A CRTVG sofre para convencer a xuíza de que non traslada persoal por represalias un ano despois da primeira condena

Sede da CRTVG en San Marcos © CRTVG

A CRTVG afrontou este pasado martes o primeiro de varios xuízos tras as demandas presentadas por varios dos seus traballadores por vulneración de dereitos fundamentais. Ao tempo que o líder do PP estatal e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dicía non confiar da "neutralidade" de RTVE para xustificar a súa negativa a asistir a un debate electoral, a cúpula dos medios públicos de Galicia -nomeada durante o seu mandato- negaba que o repentino traslado dunha xornalista con máis de 25 anos de experiencia na televisión á radio se debese a represalia ningunha. 

A CRTVG afrontou o primeiro dos catro xuízos tras as demandas por vulneración de dereitos fundamentais de persoal que foi trasladado do seu posto habitual durante décadas. Os outros dous foron adiados a xullo

Foi na primeira das vistas previstas, a da demanda de Mónica Rosas, xornalista que no pasado mes de febreiro, e logo de toda unha vida traballando nos informativos da TVG, foi informada un venres de que tería que incorporarse ao seu novo posto como redactora na Radio Galega o luns. Foi un dos numerosos "traslados forzosos" que denunciou o comité intercentros, que entende que esta mudanza e a doutros compañeiros que tamén presentaron demanda debeuse a represalias polas súas críticas á xestión da CRTVG ou pola súa posición crítica contra o que consideran "manipulación informativa" e "persecución política" do persoal mobilizado. Este foi, ademais, un dos motivos das últimas xornadas de folga convocados nos medios públicos. 

Imaxe da vista celebrado o pasado martes 27 nos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O de Mónica Rosas, mobilizada e significada nas protestas de Defende A Galega contra o control político da CRTVG e polo cumprimento da lei de medios, é o primeiro dos casos que acabou en xuízo. Os outros, os de Alberto Ordóñez e Mayte Cabezas -cuxas vistas previstas para este martes foron adiadas ao 19 de xullo pola cantidade de testemuños escoitados na primeira- e o de Nuria López, sinalado para setembro. 

Todas elas denuncian que foron trasladadas dos que foron os seus postos habituais durante décadas de maneira sorprendente, repentina e sen xustificación, e atribúeno ás súas posicións críticas -ben coa propia CRTVG ou co PP-, á súa significación con Defende A Galega ou á súa negativa a acatar o que consideran "prácticas manipuladoras" por parte dos máximos responsables da Corporación. 

A CRTVG atribúe os cambios a razóns organizativas e a xuíza pregunta se non é necesaria formación para o novo posto e por que non buscaron voluntarios para ocupalo

No caso de Mónica Rosas, e tras a vista celebrada este martes, as perspectivas non son moi prometedoras para a CRTVG. Varios dos seus directivos intentaron convencer a xuíza do Social número 1 de Santiago, Paula Méndez, de que o seu traslado non tivera nada que ver cunha represalia e que se debera a "razóns organizativas". O subdirector de Informativos e a xefa de Recursos Humanos advertiron de que a decisión fora tomada semanas antes, malia que a afectada non foi consultada, e recoñeceron que non buscaron ningún outro perfil para o posto que acabou cubrindo. Tamén asumiron que a xornalista non recibira formación ningunha previa, pese a que nunca traballara antes na radio e a pesar das diferentes ferramentas tecnolóxicas e informáticas utilizadas. 

Foi a maxistrada quen puxo en dúbida que o feito de ter formación en xornalismo non esixise un tempo de adaptación e unha formación no caso de mudar de medio e redacción ou quen insistiu en preguntas a responsables da Corporación sobre o feito de que non buscasen profesionais voluntarios para a mudanza en vez de impoñela a quen non a solicitara. Díxoo logo de que a demandante aclarase que amosou a súa desconformidade co traslado así que llo anunciaron e de que diversas testemuñas asegurasen que leva anos sendo relegada a cubrir informacións menores polo seu claro apoio a Defende A Galega. 

Mónica Rosas, xornalista da TVG, durante un directo CC-BY-SA Defende A Galega

O argumento defendido polos demandados e a súa representación legal é claro: os traslados foron empregados pola empresa como un "mecanismo de castigo" por seren activos na mobilización, críticos ou por negarse a intentos de control informativo. Na súa opinión, a proba de que foron represalias é que decisións así non tiñan precedentes e que todas as mudanzas se desencadearon de súpeto e de forma conxunta. 

O fundamental, primeiramente, segundo explican fontes xudiciais coñecedoras do caso, é que a xuíza determine se o cambio que afectou a Mónica Rosas -e posteriormente ao resto de traballadores- supuxo unha modificación substancial das súas condicións de traballo. Xa que logo, se o paso da televisión á radio, ou viceversa, tendo en conta a antigüidade e experiencia nun dos medios, supón unha mudanza tal que cambia claramente o labor a realizar. 

A xuíza deberá determinar se os traslados supuxeron un cambio substancial das condicións de traballo e, nese caso, se foron en represalia ou por razóns organizativas

No caso de que así se considere, afectaría a todos os demandantes porque todos eles cambiaron dun medio a outro. O seguinte paso será determinar se hai indicios suficientes para establecer que eses traslados se levaron a cabo como represalia ou se se deberon unicamente a razóns obxectivas, proporcionadas e de organización. Na primeira das opcións, a maxistrada terá que determinar se esas mudanzas vulneraron dereitos fundamentais e cales, xa que non todos os demandantes aluden aos mesmos. 

Nese caso, a clave é a inversión da carga probatoria, como explican as mesmas fontes, xa que é a CRTVG a que ten que demostrar que os traslados non foron unha represalia senón que se debían a razóns "empresariais e de organización", como defende. Non semella que o lograse neste primeiro xuízo, segundo varias das fontes presentes na vista. 

Concentración do persoal da CRTVG no Toural pola folga do 24 de marzo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Fontes xudiciais advirten de que a CRTVG non é quen de explicar por que os cambios foron forzosos e por que se realizaron de maneira repentina

"A empresa non semella ser quen de explicar por que os cambios se fixeron de maneira forzosa e por que se realizaron de maneira repentina, case de un día para outro, o que non cadra coa fórmula habitual neste tipo de mudanzas", explican. 

Se no caso de Mónica Rosas a demanda atribúe o seu traslado á súa clara significación nos venres negros, nas de Alberto Ordoñez e Mayte Cabezas as circunstancias son distintas. No caso do primeiro, foi trasladado do seu posto de experto económico na radio durante anos á televisión e logo de negarse a acatar unha orde dos superiores para que nunha información sobre o IPC non se resaltase que a inflación medrara en Galicia máis que a media no Estado. 

Mayte Cabezas, pola súa banda, foi trasladada á radio logo de 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar o presidente do PP estatal, candidato á presidencia do Goberno central e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en redes sociais. Nuria López, con máis de vinte anos de experiencia na radio, acabou sendo trasladada á páxina web. 

Na vista oral do pasado martes, ademais, compareceron dous peritos, un chamado polos avogados da xornalista e outra por parte da empresa. Debían manifestar o seu parecer sobre se o traslado da televisión á radio podía considerarse un simple cambio de tarefas froito de mudanzas organizativas, como defende a CRTVG, ou se é unha modificación substancial das condicións laborais. 

Alberto Ordóñez, un dos profesionais da CRTVG que presentou demanda CC-BY-SA Defende A Galega

Decana da facultade de Comunicación e perito da CRTVG

Antolín Romero, profesor universitario, experto en radio e televisión e traballador de RTVE, explicou que entende que os labores audiovisuais e radiofónicos son diferentes e precisan de habilitades distintas e dunha formación previa que a demandada non recibiu. Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, defendeu a postura da CRTVG e asegurou que calquera licenciado en xornalismo ten capacidade para traballar en calquera dos dous medios, aínda que asumiu que se require un período de adaptación. 

A impresión das fontes xudiciais coñecedoras do proceso e de persoas presentes na vista oral é a de que a CRTVG non ten moi boas expectativas e lembran o caso de Carlos Jiménez

O feito de que a decana adoptase "sen demasiados matices" a postura da Corporación causou un fondo malestar entre moitos dos traballadores mobilizados dos medios públicos, que censuran que a facultade asumise as teses da CRTVG cando nunca se manifestou sobre o conflito que o persoal leva anos denunciando. 

A impresión das fontes xudiciais coñecedoras do proceso e de persoas presentes na vista oral é a de que a CRTVG non ten moi boas expectativas e lembran o caso de Carlos Jiménez. Os xuízos son semellantes aos que se derivaran do conflito que os medios públicos galegos mantiveran con este xornalista e que acabou coa primeira sentenza contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico. 

Aquel ditame do Xulgado do Social Número 1 de Santiago, que se fixo firme hai xusto agora un ano, condenara a compañía por sancionar este profesional en resposta ás súas mobilizacións nos venres negros e consideraba, precisamente, que foran vulnerados os seus dereitos fundamentais. A xuíza é a mesma que leva agora estes casos.

No caso de que a CRTVG sexa condenada, os traballadores terán que ser readmitidos nos seus antigos postos. Ademais, se a xustiza considera que foron vulnerados dereitos fundamentais, tamén serían indemnizados. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.