas pola Xunta durante os anos de Feijóo no goberno galego e poñer de "exemplo da discriminación" do país a ausencia de tren de proximidade nas áreas urbanas galegas

Marta Lois (Sumar), durante o debate na CRTVG CC-BY-SA CRTVG

Ademais, Rego propuxo a creación de cinco novos xulgados de violencia de xénero en Galicia, recuperar a indemnización de 45 días por despedimento que foi suprimida na reforma laboral, topar o prezo dos combustibles ou unha cesta básica da compra. Para iso, pediu a "confianza" da cidadanía e dos votantes no BNG para "ter un grupo galego forte" con peso e forza no Congreso. 

Ademais, insistiu na reivindicación da baixada do prezo dos peaxes na AP-9, o que deu lugar á contestación da candidata de Sumar, Marta Lois. "Non consideramos ter que estar pagando 2.300 millóns de euros ata 2048 porque esas bonificacións saen tamén dos petos dos galegos e galegas", dixo para renegar dos "parches". "Queremos recuperar a autoestrada para o público, nacionalizala e logo transferila ao Goberno galego", insistiu. 

"Alégrome que Sumar se sume á nacionalización da AP-9; nós reclamabamos a gratuidade pero o que puidemos conseguir foron as bonificacións pola cerrazón. O BNG non está no goberno pero vostedes si", recriminou Rego a Lois, que contestou ao candidato do Bloque asegurando que "os intereses de Galicia deféndense mellorando as condicións materiais dos galegos e das galegas". "Hai moitos partidos que defendemos os galegos e galegas", insistiu. 

Néstor Rego (BNG), durante o debate na CRTVG CC-BY-SA CRTVG

Antes, foi na loita contra a violencia machista onde Tellado (PP) se sentiu máis acurralado, logo de ser interpelado polo resto de candidatos sobre os seus pactos coa extrema dereita e o rexeitamento real das agresións de xénero ao tempo que repetía que o goberno de Sánchez "puxo na rúa 117 violadores e agresores sexuais".

"Feijóo dixo que non ía pactar con Vox porque ía contra Galiza", espetoulle Rego ao lembrar os acordos do PP coa ultradereita en varias comunidades e concellos. 

Lois e Rego amosaron a súa "solidariedade" co persoal mobilizado contra a manipulación na CRTVG e censuraron o horario do debate

Moito antes, no inicio do debate, que coincide co 269º venres negro de protesta de persoal da CRTVG contra a "manipulación informativa", Marta Lois e Néstor Rego quixeron amosar a súa "solidariedade" cos traballadores mobilizados. A candidata de Sumar puxo os medios públicos como "exemplo de como o PP instrumentaliza as institucións públicas para poñelas ao servizo de interses partidistas". 

"Hai anos que os medios públicos se transformaron nun instrumento de propaganda do PP. O horario das dez da mañá é unha mostra disto", engadiu Rego, que lembrou os "máis de cinco anos" que persoal da CRTVG leva "denunciando a manipulación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.